Venres. 26.04.2024
El tiempo

Unha nova exposición fográfica sobre a auga chegará á lonxa de Fisterra

Unha nova exposición fográfica sobre a auga chegará á lonxa de Fisterra
A lonxa de Fisterra acollerá do 5 ao 27 de setembro unha exposición na que a auga será un dos principais protagonistas. «Auga. O sangue da terra», obra do fotógrafo Manuel Valcárcel, chegará logo de que Abanca, Afundación, o concello de Fisterra e a confraría de Pescadores asinaram onte un convenio de colaboración cultural mediante o que as catro entidades desenvolverán a exposición. Á sinatura asistiron o alcalde, José Marcote; o patrón maior da confraría de Pescadores Nuestra Señora de las Arenas, José Manuel Martínez; o coordinador de Negocio Institucional A Coruña de Abanca, José Manuel Vilariño; e a coordinadora adxunta da área de Cultura de Afundación, Paloma Vela Garicano. A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, inaugurarase o vindeiro 5 de setembro na lonxa do porto de Fisterra, onde se poderá visitar ata o día 27. Esta colaboración é parte do proxecto Corrente Cultural, que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de Abanca, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade. Fonte

Comentarios