Sábado. 20.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Só a Esteirana non foi quen de sumar nesta xornada

Guau e Álex Figueiras loitan por un balón con Álex Rama no CD Baio - SD Esteirana. Foto: www.diariodeportivo.gal
Guau e Álex Figueiras loitan por un balón con Álex Rama no CD Baio - SD Esteirana. Foto: www.diariodeportivo.gal
1ª Galicia: Só a Esteirana non foi quen de sumar nesta xornada

O derbi costeiro da xornada foi para un Baio que superou a unha Esteirana moi disconforme coa actuación arbitral e que ve pasar unha gran oportunidade de coller aire e poñer terra de por medio cos postos de perigo. Mentres tanto, o Fisterra acadou unha importantísima vitoria in extremis no sempre difícil campo do Praíña que lle permite seguir na loita polo liderado cun Sigüeiro que non baixa o ritmo.

Pola súa parte, o Soneira xa ve as cousas con máis tranquilidade logo de sumar tres puntos vitais ante un rival directo coma o Unión.

No que respecta ao Dumbría, o conxunto de Julián Ferreiro empatou na xornada matinal deste domingo ante un Lalín que leva tres xornadas sen perder.

CD Baio 2 – 0 SD Esteirana

CD Baio: Dani Varela, Isaac, Guau (Iván Rojo m.55), Yago, Norberto, Rubio, Peke, Álex Figueiras, Santi Díaz (Sergio m.86), Porti e MC.

11 inicial do Baio ante a Esteirana

SD Esteirana: MJ, Codesido, Simón, Maroñas (Samu m.66), Tobío (Adrián m.46), Dani Rama, Pablo (Manu de Yi m.79), Josiño Barreiro, Álex Rama (Elías m.71), Raúl, Róber Pladur (Álex de Yi m.90).

11 inicial da Esteirana ante o Baio

Goles: 1-0 m.26: Álex Figueiras; 2-0 m.90: MC.

Expulsións: Os esteiráns Josiño Barreiro e MJ nos minutos 75 e 89, respectivamente, ambos con cartón vermello directo.

O Baio comezou levando a iniciativa do balón ante unha Esteirana que agardaba en campo propio para tratar de saír á contra.

As ocasións brillarían pola súa ausencia ata un libre directo executado por Porti que sacaría MJ cunha intervención de mérito. E tras este primeiro achegamento de perigo, Álex Figueiras adiantaría aos baieses logo de aproveitar un pase interior de Santi Díaz nunha acción na que os visitantes reclamarían fóra de xogo.

Antes do descanso, Raúl tivo a única ocasión dos esteiráns nestes primeiros corenta cinco minutos pero o xogador da Esteirana non conectaría ben o remate e o balón marcharíase moi desviado, mentres que Rubio tivo unha gran oportunidade para aumentar a vantaxe dos seus pero o seu remate non collería portería cando os afeccionados locais xa case cantaban o segundo dos seus.

Na reanudación, cambiáronse os papeis e os visitantes faríanse coa posesión do balón, mentres que o Baio trataba de saír á contra para sentenciar o encontro.

As oportunidades seguirían brillando pola súa ausencia e nas poucas que houbo, Raúl e Pablo por parte da Esteirana e MC polos baieses, non lograrían materializalas.

E cando mellor estaban os visitantes, quedarían cun home menos pola expulsión de Josiño Barreiro, nunha acción na que Norberto lle fixo unha falta e o esteirán se revolveu decíndolle algo que lle custou o cartón vermello.

A partir de aí, o partido foi perdendo o pouco ritmo que tiña e nos minutos finais, Sergio cometería unha falta sobre MJ cando este tiña o balón no seu poder, o colexiado non sinalaría nada e o esteirán tomaríase a xustiza pola súa man, nunha acción que remataría coa expulsión do gardameta e co segundo gol do Baio, logo de que MC transformase a pena máxima sinalada polo árbitro, unha decisión arbitral que acabou de encender á afección de Esteiro.

CF Dumbría 1 – 1 CD Lalín

11 inicial do Dumbría ante o Lalín

CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Rivi, Marcote, Cespón, Darío (Xabi m.78), Xacobe (Iago m.59), Yuyo (Tajes m.74), Eloy e David.

