Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Fisterra, un dos puntos de gravación dunha nova serie para Amazon Prime

3 caminos 4
O equipo de Ficción Producciones durante a rodaxe de 3 Caminos en Fisterra.
Fisterra, un dos puntos de gravación dunha nova serie para Amazon Prime

A semana pasada, varias caras coñecidas do audiovisual nacional e internacional como Álex González,  Andrea Bosca ou Alberto Jo Lee deixáronse ver pola Costa da Morte na gravación dunha serie sobre o Camiño de Santiago para Amazon Prime Video. “3 Caminos”, que así se chama esta nova produción da plataforma, conta a historia de cinco persoas de diferentes países que coinciden gracias ao Camiño e que comezan unha historia en común de descubrimento persoal.

Tras gravar en diferentes puntos da xeografía española polas que pasa o Camiño de Santiago, Fisterra, como non podía ser doutra maneira, tamén foi outra delas. O equipo de Ficción Producciones, xunto co resto de actores, estiveron gravando a semana pasada en lugares como a Praia da Langosteira ou o Faro de Fisterra.

3 caminos 3

Segundo indica Rocío Casal, responsable de comunicación da produtora, “tivemos moita sorte co clima” xa que, a pesar do vento, tiveron bo tempo para gravar e “as imaxes ao final quedaron preciosas, aínda que a auga estivese xeada”, afirma.

Ademais, tanto os actores como parte do equipo quedaron fascinados co noso paraxe natural. “Nas entrevistas que estamos realizando para o making off da serie, un par deles marcaron Fisterra coma o punto no que máis conexión sentiron co camiño e o punto que máis lles gustou. Xa non só aos actores, senón tamén ao director de fotografía, que quedou namorado do lugar”, comenta Casal, quen remarca que tamén é un privilexio “poder estar rodando e dicir que cortamos unha hora e poder pegarte un baño na praia, que é unha cousa que non sempre podemos facer e é un luxo”.

Mesmo, unha das anécdotas da rodaxe ven precisamente das abraiantes vistas da nosa zona. Conta Casal que nun momento da serie, un dos actores di que “o Camiño é unha conexión entre o ceo e a terra” e que unha das persoas do equipo, que nunca estivera na zona, ao ver a punta de Fisterra, rememorou esa frase sen darse conta. “Nós cando chegamos había unha néboa tremenda. Literalmente só se vía o acantilado e o mar, nada máis, e dixo ‘agora entendo por que din que é a conexión entre o ceo e a terra...’ Un momento remarcable a verdade”, asegurou a de Ficción Producciones.

3 caminos

Por outro lado, agradecen tamén a predisposición do Concello, que llo puxo “moi moi fácil” xa que “deixáronnos meternos polos camiños que quixemos, comemos nun sitio marabilloso, e iso nunha xornada de traballo de 10 horas, faise moito máis levadía”, afirma Casal.

Durante a rodaxe, a xente da zona puido observar como se realizaba o set de gravación e incluso houbo algúns que tiveron a sorte de facerse unha foto cos actores. Tamén, o último día incluso contaron con 6 persoas de figuración da Costa da Morte para a serie.

3 caminos 2

Agora, con todo gravado na nosa zona, toca esperar ao 2021 para poder ollar as imaxes. A serie, enmarcada no Xacobeo 2021, ten previsto estrearse en Amazon Prime Video o ano que ven a nivel internacional.

Comentarios