O Modesto Patrimonio: A Ponte de Canelas en Dumbría
Poñemos as botas e marchamos detrás de Modesto García Quintáns polos montes da zona. Hoxe non toca un hórreo, unha cruceiro, unha igrexa ou un muíño. Hoxe toca falarmos de historia a través dunha ponte, a ponte de Canelas, no seu concello dumbriés.
”A Ponte de Canelas en Dumbría”, por Modesto García Quintáns
Canelas é un lugar situado a uns dous quilómetros ao sur da igrexa parroquial de Dumbría. Ata mediados do s.XX, tanto os veciños como os carros e o gando tiñan que cruzar o río do Fragoso por uns pasais perigosos coñecidos como “A Pesqueira” pretos da devesa de Leis. Pero non só afectaba aos veciños do lugar senón, a tódolos veciños das parroquias de Buxantes e do Ézaro, xa que era paso obrigado de comunicación co territorio do norte principalmente para facer xestións no concello.
Augas arriba destes pasais conflúe o río de Cheo co do Fragoso onde existía una presa que conducía a auga, río abaixo, ao Muíño de Canelas. Uns 15 metros augas arriba, na marxe dereita, existía un muíño coñecido como Muíño Vello de Canelas.
Segundo documentos, este muíño foi construído a finais do s.XVII e está inventariado no Catastro do Marqués da Ensenada do ano 1753 co nome de “Muíño da Pesqueira”, propiedade de Roque de Lema do lugar de Canelas. A súa base foi socavada polas raíces dun carballo sendo derribado por unha enchenta a mediados do s.XX.
Ponte actual de CanelasJuan Grille Fernández, máis coñecido como “O Ferreiro do Logoso” e gran aficionado a facer pontellas, foi nomeado alcalde o 24-06-1931. Os veciños de Canelas, apoiados polo concelleiro Evaristo Quintáns Trillo da Filgueira (cargos que exercían sin prestación económica), presentaron un escrito no concello o 1-04-1933 pedindo a construción dunha pontella. No pleno do 13-05-1933 aprobaron sacar a concurso a construción da ponte. Neste concurso participaron dous canteiros: Manuel Castro do Ézaro, por 975 pts., e Juan Rodríguez de Ameixenda, por 753 pts.
A obra foi adxudicada ao canteiro de Ameixenda coa condición de que tiña que comezar os traballos de inmediato. O 16-12-1933 o concello recibe un escrito dos veciños queixándose de que as obras non comezaran. O 23-12-1933 o concello é informado de que Juan Rodríguez morrera.
A partir de aquí só se sabe que esta ponte foi feita nestas datas por administración pero descoñezo de onde saíron os cartos. Coa Concentración Parcelaria, sobre o ano 1967 esta pontella foi sustituída por outra de formigón, levantando a súa cota uns dous metros de alto desaparecendo a profunda corredoira que a comunicaba.
- Modesto García Quintáns.
O Patrimonio Modesto
- O arado de madeira ou tamén chamado romano.
- O Cruceiro pantasma do Monte de Olveira.
- Memoria Histórica de Buxantes – Muíño da Fonte Santa.
- O Castro de Castromiñán.
- O lugar de Quenxe.
- A Igrexa Parroquial de Buxantes.
- A Igrexa Parroquial da Ameixenda.
- O Bico do Santo en Carnota.
- Os muíños do Monte do Pindo, por Modesto García Quintáns.
Novas relacionadas
sFonte
- Redacción de QPC ([email protected]).