Xoves. 28.03.2024
El tiempo

O sector turístico fixa a calidade e a profesionalidade como principais retos do Xeodestino Costa da Morte

O sector turístico fixa a calidade e a profesionalidade como principais retos do Xeodestino Costa da Morte
xornadas-costa-da-morte-xeodestino-gdr Onte tiveron lugar no Ézaro as xornadas sobre o Xeodestino Costa da Morte organizadas polo GDR Unha ruta BTT, o parque de Megalitismo e a potenciación do Camiño de Fisterra a Muxía son as principais liñas de traballo nas que traballa a Deputación da Coruña co fin de promover un turismo de calidade tanto na Costa da Morte como no resto da provincia. Así o recordou onte o deputado de Turismo - Xosé Regueira - durante a súa intervención nas xornadas "Xeodestino Costa da Morte. Presente e Futuro" organizadas polo Grupo Desenvolvemento Rural Costa da Morte e que tiveron lugar onte no Ézaro, en Dumbría. "A Costa da Morte é un territorio moi rico en recursos que está a ser xa recoñecido nos mercados emisores cando se fala de Galiza. Sendo un destino emerxente, comeza a ter xa unha grande relevancia no ámbito e a Deputación da Coruña confía nesa potencialidade co apoio efectivo en investimentos e recursos", explicou Xosé Regueira que participou no panel de apoios e desenvolvemento turístico xunto coa xefa de área de Calidade e Proxectos Europeos de Turismo de Galicia, Laura González-Dopeso e o xerente da asociación Costa da Morte-GDR, José Antonio Vila Garcia. Novas iniciativas Xunto ás liñas de concorrencia competitiva que o departamento de Turismo convoca cada ano para concellos e entidades, a Costa da Morte verase beneficiada de novas iniciativas de impulso como son a posta en marcha Parque de Megalitismo da Costa da Morte ao que a Deputación da Coruña destina 500.000 euros ou a consignación de 230.000 euros para desenvolver os 600 quilómetros da Ruta BTT da Costa da Morte. A próxima constitución da mesa de coordinación do Camiño Fisterra-Muxía abrirá unha nova etapa para unha ruta á que a Deputación da Coruña destinará 500.000 euros co obxectivo de mellorar a seguridade viaria e a conservación. O deputado de Turismo lembrou o esforzo da institución por camiñar cara a profesionalización do sector e a calidade de ofertas, a través de liñas de axuda como a de informadores turísticos ás que destina cada ano 800.000 euros e que permite ter abertas na Costa da Morte catorce oficinas para que se asinan outros tantos contratos laborais de persoal especializado. Ademais, do total dos 750.000 destinados a entes de xestión, a Costa da Morte recibe 90.000 euros para o financiamento de CMAT e asociación de Empresarios de Camariñas. A profesionalización e contratación de persoal complétase coa liña de atención a museos e centros de interpretación que permite a mellora da información sobre o territorio e o patrimonio. Fixo fincapé tamén Xosé Regueira en que o territorio da Costa da Morte conta cun dos produtos turísticos que máis interese está a espertar como é o Camiño dos Faros para o que a Deputación da Coruña asinou un convenio de 80.000 euros nun recurso que foi tamén protagonista da presentación no programa da institución en Fitur. Riqueza patrimonial O territorio da Costa da Morte é privilexiado en canto presenza de bens patrimoniais da Deputación da Coruña que xestionan os propios concellos despois de asinar convenios que contan co apoio económico da institución provincial. Neste sentido, a Deputación achega ao concello de Vimianzo 100.000 euros para a xestión do Castelo e os Batáns de Mosquetín de Vimianzo, 46.596 ao concello de Zas polas Torres do Allo, 60.000 ao concello de Cabana de Bergantiños polo Dolmen de Dombate e outros 60.000 a Malpica de Bergantiños polo Forno do Forte de Buño. Dous eventos de especial interese da comarca como son a Mostra do Encaixe e o Salón Naútico reciben 250.000 euros máis que contribúen tamén a incrementar a oferta turística da Costa da Morte. "A riqueza patrimonial e paisaxística tanto natural como artística do territorio ademais da singularidade dos propios recursos fan que a Costa da Morte sexa un destino especialmente buscado por persoas que desexan coñecer lugares especiais e desde a Deputación da Coruña promovemos que esa riqueza continúe a ser un dos nosos tesouros turísticos", sinalou Xosé Regueira. Novas relacionadas https://quepasanacosta.gal/o-sector-turistico-analiza-o-xeodestino-costa-da-morte-nunha-xornada-do-gdr/ Fonte

Comentarios