Mércores. 24.04.2024
El tiempo

O BNG fisterrán critica a discriminación do Concello ante parte da veciñanza

O BNG fisterrán critica a discriminación do Concello ante parte da veciñanza

A Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade vén de admitir a trámite a denuncia presentada por unha veciña de Fisterra contra o concello como consecuencia das molestias causadas pola presenza de “tres contedores de lixo de propiedade municipal colocados diante dunha porta e dunha fiestra da súa casa”, co conseguinte prexuízo ambiental derivado desta situación que afecta á salubridade pública.

Así nos informan dende o BNG, quen aseguran que a denuncia foi presentada en Sanidade despois de que o concello de Fisterra "fixese a vista gorda en relación coas súas demandas infrutuosas". Lamenta o voceiro do BNG Modesto Fraga, que "a lacra dos miserables revanchismos persoais está á orde do día nos concellos da nosa contorna". Pero remata cun ton esperanzador "a ver se a nosa sociedade comeza a vivir con outros valores se callar máis xustos e democráticos".

Actitudes de "favoritismo"

Segundo o voceiro da oposición, "non é a primeira vez que o concello de Fisterra actúa desta maneira e leva a cabo prácticas claramente discriminatorias e de favoritismo que atentan contra os dereitos fundamentais da cidadanía recollidos na Constitución Española (Art. 14. Cap. 2º; Art. 43.1. Cap. 3º. Título 1) e noutras disposicións lexislativas".
"Sen ir máis lonxe", afirman "desde o BNG temos constancia de numerosas actuacións pouco claras, ou cando menos de dubidosa imparcialidade, en cuestións que afectan á igualdade de dereitos das persoas no tocante aos servizos públicos e/ou de titularidade privada (casas, no lugar de Denle, que incomprensiblemente quedan fóra do saneamento público cando outras de persoas afíns ao alcalde son favorecidas, licencias que se negan malia se atopar na mesma situación ca outras ás que se lles dá o visto e prace, etc); prácticas, en definitiva, que deberían desaparecer da nosa administración pública se non queremos volver a tempos pasados de infausto recordo".

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Fisterra.

Comentarios