Xoves. 25.04.2024
El tiempo

O Modesto Patrimonio: Recordando algo da historia da parroquia de Berdeogas

O Modesto Patrimonio: Recordando algo da historia da parroquia de Berdeogas
Lugar de Sarteguas-Berdeogas-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Lugar de Sarteguas, Berdeogas, Dumbría-Foto - Modesto García Quintáns

Sábese que a parroquia de Berdeogas (Dumbría) no ano 1753 estaba formada por dous cotos: o de Santiago de Berdeogas que tiña de levante a poñente media legua de longo e de norte a sur un cuarto de legua en forma de círculo. Este coto limitaba polo levante con San Antolín de Baíñas e polo poñente con San Cibrán de Vilastose. Polo norte limitaba co Coto da Vacariza e polo sur con Santa Baia de Dumbría. O outro Coto chamábase da Vacariza (nos documentos antigos o póñeno con B), que tiña de levante a poñente un cuarto de legua e de norte a sur, outro cuarto de legua. Limitaba polo levante, polo poñente e polo sur co Coto de Berdeogas, e polo norte co de San Pedro de Berdoias.

O lugar de Sarteguas estaba dominado por Froilán Pérez, pertencente á familia dos Condes de Traba. No ano 1095 donouno ao Mosteiro de San Martiño de Moraime, con todos os seus servos. Os monxes deste convento, o 12 de octubro de 1672, aforárono a Jacinto Martínez. Neste foro estaban incluídas as casas da Budaneyra (actual Boudañeira) que abarcaba o Coto do lugar de Zarteguas (actual Sarteguas). As casas estaban rodeadas dunha agra, toda ela circundada, segundo consta nos apeos vellos. Os monxes renováronlle o foro ao veciño de Sarteguas, cobrándolle a renda de 48 ferrados de trigo, limpo de polvo e palla, seco e medido pola medida de Ávila, ademáis de pagar en metálico 12 reais de vellón, pagados no Monasterio pola festividade de San Martiño, en novembro de cada ano. O aforamento era para os seus fillos, consortes, muller, fillos heredeiros pola vida de tres Reis ou Reinas que reinasen na Coroa de España, uns en pós de outros, comenzando polo Rei Carlos II.

Fonte publica de Sarteguas-Berdeogas-Dumbria-Foto-Modesto Garcia Quintans Fonte pública de Sarteguas -Foto-Modesto García Quintáns

A demarcación deste Coto era a seguinte: Comenzaba polo marco da Soga en dirección á Fonte do Salto e de alí o Foxo do Couso, pasando pola Fonte das Herbas. Seguía pola Calzada do Couso e de alí baixaba polo Rego de Abaixo a encontrar a Pontella do Vao Madeiro, seguía polo rego hasta chegar ó Camiño que ven da Grixoa a Avarellos. De alí á Mámoa do Monte da Becerra Beira. De alí ao Vao Barrigote na dirección da Pedra Blanca de arriba da fonte, seguindo a cabeceira do Rego do Fieitoso e os Brañadoiros e a Fonte Areosa. Continúa polo Camiño Real hasta o Bico do Pé do Castro e de alí á Fonte do Campo do Castro para seguir rego abaixo hasta dar co Bico das Laxes e de alí á primeira demarcación.

Como vedes, existen un montón de nomes de paraxes que, hoxe en día, e moi difícil de recoñecelos. Os que o sabían xa non están e, os que están, non os identifican no terreo. Estamos perdendo un importante patrimonio da nosa terra.

Mapa do Foro de Sarteguas-Berdeogas-Dumbria Mapa do Foro de Sarteguas
  • Modesto García Quintáns.
 

O Modesto Patrimonio

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios