Sábado. 20.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: Enésimo cambio do líder

2ª Galicia: Enésimo cambio do líder
O Mazaricos, que goleou con contundencia ao Lira, recupera o liderado da Liga da Costa logo de que o Corme non fose quen de pasar do empate ante un Buño que mostrou unha imaxe moi diferente a da pasada tempada. Pola súa banda, o Muxía gañouse o dereito a soñar con facer algo grande nesta tempada logo de acadar unha sufrida vitoria ante o Cee e de que o Volantes de Baño derrotase ao Ponteceso cun golazo de Pesco que impulsa aos seus cara arriba. O Baíñas tampouco perdoou ante o Monte Louro para seguir no tren de cabeza e o Cerqueda venceu pola mínima a un Malpica que non acaba de arrancar. No que respecta á zona de perigo, o San Lorenzo logrou un importante triunfo de cara os seus intereses ante un rival directo como é o Muros e o Sporting Zas fixo o propio que os verdilleses logo de golear a un Ameixenda que segue pagando caro os malos inicios das segundas metades.

UD Monte Louro 0 – 2 CD Baíñas

UD Monte Louro - CD Baíñas. Foto: Eduardo Olveira
  • UD Monte Louro: Iago, Abel (Mingos m.86), David, Borja, Dani Corniños (Ivi m.52), Adrián, Iker (Rama m.75), Gelo (Dani de Sahorta m.57), Geiko, Juan de Celia e Sambade.
  • CD Baíñas: Paulo, Naya, Luis, Mayor, Esteban Canosa, Pablo Muíño, Felipe, Javi (Cristian Canosa m.78), Oreiro, Toño, Capote (Esteban Rodríguez m.73).
  • Goles: 0-1 m.31: Pablo Muíño; 0-2 m.74: Pablo Muíño.
Encontro máis igualado do que di o resultado e no inicio do encontro, Iker puido adiantar aos seus nunha xogada por banda esquerda na que o xogador loureán fixo todo ben menos a definición. Pola súa banda, Pablo Muíño e Javi sempre xeraban perigo e este último estrelaría un balón no longueiro. Eran momentos nos que ambos conxuntos chegaban á área rival aínda que sen inquedar en exceso aos porteiros, pero no minuto 31, un mal despexe do Monte Louro aproveitaríao Pablo Muíño para plantarse ante Iago e superalo no man a man para facer o 0-1. Na reanudación, ocasións para ambos bandos. Juan de Celia, Geiko e Borja tiveron o empate, mentres que Javi e Pablo Muíño seguían ao seu e buscaban un 0-2, o cal chegaría cun potente disparo deste último. Tras isto, o Monte Louro non baixou os brazos e tivo varias oportunidades para meterse no partido pero non lograría materializalas e o marcador xa non se movería.

UC Cee 0 – 1 Muxía CF

O Muxía adicoulle a vitoria ante o Cee ao recentemente lesionado Adrián Alcaina
  • UC Cee: Maikel (Anxo m.46), Fran, Pablo, Aitor, Carlos Leis, Esteban Sendón (Álex m.72), Javi, Iván Figueroa (Leo m.67), Chema, Luis Lojo e Patera.
  • Muxía CF: Hugo, Maikel, Michael, Brais, Congui (Mario m.53), Pereira, Isma, Mauro, Manu Nogueira, Víctor Alcaina (Gora m.46), Toja (Julián m.84).
  • Gol: 0-1 m.6: Mauro.
Cee e Muxía disputaron un partido moi igualado na primeira metade, na que a pesares do gol de Mauro aos seis minutos logo dun erro defensivo dos locais, os da vila da Xunqueira estiveron moito máis cómodos sobre o céspede artificial do Sampaio dos Refoxos que os muxiáns. Tanto foi así que o gardameta Hugo que realizou unha gran actuación e o longueiro foron chave para manter a vantaxe dos da vila da Barca. Na reanudación, o Muxía estivo moito mellor pero aínda así o Cee apretou aos de Adrián Lema no tramo final, pero os muxiáns souberon sufrir para acadar unha traballada vitoria que lle adicaron ao lesionado Adrián Alcaina.

