Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Os maiores de Fisterra aprenden a usar o novo servizo de Teleasistencia

Fisterra Teleasistencia 2
Os maiores de Fisterra aprenden a usar o novo servizo de Teleasistencia

Persoal da área de Benestar Social da Deputación da Coruña, en colaboración cos Servizos Sociais de Fisterra, impartiron aos veciños e veciñas da localidade unha charla informativa sobre o funcionamento do servizo de Teleasistencia.

A Concelleira de Servizos Sociais Mª Rocío Mariño López e a traballadora social municipal, acompañaron á xefa de sección de Servizos Sociais, Carolina Buhigas, na presentación deste Programa de Teleasistencia Domiciliaria da Deputación, un servizo gratuíto para as persoas maiores, non dependentes, domiciliadas nos municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia que, por razón de idade, enfermidade, diversidade funcional, illamento xeográfico, desarraigo social, soidade, precisen deste servizo para mellorar a súa calidade de vida, posibilitando, con iso, a súa permanencia na súa contorna habitual.

O servizo que funciona a través da liña telefónica, cun equipamento específico, permite dar resposta inmediata ante situacións de emerxencia, con só premer un botón que levan encima permanentemente as persoas usuarias. Así poden  entrar en contacto coa central de Teleasistencia da Deputación cun "mans libres" que funciona as 24 horas do día os 365 días do ano.

As veciñas e veciños de Fisterra asistiron a unha demostración práctica e real do funcionamento do servizo, que pode ser solicitado de forma gratuíta por calquera persoa maior que viva soa ou padeza algún tipo de enfermidade.

Teleasistencia en Fisterra

Comentarios