Xoves. 22.08.2019
El tiempo

O Modesto Patrimonio: O Cemiterio de Buxantes

O Modesto Patrimonio: O Cemiterio de Buxantes
Cemiterio de Buxantes-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Panorámica actual do Cemiterio de Buxantes-Foto-Modesto Garcia Quintans Antes de meternos no tema principal, imos facer un pouco de historia sobre os cemiterios católicos. Desde os comezos do catolicismo, os enterramentos facíanse dentro da igrexa. Na metade do século XVII e XVIII morreu moitísima xente pola gripe e a peste, e botábanlle a culpa á pouca hixiene nos enterramentos nas igrexas. Nos comezos do reinado de Carlos IV (1792-1798), sendo presidente do goberno Manuel Godoy, determinouse que os enterramentos tiñan que ser fóra da e igrexa no espazo do terreo do adro. Neste tempo estaba de cura en Buxantes Ventura Gregorio Faxín, que tiña parcelado o terreo do adro, fronte á porta principal para cemiterio, gravando ós propietarios cunhas taxas que aumentaban de valor en función da proximidade á porta principal da entrada da igrexa. O terreo da porta quedaba reservado ó cura da parroquia ou ó persoal eclesiástico, que era enterrado mirando cara ó poñente. Os demais enterramentos tiñan que mirar cara ó altar. Nos comezos do s.XX comezou o problema de falta de espazo e os veciños trataron de buscar un terreo fora do adro para non pisar as tumbas e poder facer panteóns. Nestas datas era concelleiro de Dumbría Evaristo Quintáns Trillo (meu avó materno) e estaba de cura D. Ramón Fernández Porto (1909-1935). Evaristo, de acordo co cura, decidiron facer as xestións para un novo cemiterio fóra do adro. Para iso Evaristo, prometeu doar uns cinco ferrados de terreo da súa propiedade, próximo á igrexa. No pleno do 4 de Xullo de 1931, o concelleiro Evaristo Quintáns presentou no concello un escrito cedendo voluntariamente un trozo de terreo da súa propiedade para facer un novo cemiterio. No pleno do 1 de Agosto de 1931 expón que, como o concello carece de cartos para afrontar as obras do novo cemiterio, os veciños da parroquia comprométense a costear os o traballos necesarios mediante cotas para facer o muro e outras obras, así como os traballos de recheo mediante carretos de terra para nivelar o terreo e acondicionalo para os novos panteóns. No pleno do 25 de Febreiro de 1933 o concelleiro Evaristo propón elevar ó Gobernador Civil, presidente da Xunta de Beneficencia, o expediente do cemiterio para a súa aprobación. Os veciños interesados nas propiedades formaron unha comisión xestora nas que estaban: Domingo García Trillo (meu pai) de Vilar, Bruno Cambeiro de Miñóns, Manuel Pais de Figueiroa, Jesús Abuelo de Busto e Evaristo Quintáns da Filgueira. Neste período de tempo morreu o Cura D. Ramón Porto (enterrado diante da porta da igrexa parroquial). Os da comisión non estaban seguros de facelo parroquial ou municipal. Nomean un novo cura para a parroquia, sendo D. Elisardo González (1935-1940) o que determina que sexa parroquial. Forman unha lista de 78 propietarios interesados e contratan os canteiros Rosalino de Ameixenda para amurallar o recinto, facer una pequena capela, un recinto cerrado para osario, unha caseta para autopsias e un pequeno recinto exterior amurallado para os enterramento dos non católicos. Todo isto foi contratado nunhas 3.000 pts. Os veciños, por casas e lugares, tiñan que encher con terra mediante carretos o espazo das propiedades para nivelalo (foron algúns milleiros de carretos). A comisión acordou parcelar o terreo numerado e sorteando as propiedades entre os 78 veciños e deixando fora a dos veciños: Evaristo con dúas propiedades, correspondentes os nºs 42-5 e outra xunto a capela, reservada para o cura parroquial co nº 72. O terreno sobrante polo lateral norte sería para os enterramentos eventuais. Á morte do cura D. Elisardo faise cargo da parroquia D. Manuel Jallas Doval, que inaugurou o cemiterio co enterramento dun veciño de Anseán da familia da casa do Caamaño, o día de Reis de 1941. Capela do Cemiterio de Buxantes-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Capela do Cemiterio de Buxantes-Foto-Modesto Garcia Quintans Como anécdota, contáronme que había veciños que non pagaban o cota asignada. Un deles morreu e o cura ordenou que no se tocara a campá a morto. Os familiares tiveron que mobilizarse para poñerse ó día, servindo de exemplo para os demais morosos. Os canteiros de Rosalino foron os primeiros que comezaron as obras dos panteóns privados de cantería subterráneos. O primeiro foi o da familia dos Modesto de Vilar cun modelo importado, no se sabe de onde, e máis tarde copiado polos demais veciños. Trátase dun profundo foso con tres furnas laterais a cada lado, todo de cantería e cuberto con tres lousas graníticas con forma de tellado. Este modelo arquitectónico foi feito en exclusiva, neste cemiterio, polos canteiros Juanito do Rico da Casanova e os seus fillos. Modelo de sepultura no Cemiterio de Buxantes-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Modelo de sepultura no Cemiterio de Buxantes-Foto-Modesto Garcia Quintans Distribucion das sepulturas Cemiterio de Buxantes-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Distribucion das sepulturas Cemiterio de Buxantes-Foto-Modesto Garcia Quintans

O Modesto Patrimonio

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios