Venres. 29.03.2024
El tiempo

Xuvenís: Xornada chea de goles

Xuvenís: Xornada chea de goles
Xuvenis Cabana-Camarinas-Foto-Camarinas  2 Partidazo o Cabana-Camariñas nas Redondas-Foto-Camariñas

Trala 6ª xornada só quedan Xallas polo Sur e Ponteceso polo norte imbatidos. Parece que o cadro xalleiro, ao que lle tocaba descansar, terá que pelexar co Cee, que tirou de eficacia ante un Fisterra que semella que ten un "aire" que non lle deixar facer os puntos que di o seu xogo.

Polo Norte, ao Ponteceso parece que non lle vai dar caza ninguén, se ben hai un grupo de 7 equipos moi parellos que pelexarán polas 3 prazas da liguilla dos campións.

Ao final, contabilizáronse 35 goles, 40 se contamos o partido deste luns entre Muxía e Camariñas, aprazado no seu día polas Festas da Barca.


Liga Xuvenil Norte, xornada 2

Muxía - Camariñas (3-2)

  • Muxía: Gusa, MacAreno, Juan, Iván, Chori (Xan, m.46), Cris, Ander, Marco, Carlos Josiño e Mario.
  • Camariñas: Brais B., Barreiro, Brais, Gabriel, Facundo (Álvaro, m.45), Pablo S., Pablo M., Espi, Chicote, Joseba e Adrián.
  • Goles: 0-1, m.10: Espi; 1-1, m.39: Marco nunha contra; 1-2, m.55: Joseba; 2-2, m.65: Marco nun córner; 3-2, m.70: Macareno.

Partido aprazado no seu día pola Barca ao que chegaban os dous equipos con moitas baixas. Foi un choque igualado, cun Camariñas que vivíu unha semana negra, merecendo máis do que din os resultados polo xogo despregado tanto nas Redondas como en Arliña.

Non souberon adaptarse os de Javi Baña ás duras condicións de Arliña, con moito vento e un campo cargado. Aínda así se puxeron dúas veces por diante e tiveron dous balóns á madeira que puideron ter sentenciado o choque. Pola contra, o Muxía chegaba con demasiada facilidade dadas a permisiva defensa visitante.


Liga Xuvenil Sur, xornada 6


Cee - Fisterra (5-2)

  • Cee: Paulo, Adrián (Pablo, m.80), Senlle, Borja, Álex Agulleiro, Castillo, Xabi (Samu Trillo, m.70), Chema, Isma (Álex, m.85), Samu Filgueiras (Toño, m.75) e Chiqui (Lagoa, m.62).
  • Fisterra: Aarón (Xose), Fabián, César (Iván), Andrés, Ángel (Juanfran), Dani, Gabi Anchoa, Breixo, Papin, Asier (Gonzalo) e Pichino.
  • Goles: Chiqui (2), Isma, Samu Filgueiras e Toño para o Cee. Breixo de penalti e David Pichiño para o Fisterra.

Partido moi regular do Cee en canto a xogo e máis eficaz de cara a portería, ante un gran Fisterra que quedou sen premio e que segue tendo moi mala sorte, pois a súa situación na táboa non se corresponde co xogo desenvolto.

Na primeira parte levou o Fisterra máis a iniciativa favorecido polo vento, pero foi o Cee o que, en dúas contras, se puña en vantaxe. E iso que David tivo un man a man que mandou fóra, e o Fisterra conseguira empatar dende os 11 metros.

Na segunda parte o partido estivo máis igualado en canto a xogo pois ningún dos equipos tivo o partido baixo control debido ás moitas imprecisións no pase e a unha intensidade propia dun derbi. O Cee facía o 3-1 aos poucos minutos da segunda nunha falta directa, e aí chegaron os mellores momentos dos locais. David Pichiño recurtaba poñendo o 3-2 e o empate estaba máis preto, pero non acertaron os de Eskío e chegou o cuarto gol tras unha serie de rexeites, que resultou definitivo.


Esteirana - Outes (1-1)

  • Esteirana: Álex; Eloy, Tobío, Anxo, Manu; David, Rubén, Áxel, Manu de Yi (Damián), Antonio; Íker.
  • Outes: Gorgal, César (Aarón), Adrián Martínez, David, Brión, Saúl (Jairo), Adrián Ruibal, Adán (Sergio Nieto), Carlos (Sergio), Santi, Bouzas (Fabio).
  • Goles: 1-0, m.20: Santi; 1-1, m.77: Íker.

Partido de rivalidade o vivido na tarde do sábado no Xosé Luis Vara, entre dous equipos na procura de tres puntos vitais para meterse na zona nobre da táboa clasificatoria.
Impuxo o seu dominio o Outes nos primeiros compases de partido, controlando o centro do campo, e creando perigo nas chegadas por banda. Avisaba cedo cunha boa xogada por banda dereita, que remata nun centro que se pasea pola área pequena sen atopar rematador. Froito dese dominio chegaba o primeiro gol outiense, nunha boa xogada persoal dun xogador visitante, que tras zafarse de varios contrarios estrela o balón no longueiro, o rechace cáelle a Santi, e este bate a Álex de forte tiro cruzado. Tentaba a Esteirana disputarlle a posesión ó conxunto da Serra, pero duráballe pouco o balón ó equipo local, moi impreciso na entrega. Ao borde do descanso tivo a Esteirana a ocasión do empate nas botas de Manu de Yi, nunha falta o borde da área estrelándose o seu lanzamento no travesaño.

Na reanudación, saía a Esteirana coa intención de igualala contenda. Alternábase o dominio do esférico, con moito xogo no medio campo, sen grandes chegadas de perigo por ningún bando. A falta dun cuarto de hora para a finalización do encontro, chegaría o gol do empate, nunha recuperación en medio campo do conxunto local, unha rápida triangulación entre os homes de medio campo remata nun gran pase de David que rompe á defensa visitante, deixando a Íker nun man a man con Gorgal, ó que bate con clase picándolle o balón por riba. Volvíase tolo o partido, e na seguinte xogada foi o Outes o que tivo a ocasión de poñerse por diante, nunha chegada por banda dereita que remata nun centro que bate en Tobío, decretando o colexiado a pena máxima ó estimar que o balón dera na man do defensa. No lanzamento do penalti, foi Álex o que saíu victorioso, gañándolle á partida ó lanzador, detendo o seu tiro raso á dereita do meta local. Tivo o partido unha última xogada para a polémica. O colexiado parou o partido ante a lesión de Anxo. Na reanudación do xogo con bote neutral, preto da área local, o xogador outiense recolle o esférico e encara directamente a meta esteirán, cortando "in extremis" a defensa o lanzamento á porta, enviando o balón a saque de esquina.

Final do partido con reparto de puntos que deixou mellor sabor nos locais ca nos visitantes, que tiveron maior dominio do encontro, aínda que sen materializalo en claras ocasións de perigo.


Corcubión - Montelouro (0-0)

Xuvenis Corcubion-Montelouro-Foto-Nieves Formoso Imaxe do Corcubión-Montelouro-Foto-Nieves Formoso
  • Corcubión: Mesejo, David, Isma, Maikel, Porto, Álvaro, Moure, Samuel, Germán, Xoan e Gabi Golpes. Tamen xogou: Joselu.
  • Montelouro: Xaquín, Bouzas, Sergio, Bolo, Juan; Juanma, Adrián, Junjo, Anxo; Luís e Juan de Celia.
  • Expulsións: o corcubionés Moure no min 15 por chocar co porteiro nun balón dividido, segundo o arbitro "por usar una fuerza excesiva".

A expulsión tempraneira de Moure condicionou o partido deixando ao Corcubión máis de 75 minutos cun home menos. Un Corcubión de Senra que estaba ben posicionado e facendo dano, mesmo Xoán mandou fóra diante do porteiro. Tivo que botarse atrás o cadro local e aguantar, e moito, as embestidas dos loureáns., que tampouco fixeron o seu mellor partido e parece que non dan collido o ritmo.


