Xoves. 25.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Adeus ao liderado e ola á esperanza

1ª Galicia: Adeus ao liderado e ola á esperanza
Saúdo inicial no Dumbría-Baio O Fisterra perdeu o liderado logo de caer nun partido que non mereceu tanto castigo ante un Flavia que non foi superior aos fisterráns en ningún momento. No que respecta ao derbi costeiro da xornada, Bieito e Iván Rojo foron os encargados de decantar a balanza para o Baio nun encontro no que puido pasar calquera cousa. Pola súa banda, o Soneira lograría unha importante vitoria ante o Lalín nun partido igualadísimo que lle permite ver as cousas dunha maneira moi diferente ata o momento. Aínda que a gran noticia da xornada é a vitoria dunha Esteirana que despois de superar pola mínima ao Cordeiro, suma seis puntos consecutivos por primeira vez na tempada, algo que lle permite abandonar o último posto da clasificación.

CF Dumbría 0 – 2 CD Baio

  • CF Dumbría: Iván Baña, Canario, David Carreira (David García m.62), Iago (Charly m.75), Rivi, Marcote, Cespón, Yuyo, Eloy (Xacobe m.75), Pablo Paz e Alberto.
11 inicial do Dumbría no derbi ante o Baio
  • CD Baio: Dani Varela, Álex Varela (Josiño m.85), Damián (Guau m.89), Norberto, Rubio, Peke, Bieito, Moreno (Sergio m.75), Santi Díaz (Álex Figueiras m.66), Iván Rojo e MC.
11 inicial do Baio no derbi ante o Dumbría
  • Goles: 0-1 m.33: Bieito; 0-2 m.68: Iván Rojo.
Dúas metades totalmente diferentes as que tivo este derbi costeiro do Conco, no que o Baio levou a iniciativa na primeira metade ante un Dumbría que esperaba en campo propio para tratar de saír á contra e crear perigo con balóns á espalda da defensa. MC tería as primeiras para os seus con dous remates de cabeza moi claros que non lograría materializar o dianteiro baiés. Non se faría de rogar a resposta duns dumbrieses que verían como o pau evitaba que Cespón adiantase aos seus cun golpeo dende a frontal da área. Pero habería que esperar ata o minuto 33 para ver o primeiro gol, momento no que un centrochute de Bieito se envelenaría sorprendendo a Iván Baña e convertirse no 0-1, co que ambos conxuntos poñerían rumbos aos vestiarios. Trala reanudación, ambos conxuntos trocaríanse os papeis e serían os baieses quen se repregarían en campo propio para buscar espazos á contra ante un dominador Dumbría. E nun deses contragolpes, MC probaría sorte dende fóra da área cun disparo que rexeitaría Iván Baña e no rexeite, Iván Rojo faría o 0-2 que acabaría resultando definitivo. Tras isto, os homes de Julián Ferreiro non se viñeron abaixo pero o pau privaríalle de meterse de novo no encontro ata en dúas ocasións. O Baio tamén tivo dúas ocasións para matar definitivamente o encontro pero nin MC nin Moreno acertarían de cara a gol, aínda que os tres puntos viaxarían para terras baiesas. O Baio celebrando a súa vitoria no derbi do Conco. Foto: CD Baio

Cordeiro CF 0 – 1 SD Esteirana

  • SD Esteirana: MJ, Simón, Samuel, Josiño Alves, Álex Rama (Carlos m.90), Maroñas (Pachi m.84), Róber Pladur (Eloy m.90), Josiño Barreiro (Manu m.67), Codesido, Tobío (David m.87) e Dani Rama.
  • Gol: 0-1 m.21: Samu.
Un solitario gol de Samu a balón parado deulle a segunda vitoria consecutiva a un Esteirana que logrou sacar o partido adiante con moito traballo, orde defensivo e sendo solidarios no esforzo ante un equipo que conta con moi bos xogadores e que teñen un gran manexo de balón, pero o traballo semanal deu os seus froitos e non lle permitiu crear perigo aos de Valga. A pesares de ter máis dominio de balón que os esteiráns, o Cordeiro apenas inquedou a portería dun MJ que tan só que tivo que intervir nunha ocasión, polo que a Esteirana logrou o seu segundo triunfo consecutivo.

Soneira SD 2 – 1 CD Lalín

  • Soneira SD: Javi Souto, Samuel, Agra, Pose (Chinda m.55)(Brais m.88), De La Sierra, Álex Taibo, Sandelo, Luis (Fran m.73), Madiop, Basti (Darío m.67) e Pichi.
  • Goles: 1-0 m.44: Madiop; 1-1 m.55: Rucho; 2-1 m.57: Jorge Rodríguez en propia porta.
O Lalín comezou o partido exercendo unha presión practicamente abafante sobre a saída de balón do Soneira, impedindo que os vimianceses fixesen o seu xogo habitual. Eso propiciou varias perdas de balón dos locais e nunha delas, a piques estivo de adiantarse o conxunto lalinense. Daría a réplica o Soneira cun disparo de Luis que se marcharía fóra por pouco, mentres que Javi faría unha boa intervención ante o dianteiro do Lalín. E ao fío do descanso un bonito testarazo de Madiop convertiríase no 1-0. Nada cambiaría tralo paso por vestiarios, e nun saque de esquina, Rucho faría o empate. Pero tan só dous minutos despois do gol da igualada, Jorge Rodríguez en propia porta faría o definitivo 2-1. O capitán soneirán Pichi cun libre directo puido sentenciar o encontro pero o gardameta lalinense faría un auténtico paradón para sacar o balón da mesma escadra e evitar o terceiro dos vimianceses. De aí ao remate do encontro, o Lalín apretaría e a piques estivo de facer un empate que faría xustiza ao visto sobre o terreo de xogo. Aínda que Fran tamén tivo a súa para facer a sentenza pero o seu remate marcharíase lamendo o pau.

Flavia SD 2 – 0 SD Fisterra

Flavia-Fisterra
  • SD Fisterra: Iván Bouzón, Bruno (Adrián Castro m.60), Breixo, Aarón, Roa (Mané m.77), Pablo Lestón (Dani m.72), Piti, Rubia, Andrés, Jesús (Cote m.62) e Julio.
  • Goles: 1-0 m.75: Uxío (p); 2-0 m.78: Checho.
Partido moi igualado no que na primeira parte, o Fisterra incluso chegou a estar un pouco mellor ca os padroneses por momentos, aínda que as ocasións brillarían pola súa ausencia. Un cabezazo de Aarón e un par de córners do Flavia nos que Iván estivo moi seguro foron as oportunidades máis claras destes primeiros corenta e cinco minutos. Na segunda metade, a igualdade foi a tónica predominante e os fisterráns apenas lograrían ter posesións de balón longas, o que fixo que o partido estivese máis tolo. A falta de vinte minutos para o remate do encontro, o longueiro privaría aos costeiros de adiantarse no marcador nun remate de Cote que se estrelaría na madeira. E do posible 0-1 pasaríase ao 1-0, despois dun penalti de Andrés sobre Uxío, que transformaría o exdianteiro do Xallas. Tan só tres minutos despois, Iván Bouzón era obxecto dunha falta que o colexiado non sinala á saída dun saque de esquina e Checho subiría o definitivo 2-0 ao marcador co que remataría un partido que estivo disputado ata os últimos dez minutos.

Comentarios