Mércores. 24.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: O Fisterra segue líder a costa dunha Esteirana á que se lle acumulan os problemas

Imaxe do derbi costeiro no Ara Solis entre o Fisterra e a Esteirana
Imaxe do derbi costeiro no Ara Solis entre o Fisterra e a Esteirana
1ª Galicia: O Fisterra segue líder a costa dunha Esteirana á que se lle acumulan os problemas

O Fisterra segue no máis alto da clasificación despois de que un hattrick de Makaay lle dese a vitoria aos seus ante unha Esteirana que fixo merecementos para sacar algo positivo do Ara Solis pero que ve como as cousas se complican de cara a súa permanencia na categoría.

Pola súa banda, un irrecoñecible Baio caería derrotado ante un necesitado Cordeiro e o Dumbría viu como o Chaián lograba remontar ante os costeiros para que os tres puntos se quedasen no Agua Santas.

Mentres tanto, o Soneira sumaría un empate que sabe a pouco ante o Val do Ulla xa que foi por diante no marcador durante moitos minutos pero viu como dous erros defensivos os condenaban dos tres puntos.

SD Fisterra 3 – 2 SD Esteirana

Fisterra-Esteirana

SD Fisterra: Iván Bouzón, Breixo, Aarón, Makaay, Roa (Piti m.53), Cote (Jesús m.53), Rubia, Iván González (Pablo Lestón m.75), Andrés, Capelo (Dani Martínez m.88), Julio (Bruno m.69).

SD Esteirana: MJ, Simón, Maroñas (Elías m.69), Josiño Alves, Álex Rama, Róber Pladur, Pablo (Codesido m.69), Josiño Barreiro (David m.76), Dani Rama, Tobío, Raúl (Adrián m.88).

Goles: 1-0 m.8: Makaay; 1-1 m.14: Tobío; 1-2 m.15: Róber Pladur; 2-2 m.16: Makaay (p); 3-2 m.94: Makaay.

Expulsións: os esteiráns Pablo, Elías e Simón no minuto 75, 90 e co encontro xa rematado, respectivamente

O derbi costeiro tivo un comezo de partido de tolos xa que nos primeiros 16 minutos habería, nada máis e nada menos, que catro goles. Comezaría o Fisterra adiantándose por medio dun Makaay que foi o gran protagonista do encontro, pero a Esteirana lograría remontar este tanto inicial cos goles de Tobío e Róber Pladur.

E no minuto 16, un penalti protestado polos visitantes aproveitaríao Makaay para devolver o empate ao luminoso e poñer o 2-2 co que se chegaría ao tempo de lecer.

Na reanudación, o partido non tería tanto ritmo coma na primeira metade e o derbi acabaría resolvéndose no minuto 94 cun golazo de falta de Makaay que lle daría a vitoria ao Fisterra.

Soneira SD 3 – 3 UD Val do Ulla

Pichi no Soneira-Val do Ulla

Soneira SD: Javi, Brais, Darío, Aarón, Alemán, De La Sierra (Taibo m.74), Mayor, Agra, Pichi, Luis (Pose m.65), Basti (Sandelo m.81).

Goles: 1-0 m.17: Pichi; 2-0 m.32: Aarón (p), 2-1 m.41: Jaco; 3-1 m.59: Agra; 3-2 m.70: Isma; 3-3 m.84: En propia porta.

Expulsión: O vimiancés Chapela estando no banquiño no minuto 60.

Parecía que era o día dun Soneira que, dende o pitido inicial, levou a iniciativa dun partido no que se puido adiantar por medio de Basti nun man a man que salvaría un Zubi que nada puido facer un minuto despois, ante un potente disparo de Pichi.

Tras isto, o dominio dos vimianceses foi en aumento e Agra cun remate que cortaría un defensa providencialmente, mentres que Basti remataría fóra sobre a mesma liña de gol.

No minuto 32, Pichi sería obxecto dun claro penalti por parte de Zubi e Aarón transformaría a pena máxima no 2-0. Tan só tres minutos despois, Agra tería unha ocasión inmellorable para ampliar a vantaxe dos locais pero o seu remate sairía fóra cando xa se cantaba o gol nas bancadas.

E antes do descanso, o Val do Ulla meteríase de novo no partido cun penalti que transformaría Jaco.

Na reanudación, o dominio do Soneira non sería tan claro, aínda que os irmandiños volverían a aumentar a súa vantaxe cun gol de Agra á saída dunha falta.

Tras isto, Basti puido facer o cuarto para os vimianceses pero de novo Zubi lle gañaría a partida no man a man. E do posible 4-1 pasaríase ao 3-2, xa que Isma aproveitaría un erro imperdoable do Soneira para superar a Javi cunha vaselina.

Despois do segundo gol visitante, Zubi e un defensa baixo paus evitarían que Pose e Aarón visen portería. E cando o partido estaba tocando ao seu fin, un centro de Gonzalo que tocaría nun xogador local remataría coándose na portería irmandiña.

Nos minutos finais, Pichi volvería a caer ante Zubi e os soneiráns reclamarían penalti pero o colexiado non sinalaría nada e o encontro remataría con empate a tres goles.

Cordeiro CF 4 – 0 CD Baio

Cordeiro-Baio

CD Baio: Julián, Guau (Álex Figueiras m.46), Norberto (Damián m.46), MC, Bieito, Moreno (Raúl m.61), Porti, Peke, Yago, Sergio (Rubio m.57) e Isaac.

Goles: 1-0 m.46: Moisés; 2-0 m.58: Moisés; 3-0 m.69: Samuel; 4-0 m.81: Manu González.

Mal partido a todos os niveis dun Baio que estaba pensando máis na Copa que neste encontro de liga e iso fíxose notar. O Cordeiro necesitaba puntuar para saír da zona de perigo e achegarse á permanencia.

Na primeira metade, os goles non chegarían pero na reanudación, Moisés en dúas ocasións, Samuel e Manu González lograrían darlle unha ampla vitoria a un Cordeiro que con este triunfo colle unha importante bocanada de aire.

Chaián CF 3 – 2 CF Dumbría

CF Dumbría: Jorge, Canario, Matías, Rivi, Marcote (Charly m.59), Cespón, Darío, Xacobe, Yuyo, Alberto (Pablo Paz m.59) e David.

Goles: 0-1 m.28: Marcote; 1-1 m.34: Alberto en propia porta; 1-2 m.45+1: Rivi; 2-2 m.51: Adrián Cabado; 3-2 m.82: Dani García.

Expulsión: O local Rodrigo ao rematar o encontro.

Partido cunha parte para cada equipo que se decidiría a prol dos locais cun gol no tramo final.

O Dumbría comezou creando bastantes ocasións e adiantaríase no marcador cun gol de Marcote, logo dunha boa xogada entre o dianteiro e Yuyo.

Aos poucos minutos, un erro defensivo dos dumbrieses significaría o empate, pero xusto antes do descanso, Rivi volvería a adiantar aos costeiros.

Na reanudación, sería o Chaián quen estivo mellor e lograría darlle a volta ao marcador cos goles de Adrián Cabado e Dani García que poñerían o definitivo 3-2 no marcador.

Comentarios