Castriz - Os Miúdos (1-2)

  • Castriz: Víctor, Rubén, Brais, Richi (Alejandro B., m.89), Álex, Julián (Javier E., m.89), Javier N. (Manu, m.80), Elías, Balsa, Martín (Isma) e Miguel.
  • Os Miúdos: Xandre, Gael (Óscar, m.80), Alberto, Santi, Yerai, Álex, Airán, Miguel, Tajes (Bruno, m.75), Jose e Xavi.
  • Goles: 0-1, m.40: Miguel tras varios rebotes; 1-1, m.50: Álex de falta; 1-2, m.890: Xabi de volea.

Adicoulle a vitoria o cadro muradán a Mané Senande, que tivo que deixar o banco a pasada semana por motivos de saúde, deixando o equipo nas mans de Tatá, que o ano pasado estaba ás ordes da Esteirana.

Comezaba o choque cun cadro visitante sorprendendo con continuos ataques durante os primeiros 20 minutos. Pero estaba o xogo moi parado por mor das faltas. Nunha desas Alberto rozaba o poste. Pouco a pouco o Castriz íase asentando e posesións de balóns longas calmando as embestidas muradáns pero non puideron impedir que Miguel colocara aos Miúdos por diante antes do descanso.

Estirouse o Castriz na segunda e pronto empata cunha fermosa falta de Álex dende o borda da área. Eran minutos de dominio alterno. O cadro local tiña as máis perigosas, como un tiro de Richi ao longueiro coa zurda, unha subida por banda de Miguel que salva Xandre ou un tiro de Julián ás mans do meta muradán.

Faltaban 10 minutos cando Xavi enganchaba unha volea dende fóra da área que batía a Víctor dando 3 sufridos puntos aos negros.


Liga Xuvenil Norte, xornada 6


Zas - Baio (4-4)

  • Zas: Sergio, Rubén, Ternande, Damián, Brais, Manu, Pedro, Adrián (Elías, m.57), Álvaro (Manu Lax, m.73), Dani Mato (Boli, m.80) e Andrés (Andy, m.65).
  • Baio: Julián, Queiro, Fran G., Sergio, Jose Antonio (Santi Moreira), Michi, Javier Muíño, Cristian (Alberto), Alex F. (Regueira), Estefan e Anxo.
  • Goles: 1-0, m.15: Manu; 1-1, m.35: Cristian tras un córner; 2-1, m.50: Manu marca un golazo; 2-2, m.55: Anxo; 3-2, m.60:; 3-3, m.65: Estefan; 4-3, m.80: Brais; 4-4, m.93: David Regueira dende o vértice pola escuadra tras unha xogada por banda de Estefan.

Derbi vivido, de "toma e daca", en San Andrés, o que foi un dos mellores partidos da liga de Xuvenís da Costa ata o momento. Zas e Baio sairon a peito aberto na disputa dos tres puntos en xogo no derbi municipal, un choque de ida e volta con moitas xogadas a balón parado por parte dos dous equipos.. Os visitantes sen ningún complexo empezaron poñendo en apuros a defensa local, querían así demostrar, que non van dar pasos atrás no seu obxetivo de deixar pegada na liga deste ano. Pola súa parte os da capital do Concello tampouco se ían arredar.

Adiantáronse estes á saída dun córner. Quedaron algo tocados os de Baio pero pouco a pouco fóronse para arriba para acadar o empate por medio de Cristian noutro córner preto do descanso. Asi remataría a primeira parte.

De volta dos vestiarios, toca arrebato. A un golazo de Manu por parte do Zas responde o Baio con outra acción de ciruxía por parte de Anxo. E "máis madeira", pois voltaba o Zas a adiantarse noutra estratexia, e volve a igualar o Baio noutra boa acción que remata Estefan na linea de gol...

Estaba tolo o encontro, cos dous conxuntos que van e veñen dunha portería a outra, e ninguén quería dar o seu brazo a torcer. Adiántase por cuarta vez o Zas, pero ao Baio aínda lle quedaban balas para empatar xa no desconto.

