Venres. 19.04.2024
El tiempo

2ª Galicia: A punto de caramelo

UD Monte Louro 0-0 UD Cerqueda
UD Monte Louro 0-0 UD Cerqueda, Foto: Eduardo Olveira.
2ª Galicia: A punto de caramelo

A vitoria do Mazaricos ante o Muxía e o empate do Corme no Cairo ante o Sporting Zas fai que os amarelos poidan proclamarse campións o vindeiro domingo, sempre e cando lle gañen aos cormeláns nun Peña do Ouro que pode ser decisivo para esta Liga da Costa 2018-2019.

Pola súa banda, o Volantes de Baño segue ao seu na procura por esa fase de ascenso e faino logo de golear a un Buño que segue en apuros na zona baixa da clasificación. Mentres tanto, o Ponteceso aséntase na cuarta praza logo de golear ao descendido Ameixenda e o Cerqueda fai o propio na sexta posición tras empatar sen goles ante un Monte Louro que terá que afrontar o final de tempada a cara de can.

O San Lorenzo empataba a un gol cun Cee que segue loitando por saír da zona de perigo e o Malpica case garante a súa permanencia logo de vencer con solvencia ao Baíñas.

Por último, Muros e Lira viron como o colexiado tiña que suspender o encontro pola enésima inundación dun Eleuterio Balayo que leva moito tempo pedindo unha reforma urxente para evitar estas cousas.

UD Monte Louro 0 – 0 UD Cerqueda

UD Monte Louro - UD Cerqueda

UD Monte Louro: Fernando, Abel, David, Pablo, Borja, Adrián, Dani de Sahorta (Iker m.75), Dani Corniños (Mingos m.89), Ivi, Juan de Celia, Gelo (Sambade m.46).

UD Monte Louro 11 inicial co Cerqueda

UD Cerqueda: Diego Dourado, Marcos Pensado, Atu, Javi Souto, Manu Guillamet (Julián m.83), Dieguito, Lorenzo, Ceide (David Dourado m.60), Méndez (Jonathan m.75), Dani, Molinos (Gonzalo m.60).

O estado do terreo de xogo condicionou e moito un partido que tivo unha primeira metade na que ambos equipos buscaron o xogo directo e no que as ocasións serían máis ben escasas.

O Monte Louro vería portería nunha boa acción de Ivi que remataría Juan de Celia ao fondo da rede cunha chilena, pero o colexiado invalidaría a xogada por fóra de xogo.

Na segunda metade, máis xogo por parte de ambos equipos pero os achegamentos de perigo serían aínda máis contados.

CD Muros 0 – 0 CF Lira (SUSPENDIDO)

Eleuterio Balayo anegado

O encontro entre o Muros e o Lira foi suspendido polo mal estado do terreo de xogo, o cal estaba impracticable polas abundantes choivas caídas durante o longo deste domingo.

Agora, haberá que agardar para ver que decisión toma a Real Federación Galega de Fútbol no que se refire á data na que se xogará este encontro entre dous equipos en plena loita pola permanencia.

O Eleuterio Balayo, ao igual que está a suceder no San Andrés de Zas, pide unha reforma a berros e agardemos que dende as respectivas institucións se poñan mans á obra.

Ponteceso SD 7 – 0 SD Ameixenda

Ponteceso-Ameixenda

Ponteceso SD: Damián, Puente, Dani Cotelo, Matías, Nando, Recarey, Iván (Raúl m.67), Ismail (José m.70), Luca (Pop m.80), Eloy Álvarez e Adrián.

SD Ameixenda: Rubén, Javichu (Bichiño m.73), Samuel, Cristian, Mataso, Castrexe, Bicho (Po m.56), Dany Añón, Gabi (Chucho m.56), Susiño e Juanfran.

11 inicial do Ameixenda no Pinguel

Goles: 1-0 m.14: Luca; 2-0 m.43: Eloy Álvarez; 3-0 m.53: Puente; 4-0 m.58: Eloy Álvarez; 5-0 m.60: Recarey; 6-0 m.65: Recarey; 7-0 m.70: Luca.

