Luns. 26.08.2019
El tiempo

Paixón, ledicia, tristeza, ilusión e moita deportividade nas Finais das LCFs

Paixón, ledicia, tristeza, ilusión e moita deportividade nas Finais das LCFs

Rematou a XV Liga de Fútbol Sala en idade escolar organizada polo Club Deportivo Costa da Morte. E rematou tras unhas ligas algo máis curtas das habituais. Estes dous últimos anos, trala baixada de orzamento que outorga a Secretaría Xeral para o Deporte a través do programa Deporte en Idade Escolar, só se puideron desenvolver 2 grupos (norte e sur) cando hai 3 anos había unha longa liga de 8 equipos que duraba anta marzo.
Unha mágoa, segundo apuntaban moitos dos participantes ante a cantidade de ilusión que demostraron nestes finais celebradas en Dumbría, Cee e Corcubión, en colaboración cos concellos.

I é que non ten prezo vivir esa paixón, ledicia, tristeza, ilusión, e sobre todo deportividade, moita deportividade a que se viviu este pasado sábado no pavillón municipal de Corcubión. Foi unha xornada deportiva intensa, desas que non se esquecen. Xogáronse un total de 5 partidos caracterizados todos eles por unha gran igualdade, nos que os marcadores foron sempre moi axustados e os xogadores o deron todo para gañar.

Comezando polos 3º e 4º postos

A xornada comezaba ás 10:00 co primeiro partido polo 3º-4º posto na categoría benxamín. Enfrontábanse As Baleas contra EMF Vimianzo. O equipo de Camariñas impúxose ó de Vimianzo por un axustado 3 a 4 despois de remontar os da vila do encaixe un 3 a 2 nos últimos minutos de partido.

Ás 11:00 xogábase o 3º - 4º posto na categoría alevín. Nesta ocasión enfrontábanse EMF Vimianzo contra Concello de Dumbría. Unha vez máis a igualdade foi a nota predominante nun partido xogado de poder a poder. Un gol mediada a 1ª parte serviu para darlle a vitoria ós de Vimianzo a pesares dos esforzos dos xogadores dumbrieses que o intentaron ata o final.

Os benxamíns abren a final

Ás 12:00 empezaron as finais. A primeira en xogarse foi a de categoría benxamín entre os equipos do Concello de Cee e Concello de Fisterra. Empezaron dominando os de Cee e froito deste dominio acadaron unha renda de 2 a 0 que semellaba definitiva. Pero os de Fisterra refixéronse e pouco a pouco foron facéndose donos do partido.
Cada vez rondaban máis a área ceense ata que ó final conseguiron perforala para achegarse no marcador. Este tanto doulle máis forzas e pouco despois lograron a igualada coa que rematou o partido. Despois de 40 minutos de duro esforzo tiña que decidirse o gañador dende os 6 metros onde os de Cee estiveron máis atinados marcando dous dos tres penaltis, mentres que os de Fisterra non eran que de marcar ningún deles.

Final alevín

Preto das 13:00 horas daba comezo á final alevín que enfrontaba ó Concello de Corcubión e Concello de Carnota. Moita intensidade e fútbol control cun gran prantexamento táctico por parte dos dous equipos. Ó pouco de comezar a segunda parte os corcubioneses abriron a lata.
Os de Carnota acusaron o golpe e parecía que non ían ser quen de plantarlle cara ós de Corcubión, pero unha vez máis as aparencias enganáronnos. Sen volverse tolos, sabendo que aínda quedaba moito para rematar o partido, os xogadores de Cambeiro foron facéndose co control do xogo mentres os de Carlos Pazos esperaban unha contra que finiquitase a final.
Mediada a segunda parte os carnotáns conseguiron igualar o partido e cando todo facía pensar nos lanzamentos de penalti, un impresionante trallazo dende o medio campo estrelouse na portería do Corcubión. O rexeite aproveitouno o dianteiro carnotán para poñer o definitivo 1 a 2 que lle daba a vitoria ós de Carnota faltando 4 minutos para o remate do partido.

Final infantil

Un pouco antes das 14:00 horas xogábase o definitivo partido da xornada. A final infantil que enfrontou ó Concello de Carnota contra As Baleas. Na primeira parte apertou máis o Carnota que conseguía adiantarse nunha xogada de mala sorte para os de Camariñas. Na reanudación os de Camariñas devolvían a igualada ó marcador, pero mediada a segunda parte o Carnota sentenciaba o partido cun forte disparo ó saque dunha falta.

Entrega de premios

Coa entrega de premios, feita polos Concelleiros de deportes dos Concellos de Fisterra e Corcubión, puxemos fin á XV edición da LCFS Costa da Morte na que participaron un total de 10 equipos e máis de 150 xogadores.

Resultados das Finais das LCFs en Corcubión

EncontroCategoríaResultado
3º e 4º postoBenxamínEMF Vimianzo - As Baleas (3-4)
3º e 4º postoAlevínEMF Vimianzo - C. Dumbría (1-0)
FinaisBenxamín C. Fisterra B – C. Cee (2-2 / 0-2 para o Cee por penaltis)
FinaisAlevínC. Carnota – C. Corcubión (2-1)
FinaisInfantilAs Baleas – C. Carnota (1-2)

Clasificacións

  • CATEGORÍA BENXAMÍN:
    - 1º C. Cee (xogará a fase intercomarcal).
    - 2º C. Fisterra.
    - 3º As Baleas;
    - 4º EMF. Vimianzo.
  • CATEGORÍA ALEVÍN:
    - 1º C. Carnota (xogará a fase intercomarcal);
    - 2º C. Corcubión;
    - 3º EMF Vimianzo;
    - 4º C. Dumbría.
  • CATEGORÍA INFANTIL:
    - 1º C. Carnota (xogará a fase intercomarcal);
    - 2º As Baleas.

Os carnotáns a ver ao Lobelle

Con motivo de que as categorías alevín e infantil da Escola de Fútbol do Concello de Carnota quedaron esta fin de semana campións da XV Liga Comarcal de Fútbol Sala Costa da Morte e a modo de premio asistirán o vindeiro sábado 25 de febreiro ó Multiusos do Sar para poder ver o partido que enfronta o A. Lobelle de Santiago FS contra Caja Segovia. A modo de premio tamén, e seguro que isto lle fará verdadeira ilusión, os cativos de Carnota disputaran unha “pachanguiña” con alevíns do Lobelle durante o descanso

Máis información

Máis novas

Comentarios