CD Lalín: Penela, Dani Gómez (Eloy m.59), Ferreiro, Rucho, Richi, Boyan (Cubi m.78), Xocas, Jorge Rodríguez, Martín, Rubén García, Fer (Cristian Domínguez m.88).

Goles: 1-0 m.36: Matías; 1-1 m.86: Rucho.

O Dumbría saltou máis metido ao terreo de xogo ca os visitantes nun encontro de escasas ocasións para ambos equipos. A primeira parte dominaríaa o equipo dirixido por Julián López e nos minutos previos ao descanso, Matías adiantaría aos dumbrieses cun cabezazo á saída dun córner, polo que se chegaría ao tempo de lecer co 1-0 para os locais.

Trío arbitral cos capitáns do Dumbría e o Lalín

A segunda metade foi para un Lalín que buscou o gol da igualada en todo momento pero non sería ata o minuto 86, cando Rucho aproveitaría unha combinación dentro da área para poñer as táboas no electrónico.

Tralo gol, os visitantes buscarían a vitoria pero o marcador non se movería, polo que habería reparto de puntos no Conco.

Praíña SC 1 – 2 SD Fisterra

Praíña SC - SD Fisterra

SD Fisterra: Iván Bouzón, Breixo, Aarón, Roa (Dani Martínez m.64), Pablo Lestón (Bruno m.64), Jesús (Ezequiel m.77), Cote, Piti, Rubia (Makaay m.73), Andrés e Julio.

Goles: 1-0 m.22: Adrián Ferreiro; 1-1 m.45: Julio; 1-2 m.82: Aarón.

Expulsión: O local Róber con cartón vermello directo cando o partido xa estaba rematado.

Encontro moi disputado nun sempre complicado Juan Amado e que puido caer para calquera lado. O Praíña estivo mellor sobre o terreo de xogo nunha primeira metade na que os locais se adiantaría grazas a un gol dun Adrián Ferreiro que aproveitaría un centro atrás logo dun balón ás costas da defensa para sorprender ao equipo fisterrán.

No tramo final deste primeiro acto, o Fisterra estivo mellor e nun balón colgado á área rival, Julio recollería o rexeite para facer o empate sobre a bocina.

Na segunda parte, os costeiros saíron mellor, máis metidos no encontro pero sen ocasions claras nin para uns nin para outros. Aínda que os fisterráns lograrían crear perigo sobre a área rival a balón parado e os locais nalgunha que outra contra.

E a falta de oito minutos para que se cumprise o tempo regulamentario, Aarón faría o definitivo 1-2 que lle daría unha importantísima vitoria aos da fin da Terra.

CD Unión 1 – 2 Soneira SD

Soneira SD: Javi Souto, Aarón, Chapela (Cristian Canosa m.90), Madiop, Sandelo, Pose (Samuel m.55), Alemán, Álex Taibo, Pichi, Luis, Agra (Basti m.87).

Goles: 1-0 m.20: Mauro; 1-1 m.66: Chapela; 1-2 m.84: Aarón (p).

Expulsión: O adestrador local Miguens no minuto 75.

Na primeira parte, o Unión foi o claro dominador e Javi Souto salvaría aos seus con varias intervencións de mérito e faría que os rianxeiros chegasen ao tempo de lecer con vida, logo de que tan só Mauro, mediado este primeiro acto, fose quen de superalo.

Na reanudación, foi o Soneira quen deu un paso á fronte para facerse co dominio e, Pichi e Chapela avisarían das intencións dos vimianceses pero ningún dos dous serían quenes de materializar as súas ocasións.

Pero finalmente mediada esta segunda metade, Chapela faría o empate tras unha boa deixada de Alemán.

Tras isto, os irmandiños tiveron boas oportunidades para poñerse por diante pero Madiop, Pichi e Chapela non serían quenes de materializalas. E o encargado de facer o gol da vitoria sería Aarón dende os once metros, logo de aproveitar un penalti cometido sobre el mesmo.

Antes do pitido final, Javi Souto volvería a aparecer para salvar aos seus cunha gran intervención e manter a vitoria dun Soneira que suma tres puntos importantísimos para os seus intereses.

Comentarios