Sábado. 20.04.2024
El tiempo

1ª Galicia: Todos suman, excepto o Baio

Baio en Sigueiro
Baio en Sigüeiro
1ª Galicia: Todos suman, excepto o Baio

Xornada case perfecta para os equipos costeiros xa que salvo o Baio todos lograron sumar nos seus respectivos partidos.

A vitoria do Fisterra ante o Cordeiro, permítelle aos fisterráns continuar no trío de cabeza que, salvo novidade, parece que serán os equipos que loitarán polo título de liga. Pola súa banda, o Baio non puido co líder, un Sigüeiro que solventou o partido na segunda metade.

Mentres tanto, o Dumbría recuperou a sexta posición logo de superar con contundencia ao Bertamiráns. E o Soneira tamén lograría unha ampla vitoria ante un rival que se atopa nunha situación similar a dos vimianceses, como é o Piloño.

Por último, a Esteirana non logrou pasar do empate ante un Praíña que a pesares de non crear unha soa ocasión de gol, sacou un punto da súa visita ao Xosé Luis Vara.

Sigüeiro FC 2 – 0 CD Baio

Sigueiro FC-CD Baio

CD Baio: Dani Varela, Álex Figueiras, Norberto, Martín MC, Bieito, Moreno (Santi Díaz m.59), Rubio, Peke, Damián e Yago.

Goles: 1-0 m.48: Astray; 2-0 m.90: Calderón.

A igualdade foi a tónica predominante dunha primeira metade na que as mellores ocasións foron dun Baio que vería como Dani evitaba que os lanzamentos de Álex Figueiras e Bieito acabasen no fondo da portería.

Na reanudación, o Sigüeiro foi mellor e adiantaríase ao pouco de volver dos vestiarios cun gol de Astray.

Xa no desconto e co Baio volcado en campo contrario, Calderón faría o definitivo 2-0 ao materializar unha contra.

Bertamiráns FC 0 – 5 CF Dumbría

11 inicial do Dumbría en Bertamiráns

CF Dumbría: Iván Baña, Canario, Matías, Marcos Mouro, Rivi (Iago m.46), Yuyo, Cespón, Darío, Xacobe (Xabi m.70), David (Tajes m.60), Alberto (David Carreira m.80).

Goles: 0-1 m.17: Yuyo; 0-2 m.39: Cespón; 0-3 m.65: Iago; 0-4 m.68: Cespón; 0-5 m.79: Tajes.

O Dumbría realizou un partido moi serio ante un Bertamiráns que se viu superado polos dumbrieses en todas facetas do xogo e que viu como os homes de Julián Ferreiro chegaban ao descanso cunha vantaxe de dous goles, despois de que Yuyo e Cespón superasen a Vieites.

Ao inicio do segundo tempo, o Bertamiráns puido recortar diferenzas no marcador pero o longueiro evitaría o gol dos locais.

E unha vez chegada á medianía desta segunda parte, o Dumbría daría o paso definitivo cara a vitoria cos goles de Iago, Cespón e Tajes, para poñer a guinda ao monólogo dumbriés co 0-5 final.

SD Esteirana 1 – 1 Praíña SC

Esteirana-Praiña

SD Esteirana: MJ, Simón, Josiño Alves, Maroñas, Álex Rama (Samu m.85), Elías (Pachi m.73), Pablo (Adrián m.61), Josiño Barreiro (Manu de Yi m.66), Codesido, Raúl e Dani Rama.

Goles: 0-1 m.25: Román; 1-1 m.73: Maroñas (p).

Expulsión: O esteirán Simón no minuto 82 con cartón vermello directo.

A Esteirana estivo moi precipitada durante este partido de necesitados no que o Praíña se adiantaría logo de aproveitar un erro defensivo local á saída dun córner, no que foi o seu único achegamento de perigo dos visitantes.

