Luns. 14.10.2019
El tiempo

1ª Galicia: Movéndose en augas moi diferentes

Celebración do gol de Jesús ante o Esclavitud. Foto: Facebook Sociedad Deportiva Esclavitud.
Celebración do gol de Jesús ante o Esclavitud. Foto: Facebook Sociedad Deportiva Esclavitud.
1ª Galicia: Movéndose en augas moi diferentes

A actual situación dos equipos costeiros da Primeira Galicia é totalmente diferente e máis despois dos resultados dados nesta última xornada na que o Fisterra acumulou a súa sexta vitoria consecutiva logo de derrotar ao Esclavitud para sumar tres puntos que lle permiten seguir na loita polo liderado.

O Baio continúa na zona de privilexio da clasificación logo de superar pola mínima ao Lalín, mentres que o Dumbría mantense na zona temperá da clasificación a pesares de caer ante un dos galos da categoría como é o Flavia.

Pola súa banda, o Soneira caeu pola mínima ante o Praíña e segue sen despegarse da zona de perigo da clasificación, na cal se atopa de cheo unha Esteirana que sufriu unha dura derrota ante un rival directo pola permanencia como é o Val do Ulla.

UD Val do Ulla 4 – 0 SD Esteirana

SD Esteirana: MJ, Samu, Álex Rama (David m.63), Adrián, Pablo, Josiño Barreiro (Manu de Yi m.46), Maroñas, Tobío (Pachi m.65), Raúl, Elíasloy m.72) e Dani Rama.

Val do Ulla-Esteirana 11 inicial

Goles: 1-0 m.48: Gonzalo; 2-0 m.50: Ingelmo; 3-0 m.66: Isma; 4-0 m.74: Coria.

A Esteirana vivía unha nova final na loita pola permanencia no Coto e logo dun primeiro acto bastante igualado que remataría co empate inicial, chegaría unha segunda parte desastrosa para os esteiráns xa que o Val do Ulla faría dous goles nos intres iniciais da segunda metade por medio de Gonzalo e Ingelmo, os cales poñerían as cousas moi de cara para os locais e os que farían que a Esteirana baixase o brazo totalmente.

A raíz destes dous tantos, o dominio do Val do Ulla foi total e lograría aumentar a súa vantaxe cos goles de Isma e Coria que poñerían o definitivo 4-0 no marcador, o cal supón un duro revés para os homes de Geno.

CD Baio 1 – 0 CD Lalín

Baio-Lalin

CD Baio: Dani Varela, Álex Figueiras, Norberto, MC, Bieito, Iván Rojo (Damián m.66), Porti (Josiño m.90), Rubio, Peke, Santi Díaz (Sergio m.81), Isaac (Moreno m.71).

Gol: 1-0 m.5: Bieito.

O Baio fixo unha gran primeira metade, levando a iniciativa en todo momento e creando varias ocasións claras de gol, como a que no minuto 5, Bieito convertiu no definitivo 1-0.

Tras isto, o longueiro cruzaríase no camiño dun disparo de Santi Díaz, mentres que Cristian Penela evitaría que o killer baiés, MC, fixese o segundo.

Na reanudación, a igualdade foi a tónica predominante dun encontro no que as ocasións máis claras seguirían sendo para o cadro local, pero Cristian Penela volvería a privar a MC do gol e o traveseiro evitaría que o cabezazo de Norberto acabase no fondo da rede.

O Lalín intentábao con balóns longos pero non lograría inquedar a un seguro Baio que prolonga a súa boa xeira de resultados.

Praíña SC 2 – 1 Soneira SD

Prainha - Soneira1

Soneira SD: Toni, Aarón, Chapela (Pose m.80), Basti, Sandelo, Alemán (Samuel m.82), Brais, Álex Taibo (Fran m.78), Pichi, Luis (Agra m.62) e Mayor.

Goles: 0-1 m.4: Pichi; 1-1 m.5: Adrián Ferreiro; 2-1 m.12: Javi Sánchez.

Comezaban moi ben as cousas para un Soneira que se adiantaría aos catro minutos de xogo, pero pouco duraría a alegría para os de Pedro Gómez posto que na seguinte xogada, Adrián Ferreiro aproveitaba un erro defensivo dos irmandiños para devolver as táboas no marcador. E no minuto 12 nunha acción con dobre polémica, chegaría o 2-1 logo dunha falta protestada que resolvería Javi Sánchez nunha posición máis que dubidosa.

Tras isto, o Soneira acusaría os nervios e as imprecisións ao longo de todo o encontro. Xa na segunda metade, unha nova polémica nunha acción na que o colexiado sinalaría falta cando os vimianceses reclamarían que fose dentro da área.

O marcador xa non se movería máis e os tres puntos quedaríanse no Juan Amado.

CF Dumbría 0 – 2 SD Flavia

CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Marcos Mouro, Rivi, Marcote, Cespón (Iago m.66), Darío (Xabi m.79), Xacobe, Pablo Paz (David Carreira m.75), David (Yuyo m.67).

11 inicial do Dumbría ante o Flavia

Goles: 0-1 m.32: David; 0-2 m.66: David.

O encontro comezou cun Flavia apretando bastante e que se mostrou superior, superioridade que reflexarían no marcador no minuto 32 cando David superaba a Iván Baña cun lanzamento cruzado.

Tras este gol inicial, o Dumbría tería algunha que outra oportunidade pero non acertaría e chegaríase co 0-1 ao tempo de lecer.

Na reanudación, a igualdade predominaría nos minutos iniciais e Marcote tivo o empate pero o longueiro evitaríao. E do posible 1-1 pasaríase ao 0-2 despois dun despiste defensivo do Dumbría que aproveitaría David para superar de novo a Iván Baña e matar definitivamente o partido.

Esclavitud SD 0 – 2 SD Fisterra

Gol de Capelo ante o Esclavitud

SD Fisterra: Iván Bouzón, Breixo, Aarón, Makaay, Jesús (Roa m.62), Cote (Pablo Lestón m.64), Piti, Rubia, Capelo (Dani Martínez m.64), Iván González (Bruno m.73) e Andrés.

Goles: 0-1 m.21: Jesús; 0-2 m.35: Capelo.

Expulsión: O fisterrán Piti no minuto 90.

Encontro moi aberto nos minutos iniciais con dous equipos ao ataque e con chegadas constantes á área, aínda que as máis claras serían para os fisterráns pero Flori faría dúas grandes intervencións ante Iván González e a Makaay, esta última xa despois do 0-1, o cal chegou cun disparo de Jesús dende a frontal da área.

Antes do tempo de lecer, tamén chegaría o definitivo 0-2 despois de que Makaay servise a un Capelo que firmou un debut soñado con gol.

O Fisterra puido chegar cunha maior vantaxe ao descanso aínda que o 0-2 parecía un resultado cómodo para afrontar un segundo tempo no que os costeiros viñéronse a menos e na que Iván Bouzón salvaría dúas boas ocasións do Esclavitud que non logrou meterse nun partido que remataría coa vitoria dun Fisterra que segue loitando polo liderado.

Comentarios