Buño SCD 2 – 2 Corme CF

  • Buño SCD: Brais, Manoliño (Cristian m.58), David, Jorge Calvete, Fran, Petís, Borja, Álex (Brandón m.85), Matías, Pablo, Juan (Alberto m.63).
O Buño no quecemento previo ao partido co Corme. Foto: Fin Lema.
  • Corme CF: Illote, Jesús (Martín m.63), Pandi (Javi Bermúdez m.77), Sueiro, Eloy, Manu Bermúdez, Adrián Doldán, Alejo, Toniño, Fabián (Brais Andrade m.60), Brais Torrado (Javi Peón m.58).
O Corme no quecemento previo ao partido en Buño. Foto: Fin Lema.
  • Goles: 0-1 m.31: Alejo (p); 1-1 m.39: Borja; 2-1 m.79: Pablo; 2-2 m.89: Sueiro.
  • Expulsións: O branquiazul Fran no minuto 80 por dobre amonestación e o adestrador visitante Ángel con cartón vermello directo ao remate do encontro.
Nada que ver o Buño desta semana co visto en Arliña, e que logrou sorprender a un Corme que acusou as baixas de Lucas e Alejandro. Pasada a media hora de partido, Alejo lograría adiantar aos seus cunha pena máxima cometida sobre el mesmo e que foi moi protestado por un Buño que reclamou que a falta se cometese fóra da área. Os da vila do Roncudo tiveron ocasións para ampliar a vantaxe pero Alejo, Toniño e Adrián Doldán non lograrían materializalas. Quen si vería o portería sería o Buño e faríao nunha nova acción polémica na que Borja aproveitaría unha falta máis que protestable e tralo lanzamento a balón parado, os cormeláns reclamarían un empurrón sobre Pandi que o colexiado non sinalou, polo que se chegaría ao descanso co 1-1 no luminoso. Na reanudación, o Corme volcouse a pola vitoria, mentres que o Buño trataba de saír á contra e así sería como os locais se adiantarían no marcador por medio de Pablo. Á desesperada e sen baixar os brazos, o Corme buscaría a igualada, a cal chegaría no minuto 89, momento no que Sueiro faría o definitivo 2-2, o cal poñía fin a un encontro no que ambos conxuntos se marcharon moi cabreados coa actuación arbitral.

Volantes de Baño FC 1 – 0 Ponteceso SD

Volantes de Baño - Ponteceso SD
  • Volantes de Baño FC: Marcos, Thiago (Iván m.57), Cajulo (Riki m.81), Santi, Godo, Pesco, Berto (Rapante m.86), Rachón, Jano, Miguel, Pri (Raúl m.64).
  • Ponteceso SD: Brais, Puente, Dani Cotelo, Matías, Eloy Trigo (Iago m.64), Nando, Alberto Recarey, Iván (Eloy Álvarez m.74), Mendieta, Luca e Moscoso.
O Ponteceso SD no Eleuterio Balayo
  • Gol: 1-0 m.19: Pesco.
  • Expulsión: O local Miguel por dobre amonestación no minuto 53.
Un ordenado e intenso Volantes de Baño a nivel defensivo ante un Ponteceso que quería o balón pero que non lograba crear perigo sobre a portería rival e que vería como os muradáns lanzaban contras perigosas. E nunha desas transicións, Pesco faría un golazo dende longa distancia para poñer o 1-0. O talentoso xogador muradán tería o segundo nunha nova contra pero desta vez, Brais detería ben o esférico para chegar ao descanso coa mínima vantaxe no marcador dun Volantes de Baño que non sufriu nin o máis mínimo en defensa. Nada máis comezar a segunda metade, os homes de Sil quedarían cun xogador menos pola expulsión dun Miguel que debutaba. Tras isto, os locais multiplicarían esforzos e non sufrirían a pesares de estar con dez e incluso tiveron o segundo nun man a man de Berto, nun lanzamento de Pesco ao longueiro e nun dous para un que non souberon resolver os muradáns. O Ponteceso tería a última pero Marcos detería sen problemas, polo que os tres puntos quedarían no Eleuterio Balayo.

