Venres. 29.03.2024
El tiempo

Descubrindo as microrreservas de Mar de Fora

Descubrindo as microrreservas de Mar de Fora
O vindeiro domingo, día 7 de maio, terá lugar en Mar de Fora a actividade "Descuberta de Biodiversidade" (Bioblitz), encamiñada á mellorar o coñecemento dos tipos de hábitats e especies presentes nas zonas de especial conservación do litoral de Fisterra. Esta actividade estará guiada por botánicos expertos en especies ameazadas e naturalistas expertos en aves e libeliñas. O obxectivo fundamental desta actividade gratuita é divulgar os valores naturais deste espazo entre a cidadanía. Os interesados e interesadas en participar deben anotarse contactando nos teléfonos 650 261 283 / 981 57 00 ou por correo electrónico [email protected]. Ésta é unha actividade que se enmarcar no programa "Microreservas de Flora" posto en marcha polo concello de Fisterra despois de recibir unha axuda da dirección xeral de Conservación da Natureza - cofinanciada co FEADER - no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) 2014-2020, centrada na creación dunha rede de microreservas de flora, como mecanismo para a conservación de hábitats prioritarios ou de interese comunitario, fomentando a participación activa da poboación local. Liñas de actuación As Microreservas de Flora propostas polo concello de Fisterra pretenden ser un modelo pioneiro de actuacións que sirva de referencia para futuros proxectos no ámbito litoral da Rede Natura 2000 na Galicia costeira. As actuacións están dirixidas de forma preferente a preservar hábitats prioritarios ou de interese comunitario e contempla várias liñas de actuación. Estas liñas de actuación inclúen o balizado e delimitación - sempre permeable e estético - das microrreservas, a instalación de sinaléctica informativa, o plantado de sebes vivas en zonas lindeiras con camiños rurais, a mellora do medio abiótico sobre o que se sitúan os hábitats (como a corrección de perfis dunares con Ammophila arenaria de procedencia local), a mellora das condicións bióticas mediante eliminación de especies alóctonas invasoras ou o potenciado da presenza de especies prioritarias, ameazadas ou de interese, así como dos seus habitats, con recollida de semente e replantado, restaurando comunidades altamente biodiversas. No caso de Mar de Fora ensáiase a reintrodución desde núcleos fisterráns próximos de plántulas da especie ameazada Alyssum gallaecicum, espazo de onde se extingiu nas últimas décadas. En todas estas actuacións o papel da poboación local é fundamental polo que o concello intentará implicala na preservación e coñecemento dos valores da rede natura 2000 das súas parroquias, coa posibilidade de participar na mellora do hábitats, na eliminación de invasoras, nas experiencias de identificación e catalogación de especies e hábitats (bioblitzs) e nas valoracións e adecuacións dos roteiros ambientais que se proporán para ligar entre sí as diversas microrreservas. Ao involucar á poboación local nas actividades de voluntariado ambiental a desenvolver está a fomentarse a conservación do lugar facendo partícipes do mesmo aos usuarios máis vencellados ao territorio. Nas distintas actividades a realizar, participará activamente a asociación ecoloxista ADEGA, entidade con ampla experiencia no eido da Educación e o Voluntariado ambiental, da man dos membros do Grupo de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela BCPV( GI-1291) “Biodiversidade e Conservación de Plantas Vasculares” liderado por Santiago Ortiz. Fonte

Comentarios