Antes do tempo de lecer, Raúl e Simón terían o empate pero Vicente gañaríalle a partida a ambos.

Na reanudación, a pesares de que a Esteirana se volcaría en ataque pero sen crear perigo e non lograría o empate ata o minuto 73, logo de que Maroñas transformase un penalti cometido sobre Elías.

Os de Geno quedarían cun home menos pola expulsión de Simón, pero a pesares disto tería unha dobre oportunidade para levarse os tres puntos pero nin Raúl nin Manu de Yi lograrían superar a Vicente.

SD Fisterra 2 – 1 Cordeiro CF

SD Fisterra: Iván Bouzón, Bruno (Rubén García m.65), Fabián, Roa (Dani Martínez m.77), Pablo Lestón (Isaac m.77), Jesús (Adrián m.65), Cote (Ezequiel m.84), Piti, Rubia, Andrés e Julito.

Goles: 1-0 m.11: Pablo Lestón; 2-0 m.50: Roa; 2-1 m.89: Manu García.

O Fisterra saíu moi ben ao encontro, creando continuas ocasións de perigo e nunha triangulación entre Jesús, Cote e Pablo Lestón, este último faría o 1-0.

Ata a media hora do partido, os fisterráns xogarían en campo rival pero no último cuarto de hora, o Cordeiro tería máis control do balón pero sen ocasións de perigo.

A segunda metade foi máis igualada e logo dun bo cambio de xogo de Julito para Roa e este controlaría o esférico para cruzar ante Alberto e facer o 2-0.

A raíz dese momento, os da vila da fin da Terra estiveron máis tranquilos e incluso, Pablo Lestón puido facer o terceiro pero a cruceta evitaríao.

Xa co partido tocando ao seu fin, Manu García faría o definitivo 2-1, aínda que o Cordeiro tería unha última para sacar algo positivo nunha falta que atallaría un seguro Iván Bouzón para manter a vantaxe no marcador dun Fisterra que lograría sumar tres puntos importantísimos nun partido no que contaba con numerosas baixas e que obrigou a Ángel López tirar dos xuvenís Isaac e Ezequiel.

Soneira SD 4 – 1 SD Piloño

Soneira SD: Javi Souto, Darío, Aarón, Madiop (Pose m.85), Fran (Chapela m.60), Sandelo, Alemán (Brais m.87), Álex Taibo (Toni m.90), Pichi, Luis e Samuel.

Goles: 1-0 m.19: Fran; 2-0 m.21: Madiop; 3-0 m.65: Aarón; 3-1 m.76: Dani Méndez; 4-1 m.90: Chapela.

Expulsión: Expulsou ao visitante Álex con cartón vermello directo no minuto 63.

Un Luis que estivo moi activo durante todo o partido, xa avisaría das intencións dos seus nada máis comezar cun remate que se marchou arriba por pouco. O Piloño daría a réplica pero unha gran intervención dun Javi Souto que contaría coa axuda da madeira evitaría o gol.

Tras isto, o Soneira desmelenaríase e lograría dous goles case consecutivos para poñer o 2-0, despois de que Fran e Madiop superasen a Álex. E con ese resultado chegaríase ao intermedio.

O Piloño comezaría a segunda metade avisando pero o disparo do xogador visitante marcharíase fóra por pouco. Pouco despois, Chapela estivo a piques de aumentar a vantaxe dos seus pero o seu remate sairía cruzado en exceso.

E no minuto 63, chegaría a expulsión de Álex despois de que derrubase a Madiop na área e Aarón non perdoaría dende os once metros. O 3-0 traería un exceso de confianza a un Soneira que vería como Dani Méndez recortaría diferenzas e o Piloño estivo a piques de meter o medo no corpo con dúas ocasións que non acabarían en gol por pouco.

No minuto 90, o xuvenil Brais cedería o balón a Chapela nunha contra para que este fixese o definitivo 4-1 nun man a man.

Comentarios