Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Os usuarios de Adisbismur fanse navegantes en Camariñas

Os usuarios de Adisbismur fanse navegantes en Camariñas

Durante esta fin de semana de 12 e 13 de xullo, un grupo de 9 persoas con discapacidade do Centro de Recursos de Valadares de ADISBISMUR (Asociación de persoas con discapacidade da bisbarra de Muros) están a recibir unhas clases de navegación a vela lixeira no Club Náutico de Camariñas dende as 16:00 ata 19:00 horas.

Este curso forma parte do Proxecto GAVEA (Galicia Vela Adaptada) da Federación de Asociacións de Persoas con Discapacidade da Provincia de A Coruña (COGAMI Coruña), entidade membro de COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade). O obxectivo deste proxecto céntrase nesta ocasión na posta en marcha dunha “Escola de Vela para todas e todos” coa finalidade de achegar os deportes náuticos ás persoas con discapacidade. Dita escola conta co patrocinio de DKV Seguros, Fundación La Caixa e o Concello de Camariñas.

O Proxecto GAVEA naceu no ano 2002 co propósito de fomentar a participación das persoas con discapacidade en actividades náutico- deportivas, derribando as barreiras que impiden o uso do medio mariño, pois o acceso a este tipo de actividades é moi complicado dado que na nosa contorna non existe unha oferta de lecer e tempo libre adaptada.

O singular desta “Escola de Vela para todas e todos” é que posibilita a iniciación á vela lixeira así como a realización de actividades náuticas, sendo un exemplo de integración social. Entre os seus principais obxectivos destacan:

  • Sensibilizar á opinión pública e ás persoas con discapacidade de que poden desempeñar un papel activo na sociedade, poñendo a énfase nas súas capacidades en lugar de situalo sobre as súas limitacións.
  • Traballar coas persoas con discapacidade que participen nas actividades náuticas coa finalidade de facilitarlles o crecemento persoal e o descubrimento das capacidades necesarias para superar as dificultades de integración, tanto nesta experiencia como na vida cotiá.

Novas relacionadas

Fonte

  • COGAMI.

Comentarios