Venres. 19.04.2024
El tiempo

Un carballés para o derbi da comarca de Soneira

Un carballés para o derbi da comarca de Soneira
Marcos Ordonez foi o colexiado da pasada final da Copa da Costa e arrinca esta temoporada e Bruno e Rellan tamen pitan Pérez Rellán, á esquerda, Marcos Oróñez no centro, e Bruno Méndez, na pasada final da Copa da Costa

A xornada na Costa da Morte terá un epicentro este domingo, ás 16.15 horas, no Platas Reinoso, onde se dirimirá un máis que interesante duelo de veciñanza entre o Baio e o Soneira. A Delegación da Coruña determinou que fose un colexiado carballés, Adrián Pérez Rellán, o encargado de impartir xustiza no encontro. Estará auxiliado nas bandas por Iván Vilanova e Iván Ferreiro.

E mentres Adrián Pérez terá unha viaxe curta, para unha boa parte dos colexiados da Subdelegación este será un domingo de dispersión e quilometraxes. Tres colexiados costeiros dirixirán encontros na Preferente Galicia, os tres no grupo sur, e con eles irán até catro colexiados máis en funcións de asistentes.

Rubén Reborido dirixirá o partido entre Mondariz e Sanxenxo, auxiliado por David Vázquez e Rai Reborido, mentres que Pablo Rama irá algo máis lonxe para arbitrar o Bande-Alertanavia, auxiliado por Alberto Baña e José Ageitos. Os catro equipos implicados están na metade baixa da clasificación, e aínda que ningún está en situación agónica, todos miran de reollo a distancia que os separa do pozo, polo que estes puntos contra rivais directos serán fundamentais e depararán encontros trepidantes.

Pola súa banda, Marcos Ordóñez estará no Ponteareas-Estradense, no que os locais buscan fuxir do descenso e os visitantes (actualmente quintos) engancharse á pelexa polo ascenso. Nas bandas, dous compañeiros da Delegación da Coruña, Álvaro Gil e Álvaro Rodríguez.

E moito máis fútbol na Costa, como cada xornada

Na Segunda da Costa o Mazaricos defende a súa importante renda de cinco puntos nunha complicada visita ao Baíñas. O partido adiántase ao sábado (Municipal de Vimianzo, 18.15 horas, Adrián Pérez), e de consumarse a vitoria visitante metería moita presión aos seus rivais de cara ao domingo.

Na xornada dominical, duelos da parte alta contra a parte baixa: o Ponteceso recibe ao colista, Lira (O Pinguel, 17.00 horas, David Castreje), o Corme ao penúltimo, Ameixenda (O Cairo, 16.00 horas, Daniel Martínez) e o Muxía recibe en Arliña (16.15 horas, Carlos Señarís) ao rival a priori máis complicado dos tres, o Sporting Zas. Nesta xornada tamén se vivirá un novo derbi muradán, o que enfrontará a Louro e Volantes de Baño.

En Terceira, o Coristanco tentará refrendar o seu liderado na casa do irregular Camariñas (Hermanas Patiño, domingo, 16.30 horas, Manuel Espasandín) e ampliar marxes co Castriz, que descansa esta xornada. O Cabana pode aproveitar este feito para auparse á segunda posición, que dá dereito ao ascenso directo, se é quen de gañar a domicilio a un Corcubión que aínda non sabe o que é gañar este ano (Novo Cubaleiro, domingo, 16.15 horas, Bruno Méndez).

Sen grandes duelos na categoría xuvenil

Os tres primeiros clasificados da categoría xuvenil enfrontan duelos a priori favorables aos seus intereses nesta xornada, nunha categoría moi polarizada entre equipos da zona alta e da zona baixa.

O Corme visita ao Baio (Platas Reinoso, sábado, 16.00 horas, José Ageitos), o Sofán visita ao Laxe na matinal (Municipal de Laxe, sábado, 10.00 horas, Bruno Méndez) e o Fisterra recibe, tamén pola mañá, ao Ponteceso (Ara Solis, sábado, 12.00 horas, Marcos Ordóñez).

O liderado cadete volve decidirse en Sampaio de Refoxos

Despois do empate da Esteirana a pasada xornada, quedan agora tres colíderes na categoría cadete costeira (Cee, Concello de Zas e Outes), e precisamente dous deles decidirán o primeiro posto en enfrontamento directo. Será ás 11.00 horas do domingo, no Sampaio de Refoxos, con arbitraxe por conta de Sebastián Pérez. O terceiro en liza, o Concello de Zas, ten unha viaxe complicada a Muros para enfrontarse a Os Miúdos.

E na cancha dos Miúdos (Eleuterio Balayo, sábado, 10.30 horas) tamén defenderá o seu liderado o Corme en categoría infantil. A alternativa, o Dumbría, recibe no Conco ás 11.30 horas ao Fisterra (David Vázquez). Cabe lembrar que o Dumbría podería considerarse “líder virtual”, pois ten un punto menos pero tamén un partido menos (xa tivo xornada de descanso, o Corme aínda non), e suma oito vitorias en oito partidos.

E na matinal do domingo...

A División de Honra do fútbol veterano costeiro está máis apretada que nunca. Despois do empate da xornada pasada entre dous dos favoritos, o actual líder (San Lorenzo) e o vixente campión (San Román), a clasificación por enriba está apretadísima: tres equipos nun só punto de marxe.

O San Lorenzo, líder, visita ao Castriz (San Pedro, 11.00 horas, Bruno Méndez). O Sporting Zas (segundo a só un punto) terá que desprazarse “fóra das fronteiras”, até o campo da Porta Santa (Paiosaco) para render visita ao campión, San Román (10.00 horas, Diego Echevarría). O terceiro da clasificación, o Soneira, empatado co Sporting Zas, será o único dos tres que actúe esta xornada como local, recibindo ao Ponteceso (Municipal de Vimianzo, 10.00 horas, Iván Vilanova).

E na Primeira, todo apunta a que haberá cambio de liderado, dado que o Mazaricos, actual líder, ten xornada de descanso, e até tres equipos poden rebasalo, deixándoo incluso fóra dos postos de ascenso directo.

O primeiro aspirante ao liderado é o Corme, que recibe ao Buño (O Cairo, 11.00 horas, Carlos Señarís), en tanto o Razo, cos mesmos puntos, visita ao Río Grande (Platas Reinoso, 10.30 horas, Lucas Vicente). O Xornes, que suma un punto menos que os anteriores (e dous menos que o Mazaricos) recibe en Buño ao San Ramón (Xaviña, 12.00 horas, Pedro Patiño).

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es. Ademais, os horarios, resultados e clasificacións actualizadas ao segundo en www.futboldacosta.com

Comentarios