Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Completadas as melloras na estrada de Dumbría e no Conco

Completadas as melloras na estrada de Dumbría e no Conco
O presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda, realizou a pasada mañá do venres unha visita ao concello de Dumbría, acompañado polo alcalde da localidade, José Manuel Pequeño, e por varios membros do goberno municipal, onde supervisou diversas obras de mellora que a institución provincial está a realizar nas estradas provinciais DP 3404 de Serra de Outes a Dumbría e DP 2302 de Hospital a Brens, por importe de máis de 1,2 millóns de euros. Fernández Moreda e José Manuel Pequeño visitaron tamén o campo de fútbol de herba artificial da localidade, que supuxo un investimento provincial de 363.000 euros, e as instalacións deportivas colindantes, onde se ubica a piscina descuberta, un ximnasio, un espazo multiusos que sirve como sala de reunións e unha pequena biblioteca, na que se integra a aula de informática tamén financiada pola Deputación da Coruña.

Melloras nas estradas

A comitiva percorreu o tramo da intersección da estrada AC-199 coa DP 3404 onde se está a executar unha travesía de 300 metros, que suporá un investimento provincial de 418.789, 70 euros. As obras inclúen o ensanchamento da plataforma ata os 12,20 metros (dous carrís de 3,50 metros, beirarrúas en ambas marxes de 1,50 metros e zonas de estacionamento de vehículos de 2,20 metros), así como a dotación de novas beirarrúas e farois, que substituirán os actuais postes de luz. Posteriormente, a comitiva desprazouse ata as inmediacións da área de ocio “O Conco”, onde visitaron as obras de acondicionamento da estrada entre os pk 31,230 e 31,710, que se atopan xa en avanzado estado de execución, e que supoñen un investimento global de 700.441 euros, en dous tramos.

Senda peonil en Hospital

A comitiva desprazouse tamén ata Hospital, onde a Deputación construíu, na DP 2302 que vai dende este núcleo dumbriés ata Brens, unha senda peonil de 580 metros, que permite a circulación de peóns con seguridade e a parada de vehículos en caso de emerxencia nunha estrada que forma parte da prolongación do Camiño de Santiago que conduce ata Fisterra, e polo que circulan máis de 10.000 peregrinos ao ano, segundo as estimacións do alcalde, José Manuel Pequeño. A construción desta senda peonil supuxo un investimento de 116.771 euros. Fernández Moreda e José Manuel Pequeño visitaron tamén as obras que se realizaron no punto de Logoroso (Olveira) onde se crearon carrís de incorporación e saída á vía principal e se incrementou o ancho da curva para mellorar a visibilidade, o que supuxo un investimento duns 18.000 euros.

Novas relacionadas

Fonte

  • Deputación.

Comentarios