Venres. 29.03.2024
El tiempo

O Gran Fondo do Ézaro centra a presentación da Deputación no programa oficial da feira FITUR

O Gran Fondo do Ézaro centra a presentación da Deputación no programa oficial da feira FITUR
Xosé Regueira, responsable de Turismo na Deputación Provincial O Gran Fondo do Ézaro é o protagonista da presentación oficial da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo (FITUR). Ademais, o grande escaparate de turismo acollerá a presentación da nova imaxe dos seis xeodestinos en que se centra a estratexia de promoción turística. Unha imaxe renovada, con novos soportes publicitarios e máis información das ofertas dos seis xeodestinos é a principal aposta da área de Turismo da Deputación da Coruña na 38º Feira Internacional de Turismo, que se celebra desde este mercares e ata o 21 de xaneiro en Madrid. O Gran Fondo do Ézaro será o protagonista da presentación da Deputación no programa oficial da feira o mércores 17 ás 13:30 horas nun acto en que se destacará o atractivo natural con gran repercusión turística e deportiva, que atrae cada ano a máis de mil participantes. O responsábel da área de Turismo da Deputación, Xosé Regueira, o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño Castro e o ciclista Ezequiel Mosquera participarán na presentación do que está considerado como un dos grandes eventos dinamizadores da comarca, coa implicación dos concellos limítrofes dos que tamén se agarda presenza institucional no acto de FITUR. A proba, que se celebrará o 8 de xullo de  2018, manterá o itinerario das derradeiras edicións, atravesando os concellos de Dumbría, Mazaricos, Muros, Muxía, Cee e Carnota. Un itinerario “equilibrado” que permite a celebración deste espectáculo deportivo sen repercutir no ritmo cotiá dos municipios polos que pasa. Entre as novidades que presenta a edición deste ano, Ezequiel Mosquera destacou que o Gran Fondo Ézaro 2018 “pasa a integrar a UCI Gran Fondo World Series”, unha competición internacional, organizada pola Unión Ciclista Internacional,  na que o Ézaro será a única proba do Estado español, das 21 que a integran. O organizador valorou positivamente o feito de que o Gran Fondo Ézaro sexa presentado en Fitur e que coa súa presenza na feira Internacional de turismo “transcenda as fronteiras galegas”, onde xa se converteu nunha dos eventos de referencia para as persoas amantes do cicloturismo. Ademais do espazo no programa oficial de actos, a Deputación da Coruña terá unha presenza activa en FITUR con numerosos encontros e participación en actividades dos distintos concellos e entidades e un programa propio con iniciativas dentro e fóra do recinto feiral.   Por outra parte, nun acto que se desenvolverá na Casa de Galicia, o Concello de Muxía, presentará o proxecto  “Muxía Rural” que ten o seu eixo no potencial como destino ornitolóxico. Durante a pasada edición de FITUR, a feira contou con máis de 240.000 participantes -entre profesionais do sector e público xeral-, chegados de 165 países diferentes, estando esta cita recoñecida como unha das principais mostras de Turismo a nivel internacional.

Comentarios