Mércores. 16.10.2019
El tiempo

Xuvenís: Os favoritos toman posicións

Xuvenís: Os favoritos toman posicións
Imaxe do choque entre Outes e Cee xuvenil - Foto- UC Cee

Os favoritos volveron amosar a súa fortaleza nas Ligas Xuvenís e crean unha fenda máis grande entre os grupos cabeceiros e os de abaixo, como vén sucedendo nos últimos anos. Imos repasando a xornada no Grupo 3, Sur e no Grupo 4, Norte.

Liga Xuvenil, Gr.3, xornada 4

Continúa o XSC líder en solitario sendo o único equipo da categoría con 4 vitorias en 4 partidos. Os de Huelvis non estiveron tan finos como ante o Dumbría, pero marcaron moi pronto ante unha Esteirana moi correosa, e que amosou unha mellor cara a pesar de non ter sumado aínda. A partir do gol inicial xalleiro o partido volveuse soso, o campo ademais estaba moi seco, e o partido decidiuse cun par de accións de Marquiños, unha asistencia no 2-0 a Iván e outro gol.

Por detrás mantéñense firmes Dumbría, Fisterra e Mazaricos. Os primeiros mallaron nun Soneira que segue sen puntuar máis pendente do equipo de 3ª Autonómica que dos propios xuvenís, e de feito os números que xa comezan a asustar (0 de 4 e 1 gol a favor e 24 en contra).
O Fisterra non o tivo tan sinxelo ante o Corcubión, e ao descanso o marcador sinalaba un apretado 2-1. Na segunda, os fisterrán fixeron valer o seu maior plantel e finiquitaron o choque.
En Muros, o Mazaricos sacou petróleo cun 0-1 ante un cadro local que aínda non arrincou. Os da Picota manteñen o pulso dos favoritos e sitúanse por riba doutros como Outes e Cee.

Precisamente os de Manu Roque e os de José Carlos protagonizaron o choque da xornada, que repasamos abaixo. Ambos quedan igualados con 7 puntos.

Liga Xuvenil, Gr.4, xornada 4

No Norte, os favoritos comezan a tomar posicións. O Baio e Ponteceso permanecen no liderato, se ben os baieses teñen un partido menos. O sábado gañaron ao Corme nun choque moi difícil, ante un equipo cormelán que este ano é un ano máis vello e se nota. O Ponteceso comeza a carburar e endosoulle 7-1 ao Zas.
Pegados xa están Cabana e Malpica. O Cabana repetía o resultado do Ponteceso ante o Coristanco, mentres que o Malpica superaba tamén con facilidade ao Camariñas, e iso que tiveron que remontar o gol inicial de Carlos, pero os Juny (con 2 tantos), Almeyda, Jesús e Pitís sentenciaron o partido.

O choque máis interesante da xornada no norte foi o protagonizado por dous equipos da zona media. Laxe e Muxía empataban a 4 nun partido igualado, de ida e volta. Os muxiáns, coa volta dos Alcainas, e pendentes da recuperación de Dani Picallo, parece que loitarán por meterse na zona de arriba.

Partido da semana: Outes - Cee (3-3)

O meta ceense Paulo no Outes-Cee xuvenil - Foto- UC Cee
  • OUTES: Joel, Rafa, Samuel, Cristian (Juan, min.87), Adrián (Romero, min.79), Álvaro, Pensado, Sergio, Edu, Paulo (Gallardo, min.75), Alex (Abraham, min.46).
  • CEE: Paulo, Jesús, Martín (Jicho, min.77), Isma (Andrés, min.65), Tonecho, Esteban, Lamela, Aitor, Nano, Cibrán (Pablo, min.46), Benlloch.
  • Goles: 1-0, min.15: Paulo; 1-1 min.35: Esteban; 2-1, min.36: Tonecho en propia meta; 3-1, min.58: Aitor en propia meta; 3-2, min.70: Pablo a centro de Benlloch; 3-3, min.85: Benlloch.

Gran partido no Conchido entre dous dos favoritos do sur da bisbarra. O Outes, cun ton físico predominante, comezaba con moita forza, e pronto se puña por diante por medio de Paulo. Eran minutos de desconcerto ceense, ata que á media hora conseguía o empate por medio de Esteban. Pero a alegría durou pouco aos de José Carlos pois non pasara nin un minuto e Tonecho remataba un centro pero na súa propia portería. A primeira remataba cunha xusta vitoria local.

Pero trala reanudación o Cee cambiou a cara, e tomou o mando. Sen embargo, foi o Outes o que ampliou a renda cun novo tanto que contou coa colaboración do defensa Aitor, que despexou mal unha falta e o balón colouse na meta de Paulo.

Quedaba moito por remar pero os ceenses se puxeron o mono de traballo tralo 3º gol. Pablo recurtaba aínda con 20 minutos por diante e a piques estivo de empatar pero o balón quedóuselle atrás. Faltaban só 5 minutos cando un balón longo de Paulo, era peiteiado por Pablo deixando só a Benlloch que non desaproveita e acada un xusto empate.

Máis información

Crónicas Xuvenís

Crónicas da semana

Artigos deportivos

Fonte

Comentarios