SD San Lorenzo 3 – 1 CD Muros

  • SD San Lorenzo: Benjamín, Juanjo, Luciano, Rudi (David Lorenzo m.46), Fidalgo, Kuki, Diego (Alberto m.77), Styven, Jose, Fuentefría (Fran m.68), Brais (Ures m.58). Tamén xogou: Pablo Garrido.
  • CD Muros: Xandre, Yerai (Ramón m.51), Pedro (Matías m.86), Juachy (Gabo m.78), Gabriel (Suso Pata m.46), Xaco, Álex Siaba, Berni, Xavi, Saúl, Varo (Xandre Costids m.83).
  • Goles: 1-0 m.1: Fuentefría; 2-0 m.47: Brais (p); 2-1 m.63: Ramón; 3-1 m.83: Fran.
Partido dominado polo San Lorenzo, en gran parte grazas ao gol de Fuentefría no primeiro minuto nun libre directo tras unha clara man do porteiro visitante fóra da área. A partir de aí, o Muros buscaría chegar a arreóns, con balóns longos sobre os seus dous dianteiros, pero tan só conseguiría levar perigo a través de saques de esquina e faltas laterais, sen chegar a concretar lanzamentos a porta. Chegabase ao descanso co balón e coas ocasións para o San Lorenzo, dúas delas en sendos mans a mans marrados por Brais ante o meta visitante. Á volta do intermedio, o encontro seguíría a mesma tónica, e nun balón longo, Brais de novo, plantase ante o porteiro e recibe a entrada por detrás dun defensa visitante que o colexiado sinala como penalti. O propio Brais sería o encargado de transformalo. Tras isto, o Muros tivo as máis claras nunha falta lateral peinada por Ramón lograría reducir diferenzas no marcador. Cos cambios, volveu o San Lorenzo a dominar e nunha xogada entre os xuvenís Pablo Garrido, Ures e Fran acabaría co gol da sentenza deste último no minuto 80, polo que o partido acabaría co 3-1 e co Muros moi enfadado co colexiado. Así foi o tanto do Muros: [fbvideo link="https://www.facebook.com/258363708013085/videos/332418754265780/?t=20" width="800" height="400" onlyvideo="1"]

SCD Malpica 0 – 1 UD Cerqueda

  • SCD Malpica: Lamas, Mante, Andy, Capelán, Fuentes, Migueliño (Dimitri m.84), Jairo, Aitor (Marcos m.86), Brais Lado, Gonzalo Vilariño e Dani Casal.
  • UD Cerqueda: Diego Dourado, Marcos Pensado, Javi Souto, Dieguito (Javi Pazos m.34), Lorenzo, Méndez (Ceide m.73), Julián (Manu Guillamet m.71), Dani, Molinos (Villajos m.54), Martín Añón, Míchel (Atu m.69).
  • Gol: 0-1 m.5: Méndez.
  • Expulsións: O malpicán Fuentes no minuto 89 e o cerquedán Manu Guillamet no 94, ambos por dobre amonestación.
Derbi moi igualado o que disputaron Malpica e Cerqueda na Pedra Queimada e que pronto se decantaría a favor do conxunto visitante, xa que no minuto 5, Méndez adiantaría aos seus. A partir de aí, o Malpica fíxose co control do balón pero non tivo ocasións ante un Cerqueda que se defendeu moi ben e que esperou algunha contra para sentenciar o encontro, pero as ocasións serían practicamente nulas para ambos conxuntos.

