Veciños de Fisterra protestan pola cercanía ás vivendas dunha antena de telefonía
08:21 11/10/18
A antena de telefonía instalada no centro de Fisterra
A pasada mañá de mércores, un grupo de veciños de Fisterra da rúa Patres, mantiñan unha reunión co alcalde, Pepe Marcote, para trasladarlle a súa preocupación pola cercanía dunha antena de telefonía móbil. A semana pasada aínda se ampliaba a torre que leva anos instalada, e os veciños cren que algún caso de cancro na rúa se pode deber á súa eterna presencia. Unha dúbida que, en todo caso, carece que base científica comprobada, como mesmo recoñecen asociacións vinculadas ao cancro.
Xa leva sendo polémica case que 20 anos, por estar no medio e medio da vila, se ben a realidade é que Movistar (a propietaria pero son varias as compañías que a usan) conta con todos os permisos.
O Concello leva intentando facer unha ordenanza relativa ao impacto sobre o casco vello e o Camiño, pola cal se daría unha moratoria para buscar unha ubicación, pero segundo informaba onte o alcalde aos veciños aínda facendo a ordenanza sería complicado sacar a antena de aí, porque só se aplicaría para a instalación de novas antenas.