Os Xuvenís do Volei Dumbría alcanzan un meritorio 6º posto no Campionato de España
Menuda temada a que leva a familia do Volei Dumbría. Un campionato Galego para os Sénior mentres os Xuvenís, ademais de arrasar en Galicia, veñen de quedar na 6ª praza do Campionato de España. Aí é nada.
Ata Almería foi unha completa expedición costeira para disputar Campionato de España de voleibol na categoría xuvenil masculino entre os días 27 de abril ata 1 de maio. Esperaba a crema do voleibol estatal, por iso que o 6º posto é máis que satisfactorio, tras perder só 2 partidos, un deles o equipo anfitrión de Cajamar, que finalmente sería o que lograría o entorchado nacional.
O Campionato, paso a paso
O equipo da Costa da Morte quedou encadrado no grupo F e debutarían na competición ante o UBE Lílla Grau de Castellón, onde destacaba o oposto internacional Augusto Colito. O resultado foi unha merecida victoria do Volei Dumbría por un contundente 3-0 con parciais de 25-19, 25-20 e 25-21. Ese mesmo día pola tarde tocaba enfrentarse co equipo murciano de Postres Reina Caravaca, e os rapaces dumbrieses repetirían o mesmo resultado con parciais de 25-12, 31-19 e 25-17, nun partido dominado de principio a fin, agás o segundo set, onde os murcianos intentaron dalo todo para non quedar fora dos postos que daban dereito a pelexar polo campionato nacional. No terceiro partido de grupos, e xa ca clasificación para loitar polos postos do 1 ao 12, o rival sería o Campión Catalán Sant Pere i Sant Pau de Tarragona. O Volei Dumbría iría por diante no primeiro set, pero finalmente o perdería por un axustado 26-24. No segundo set chegarían empatados a 17, pero finalmente os cataláns impondríanse por 25-22 e no terceiro e último set vencerían por 25-18.
Xa na segunda fase, quedarían encadrados no grupo 2 co Voleibol Leganés e o Cajamar de Almería. No primeiro partido vencerían o equipo madrileño de CV Leganés por 3-1 (25-22, 25-22, 17-25 e 25-20) nun gran partido dos xogadores dumbrieses, que sabendo do potencial do equipo anfitrión non lle quedaba outra que gañar os madrileños para non quedar útimos de grupo. No segundo partido deste grupo, o rival sería o Cajamar de Almería, actual Campión de España da categoría, e que finalmente revalidaría o título, con 3 xogadores internacionais, entre eles o MVP do torneo o receptor Fran Iribarne que sería peza clave na victoria dos andaluces por 3-0 con parciais de 25-16, 25-18 e 25-20. A superioridade local foi moi clara e os xogadores da Costa da Morte so foron capaces de competir cando o adestrador local, o internacional Cosme Prenafeta, cambiaba aos tres internacionais que tiñan.
Así pois o Volei Dumbría acadaría a segunda posición de grupo quedando a pelexar polos postos do 5 ó 8. O primeiro rival sería o CVS Fustes Can Vaquer de Sóller, actuáis Campións de España na categoría cadete. Nun dos mellores partidos do campionato os dumbrieses impondríanse por un axustado 3-2 con parciais de 22-25, 26-24, 27-25, 23-25 e 15-13. O axustado dos parciais demostran a igualdade máxima que se deu no partido ante un rival con 2 xogadores encadrados na Concentración Permanente da Selección Española de Palencia, entre o que destaca Jordi, MVP do torneo nacional na categoría cadete a tempada pasada.
Con este resultado os xogadores de Juan Carlos Suárez e Luis Alberto Fernández pelexarían polo 5º posto, enfrontándose de novo o equipo tarracones de Sant Pere i Sant Pau. Os cataláns moito máis frescos do partido da mañá, impondríanse por un claro 3-0 (25-18,25-8,25-20) nun partido sin historia xa que os dumbrieses pagaron en exceso o partido ante os mallorquíns, e onde o receptor internacional de 2.01 Gimeno, fixo moito dano na defensa galega.
Finalmente o Voleibol Dumbría quedaría na sexta posición, nun campionato onde estaba presente os mellores clubes nacionais, e as futuras estrelas deste deporte.
Un equipo para a historia
A expedición dumbriesa estaba formada por Juan Carlos Suárez y Luis Alberto Fernández como adestradores e os xogadores Manuel Marcote, David Redonda, Gabriel Trillo, Javier Domínguez, Unai Larrañaga, Marco Lado, Óscar Prieto, Manuel Costa, Alberto Sampedro, Juan Bautista Marcote e Adrián Garea.
Crónicas da tempada
- O Volei Dumbría, Campión Galego Sénior no seu segundo ano en competición.
- Os Xuvenís do Volei Dumbría, rotundos campións galegos.
- Os chicos do Volei Dumbría, clasificados para os Campionatos Galegos.
- Un cadete costeiro nas semis do Campionato de España de Volei.
- 5 costeiros coa Selección Galega de Volei ao Campionato de España.
- Pleno de vitorias no comezo da segunda fase para a familia do volei costeiro.
- Unha maratoniana xornada con sabor doce para a familia do Volei Dumbría.
- Fin de semana de volei “internacional” no Conco.
- 3 costeiros concéntranse no Conco ca Selección Galega de Volei.
Novas relacionadas
Fonte
- Volei Dumbría.