Mazaricos CF 7 – 2 Lira CF

  • Mazaricos CF: Miguel, Borja, Carreira (Alberto m.74), Mario (Barbeira m.52), Pereiro, Piki, Estéfano, Capelo (Cutu m.79), Chiki, Yago Dosil (Martín m.68) e Pose.
11 inicial do Mazaricos ante o Lira
  • Lira CF: Babacar, Marcos, Josiño (Demetrio m.65), Cristian, Raúl, Óscar Rey, Borja, Toni (Manu m.65), Mamadou, Cristian Caamaño e Oli.
11 inicial do Lira ante o Mazaricos
  • Goles: 0-1 m.1: Mamadou; 1-1 m.14: Estéfano; 2-1 m.16: Estéfano; 3-1 m.24: Estéfano; 4-1 m.41: Estéfano; 5-1 m.52: Estéfano; 5-2 m.54: Cristian Caamaño; 6-2 m.58: Capelo; 7-2 m.71: Barbeira.
O Lira adiantábase cun temperán gol de Mamadou, quen aproveitou un erro na saída de balón dos mazaricáns para facer o 0-1. O tanto inicial dos lirachos fixo espabilar aos locais e estes foron facéndose co control do partido para irse achegando á portería rival. A partir deste momento, Estéfano iríase convertindo no gran protagonista do encontro e lograría darlle a volta ao marcador con dous goles en dous minutos. Pero a gran actuación do habilidoso xogador mazaricán non acabaría aquí, xa que faría dous goles máis antes do tempo de lecer e outro nada máis voltar dos vestiarios, para poñer o 5-1 no luminoso. Cristian Caamaño faría o 5-2 para os lirachos nunha falta lateral colgada á área e Miguel tería que intervir nun man a man para evitar o terceiro dos visitantes. E a continuación desta boa ocasión do Lira, o debutante Capelo faría o sexto e Barbeira o definitivo 7-2.

Sporting Zas 6 – 0 SD Ameixenda

Sporting Zas - SD Ameixenda
  • Sporting Zas: Vázquez, Juan (Lody m.75), Manu, Josito, Brais (Rubén m.70), Fabi, Pablo Vidal (Juan Lois m.65), Santi (Miguel m.75), Carra (Tefi m.65), Rubio e Dani.
  • SD Ameixenda: Bicho, Kamacho, Bruno, Castrexe, Po, Cristian, Gabi (Mataso m.55), Susiño, Pablo, Tomás e Javichu.
11 inicial do Ameixenda ante Sporting Zas
  • Goles: 1-0 m.40: Rubio; 2-0 m.49: Rubio; 3-0 m.51: Pablo Vidal; 4-0 m.69: Rubio;  5-0 m.81: Manu; 6-0 m.90: Dani Mato.
Por quinta vez esta temporada tivo que xogar Bicho de porteiro ante a ausencia de Riolo por lesión. Con este importante condicionante, ademáis de dispoñer únicamente dun xogador para posibles cambios, o Ameixenda plantoulle cara ao Sporting Zas na primeira metade, tapando ocos en defensa e limitando as opcións locais a accións individuais ou tiros lonxanos. O partido, aínda que con mais dominio dos zasenses,  era igualado e mesmo o Ameixenda tivo dúas ocasións de gol, unha delas na xogada máis bonita do primeiro tempo na que interviron todos os medios e dianteiros, tocando ao primeiro toque. Eran os mellores momentos do Ameixenda ata que no único erro en defensa dos ceenses, permitiulle a Rubio facerse cun balón no borde da área grande, e logo de regatear a dous defensas bater a Bicho. No segundo tempo, ao Ameixenda voltáronlle a marcar nada máis regresar dos vestiarios por oitava ou novena vez esta tempada e este domingo fixérono por duas veces por medio de Rubio e de Pablo Vidal. O encontro estaba prácticamente decidido e o Sporting Zas xa dominaba totalmente chegando moitas veces con perigo. Bicho fixo tres ou catro paradas de verdadeiro mérito pero os goles terminaron por chegar. Rubio, Manu e Dani Mato puxeron o definitivo 6-0. En definitiva, aguantou ben o Ameixenda no primeiro tempo pero o segundo e terceiro goles tan pronto despois do descanso deixaron resolto o partido. A boa nova é que Mataso, lesionado de gravidade no treito final da pasada tempada xogando co Dumbría, voltaba aos terreos de xogo, xogando uns 35 minutos con boas sensacións. E un recordo para Andrés, lesionado o pasado domingo e que en principio sufría un forte esguince pero finalmente sufriu unha fractura de peroné.

Comentarios