Xoves. 28.03.2024
El tiempo

As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro”, estarán na final do Concurso Quero Cantar

As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro”, estarán na final do Concurso Quero Cantar
Das dúas edicións realizadas ata agora do concurso Quero Cantar, temos na bisbarra uns gañadores. Este ano tivemos de novo un par de propostas en competición, deixando desta volta a rapazada de Laxe o protagonismo á fisterrá. As fantásticas, de Fisterra, coa canción "O blues do faro" son un dos tres grupos que pasan á gran final do certame da terceira edición do certame musical da Deputación da Coruña. Un certame aberto para fomentar a creación infantil e xuvenil en galego, e que terá a súa gran cita este sábado 17 de novembro a partir das 18.00 horas no Teatro Colón da Coruña.
O blues da fin da terra terá como rivais na final Infantil a banda Cortegadaos, do concello de Cortegada, coa canción "Eu quero ser unha árbore"; e Os Calistos, de Teo, coa canción "A princesa azul", todas elas formadas por rapazada de ata 12 anos, coa colaboración dunha persoa adulta nalgúns casos. Ademais, a gran invitada será a banda María Fumaça, capitaneada por Uxía, que fará vibrar á toda a rapazada que acuda a ver a finalísima, cos seus xa míticos temas que saben todos os nenos do país. Todas as bandas concursantes teñen xa asegurado un premio, que pode ser de 1500 euros e mais un videoclip para as primeiras clasificadas, 1000 euros para as segundas e 500 euros para as terceiras. Todas elas teñen dereito ademais á gravación en estudio da súa maqueta, para incluíren despois o tema no disco Quero Cantar 18 que se ha distribuír entre centros de ensino de toda Galicia. As entradas para o evento son gratuítas e poden recollerse anticipadamente no quiosco da praza de Ourense, na Coruña; tamén na billeteira do propio teatro, unha hora antes do inicio do espectáculo, ou ben poden reservarse a través do enderezo electrónico [email protected].

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/laxe-e-fisterra-queren-cantar/ https://quepasanacosta.gal/colaxe-gana-a-primeira-edicion-do-concurso-de-musica-infantil-quero-cantar/

Comentarios