O partido comezou con certa igualdade, aínda que, loxicamente o Ponteceso tiña mais o balón pero o Ameixenda mantiña o orden e non había xogadas de gol.

Foron os propios xogadores ceenses, perdendo un balón en tres cuartos de campo os que  propiciaron a recuperación do balón por parte dun Luca que avanzou un par de metros para disparar por encima de Rubén e facer o 1-0.

Durante os seguintes dez minutos parecía que o Ponteceso ía rachar xa o partido, con varias chegadas de perigro que obrigaron a Rubén a facer varias paradas de mérito. Pero, pouco a pouco, o Ameixenda foi recompoñéndose, igualando de novo o xogo aínda que Damián non pasaba apuros.

E xa a piques de chegar o descanso, nunha xogada illada, o Ponteceso logra meter un balón entre os centrais do Ameixenda e Eloy Álvarez definiría con tranquilidade diante da saída de Rubén.

No segundo tempo xa  o dominio local foi acentuándose, e xunto cos diferentes fallos defensivos, deron lugar a que en tan só dezasete minutos, o Ponteceso marcase cinco goles para pechar o definitivo 7-0.

UC Cee 1 – 1 SD San Lorenzo

UC Cee: Anxo, Martín, Jorge, Aitor, Esteban, Carlos Leis, Brais Figueroa (Astray m.50), Rafa (Luis Fernández m.84), Chema, Luis Lojo, Leo (Brais Rey m.63).

SD San Lorenzo: Rubén, Luciano, Kuki, Diego, Jose (Alberto m.73), Fuentefría (Styven m.75), Álex Ferna´ndez, Brais, Pablo Garrido (Mario m.63), David Lorenzo (Yago m.50) e Juanjo.

Goles: 0-1 m.64: Brais; 1-1 m.85: Luis Lojo.

Partido igualado como demostra o resultado final no que o Cee intentou levar a iniciativa con balón a pesares de que o campo estaba encharcado, o que facía difícil poder combinar e conducir. Pola súa banda, o San Lorenzo adaptouse mellor cun fútbol máis directo e con balóns longos ás costas dos centrais, pero ningún dos dous equipos lograrían marcar.

Na reanudación, máis do mesmo aínda que mediado este segundo acto, Brais adiantaría aos verdilleses e xa contra o final, Luis Lojo faría o definitivo 1-1.

Co partido tocando ao seu fin, Rubén faría unha gran intervención de mérito para evitar que Martín lle dese a vitoria aos seus.

Corme CF 1 – 1 Sporting Zas

Corme-Sporting Zas

Corme CF: Suso, Pandi, Sueiro (Javi Bermúdez m.57), Eloy, Adrián Doldán, Alejo, Lucas, Alejandro, Toniño (Samu Costa m.15), Manu Bermúdez e Brais Torrado.

Sporting Zas: Vázquez, Tefi (Santi m.46), Josito, Rubio, Dani Mato, Brais, Adrián, Fabi, Juan, Manu e Carra.

Goles: 1-0 m.2: Alejandro; 1-1 m.70: Santi.

O encontro comezaba moi ben para un Corme que se adiantaría aos dous minutos de xogo cun gol do eterno Alejandro.

A raíz do 1-0, o Sporting Zas foi espertando, facéndose co control e tamén contando con ocasións que se quedarían en nada.

Xa no segundo tempo, a igualdade sería máxima, aínda que Santi lograría facer o empate cunha vaselina sobre Suso.

No tramo final, o partido puido caer para calquera lado pero o balón non quixo entrar e habería reparto de puntos no Cairo.

Muxía CF 0 – 3 Mazaricos CF

Muxia-Mazaricos

Muxía CF: Hugo, Brais, Congui, Pereira, Víctor Alcaina (Toja m.57), Julián (Mauro m.67), Manu Nogueira, Maikel, Mario, Isma Pose (Gerardo m.76), Tomás (Reigía m.73).

