O Ézaro revive os traballos femininos que sostiveron a sociedade coas Xornada Mulleres, memoria e dignidade
Hai xusto un ano o Concello de Dumbría organizou a I Xornada Mulleres, memoria e dignidade. Un proxecto para conmemorar o centenario da primeira viaxe realizada por Ruth Matilda Anderson, etnógrafa e fotógrafa na Hispanic Society of America, a España e á Costa da Morte. Aquel primeiro encontro serviu para poñer en valor o importantísimo e minucioso labor realizado por Anderson.
Despois do éxito acadado, desde o Concello de Dumbría queren manter esta xornada como unha reivindicación da súa memoria e da historia do Ézaro a través das súas mulleres. Este ano a temática será A muller e o traballo, permitindo achegarnos aos traballos realizados polas mulleres do Ézaro ao longo dos anos, e dignificando esas labores que durante décadas sostiveron a comunidade. Volverán, así, recrear a fotografía tomada por Ruth Matilda Anderson no areal do Ézaro, como xa realizaron o ano pasado, para o que invitan a todas as mulleres da zona a participar vestidas de hai 100 anos.
O PROGRAMA


A recreación da fotografía de Ruth Matilda Anderson, por cuestións climatolóxicas, realizarase o venres 21 de novembro, ás 15.00 h, na praia do Ézaro. Veciñas e veciños do Ézaro visten con roupa típica de hai 100 anos e recrean o momento que inmortalizou Anderson tirando da arte. É unha convocatoria aberta a todo o mundo que queira participar.
Xa o groso da xornada terá lugar o vindeiro sábado 22 de novembro no Edificio Bitácora do Ézaro. Comezará ás 10.15 h da mañá coa apertura institucional do acto.
A primeira actividade será ás 10.30 h, a primeira presentación oficial do libro Ruth Matilda Anderson, tradutora das marxes [Laiovento] recentemente publicado pola investigadora da Universidade de Vigo, Alba Rodríguez Saavedra. Contará coa presentación do xornalista Santiago Garrido e coa intervención de Ana Cabana, profesora titular do Departamento de Historia da USC e investigadora.
Neste libro desenmascáranse os diferentes mecanismos que, consonte o investigado por Alba Rodríguez Saavedra, desde 1939, operaron e operan para manter afastada do noso sistema Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña, a monografía referencial de Anderson sobre Galicia e a única desta tipoloxía que publicou.
Alba Rodríguez Saavedra é tradutora, editora técnica e integrante do Grupo de Investigación en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. As súas liñas de estudo principais, asentadas en feminismo e tradución, céntranse na análise das manipulacións arredor da moura e da cailleach, e a ocultación da obra de Ruth Matilda Anderson. No seu traballo de investigación «A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas. Elas, as elididas, a través de Ruth Matilda Anderson», Premio de Investigación Enxeñeiro Comerma do Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña 2023, aséntase o libro que acaba de publicar con Laiovento, Ruth Matilda Anderson, tradutora das marxes.
Ás 11.15 h terá lugar a mesa redonda «As mulleres do Ézaro e o traballo» coa participación da veciñanza e moderado por Paula Castiñeira e María González, ambas as dúas xornalistas e comunicadoras e autoras do documental interactivo Caneliñas, A costa das baleas.
Paula Castiñeira Iglesias (Cee) é xornalista e comunicadora cun perfil versátil e orientado á creación de contidos. Actualmente traballa como autónoma, centrando a súa actividade no desenvolvemento de pezas creativas para redes sociais. Ao longo da súa traxectoria profesional traballou en diferentes medios e entidades, tanto públicas como privadas, que a levan a ter experiencia tanto en prensa escrita como en comunicación institucional, na xestión de estratexias de márketing e a creación e difusión de contido para empresas.
María González Figueroa (Dumbría) é xornalista e comunicadora cunha ampla traxectoria no ámbito institucional, corporativo e político. Na actualidade traballa en BBVA Technology dentro da área de Employee Experience. Desenvolveu a súa carreira en institucións de relevancia como o Parlamento Europeo en Bruxelas, onde foi Communication and Marketing Manager dunha eurodeputada, e na Xunta de Galicia, realizando tarefas de comunicación institucional na Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tamén traballou na Televisión de Galicia e en empresas do sector privado.
Ás 13.00 h terá lugar a conferencia «Mulleres de Dumbría na ciencia» a cargo da Dra. Isaura Fernández Pérez. Isaura Pérez Fernández é natural de Berdeogas, Dumbría. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela entre 1993 e 1999 e especializouse en Oncoloxía Médica vía MIR durante o período 2000-2004. No 2005 superou o exame europeo da especialidade. Desde 2011 exerce como titora de residentes e traballa no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde desenvolve a súa labor desde 2005 como especialista no tratamento do cancro de mama, o cancro xinecolóxico e os tumores cerebrais. É membro de varios grupos de investigación, entre eles o Grupo Español de Investigación en Cancro de Mama (GEICAM), o Grupo Español de Investigación en Tumores do Sistema Nervioso Central (GEINO) e o Grupo Español de Investigación en Cancro Xinecolóxico (GEICO). Participou en máis de 30 ensaios clínicos nas áreas de cancro de mama e tumores xinecolóxicos e é autora ou coautora de máis de 30 artigos científicos. Actualmente está a cursar o doutoramento na Universidade de Vigo, centrando a súa investigación en tumores cerebrais. Ademais, recibiu o Premio Javier Castellanos en 2020 e o Premio Vigo contra o Cancro en 2024