Finalmente, reparto de puntos e emoción nas bancadas dos dous conxuntos.


Porteño - Coristanco (0-2)

  • Porteño: Álex (Pablo, m.75), Jose, Manuel, Gonzalo, Bruno, Josiño (Martín, m.65), Mario (Rubén, m.78), Álvaro (Antonio, m.60), Porto, Oli e Matías (Fabio, m.46).
  • Coristanco: Eloy; Sergio (Javi, m.75), Álvaro, Varela, Álex; Dani, Corral, Adrián, Chiki (Alberto, m.70); Anido e Gabriel.
  • Goles: 0-1, m.30: Corral; 0-2, m.80: Adrián.

Partido complicado, moi igualado, entre dous equipos moi parellos. Tentou o Porteño levar o mando do xogo pero o Coristanco estaba moi ben armado atrás e non permitía demasiadas chegadas. Foron máis efectivos os de Chipi, que aproveitaron as poucas ocasións das que houbo durante os 90 minutos para que Corral e Alberto lles permitan sumar 3 puntos máis ao cadro verde.


Cabana - Camariñas (4-3)

Xuvenis Cabana-Camarinas-Foto-Camarinas Os camariñáns celebrando un tanto nas Redondas. Foto-Camarinas
  • Cabana; Darío (Diego), Julián, Pipa, Ferreiro, Kevin, Martín (Mateo), David Muíño, Carlos, Alberto, Reigía (Santi) e Pablo.
  • Camariñas: Brais B. (Brian, m.75), Barreiro, Brais, Miguel (Pifo, m.75), Facundo (Pose, m.45), Pablo M., Joseba, Pablo S., Chikote (Álvaro min.70), Espi (Gabriel, m.70) e Adrián.
  • Goles: 1-0, m.35: Ferreiro de falta; 1-1, m.40: Adrián, 2-1, m.44: Ferreiro de cabeza á saída dun córner; 2-2, m.60: Pablo Espi; 3-2, m.80: Ferreiro outra vez de falta directa; 4-2, m.83: David Muíño de penalti; 4-3, m.89: Álvaro.

Partido moi disputado e vibrante o do sábado no que decidiu o acerto dos cabaneses de cara a portería rival. Un Camariñas moi loitador e que non dou nunca un balón por perdido e que empatou ata en dúas ocasións o choque, e mesmo tivo o empate no desconto a pesar de recibir o 4-2 no min.83.

Moi boa reacción tamén dos de Óscar Mingui a cada empate dos de Javi Baña. Fixeron os cabaneses un partidazo que deixaron unhas grandes sensacions nas bancadas. O Camariñas, pola súa parte, fixo tamén un gran choque atopándose ademais cun gran porteiro local.


Ponteceso - Muxía (5-1)

  • Ponteceso: Damián, Javi Añón, Ismail, Adrián, Jorge, Yago (Feliciano, m.67), Alberto (Javier Fandiño, .77), Diego Cacha (Lucas, m.60), Eloy, Aday e José Ángel (Luca, m.55).
  • Muxía: Ancho, Gusa (Iván, m.60), Rubén, Carlos, Rodri, Maca, Juan, Cris, Ander, Josiño e Mario (Xan, m.65).
  • Goles: 0-1, m.36: Josiño de penalti; 1-1, m.50: Eloy; 2-1, m.42: Eloy; 3-1, m.44: Yago; 4-1, m.66: Ismail; 5-1, m.87: Eloy.

Partido igualado durante os primeiros 45 minutos, cun Muxía ben prantado atrás buscando as contras e un Ponteceso que intentaba saír co balón. Chegou con certo perigo na primeira metade o cadro local pero era o Muxía o que se adiantaba á media hora. Pero parece que foi o gol o que espertou o olfato dos de Fernando, que en apenas 4 minutos deron a volta ao marcador e case que o deixaban sentenciado cun 3-1 para ir aos vestarios.


Crónicas dos Xuvenís

Crónicas da semana

Conversas co Mito

Máis información

Fonte

Comentarios