Mazaricos CF: Rubén Santos (Miguel m.46), Borja, Mario, Ricardo (Carreira m.88), Barbeira (Amoedo m.70), Piki (Martín m.91), Estéfano, Diego (Roberto m.83), Pereiro, Pose e Raúl.

Goles: 0-1 m.3: Diego; 0-2 m.80: Amoedo (p); 0-3 m.90: Piki.

O Mazaricos lograría adiantarse moi pronto por medio dun Diego que vai a gol por partido xogado e faríao nun encontro marcado polo forte vento presente en Arliña que condicionou e moito o xogo de ambos equipos.

O Muxía non lograr saír do seu campo debido a que o aire non llo permitía e Hugo evitaría que os mazaricáns aumentasen a súa vantaxe con dúas intervencións de mérito ante Diego e Piki.

Na segunda metade e co vento a favor, os muxiáns estiveron máis cómodos pero non lograrían inquedar a Miguel en ningún momento e verían como nunha contra que remataba en penalti por man dun defensa local, Amoedo practicamente sentenciaba o partido dende o punto fatídico.

Xa no tempo de desconto, Piki facía un bonito gol para poñer o definitivo 0-3, que lle permite aos mazaricáns depender de si mesmos para facerse co título de campión da Liga da Costa o vindeiro domingo.

CD Baíñas 0 – 3 SCD Malpica

CD Baíñas: Jacobo, Rodri, Naya, Ramón (Felipe m.65), Luis, Cristian Canosa (Paulo m.78), Esteban Canosa (Oreiro m.68), Esteban Rodríguez, Pablo Muíño, Javi e Toño.

SCD Malpica: Eusebio, Mante (Brais Ceán m.72), Andy, Laik, Villar, Capelán, Aitor, Roberto (Dimitri m.82), David López (Martín m.30), Gonzalo, Marcos (José Ángel m.74).

Goles: 0-1 m.33: Roberto; 0-2 m.52: Martín; 0-3 m.72: En propia porta.

O partido foi un monólogo constante por parte dun Malpica que tivo dominio absoluto da posesión e das ocasións.

Os homes de Gurita chegaban e chegaban pero non lograban materializar as súas oportunidades e non sería ata o minuto 33, cando Roberto faría o 0-1.

Tras este gol, a dinámica seguiría sendo a mesma e na segunda parte, un gol de Martín e outro en propia porta acabarían por pechar a vitoria dun Malpica que sumou tres puntos moi importantes cos que case asegura a permanencia.

Buño SCD 0 – 4 Volantes de Baño FC

Buño SCD: Brais, David, Jorge Calvete, Petís, Fran (Rubén m.65), Moha, Jorge Gesto, Mara, Pablo, Juan e Álex.

Volantes de Baño FC: Javira, Juan do Sivil, Thiago, Pardelo (Tiko m.85), Cacho, Godo (Yeray m.88), Pesco (Rapante m.85), Berto, Rachón (Mou m.63), Jano e Pri.

Goles: 0-1 m.19: Thiago; 0-2 m.54: Berto; 0-3 m.58: Pesco; 0-4 m.83: Berto.

Partido no que o nivel defensivo amosado polo Volantes de Baño foi chave para que os locais non se aproximasen con perigo en ningún momento. No que se refire ao aspecto ofensivo, os bañeses tratarían de saír á contra facendo sufrir desta maneira a un conxunto oleiro que recibiría o seu primeiro gol mediada a primeira parte despois de que Thiago aproveitase un centro de Pri para adiantar aos seus.

Nos primeiros minutos da reanudación, dous goles case consecutivos de Berto e Pesco, o primeiro deles sería un auténtico golazo, poñerían as cousas moi favorables para os de Sil.

Xa no tramo final, Berto faría o definitivo 0-4 que lle permite ao Volantes de Baño seguir soñando coa fase de ascenso a Primeira Galicia.

Comentarios