Sábado. 14.12.2019
El tiempo

DESIGNACIÓNS ARBITRAIS

5.000 minutos (ou máis) para dúas ducias de almas

Arbitros nas Eiroas
Arbitros nas Eiroas
5.000 minutos (ou máis) para dúas ducias de almas

Arrinca unha nova e intensa fin de semana de fútbol para os colexiados costeiros. Os árbitros da Subdelegación, 27 colexiados en activo, faranse responsables esta fin de semana de dirixir un total de oitenta encontros en todos os niveis do fútbol galego, dende a Terceira División á categoría prebenxamín.

Bruno Méndez estará no Municipal de Espiñedo (domingo, 17.00 horas) para dirixir o encontro da xornada 24 de Terceira División que enfronta a Arenteiro e Vilalbés. Encontro agónico pola salvación, ambos equipos separados por tan só catro puntos, cos visitantes (habituais da zona de play off de ascenso nos últimos anos) agora mesmo na antepenúltima posición. Xunto a Bruno Méndez estará o tamén costeiro Óscar Santos, ademais de Óscar López (Delegación da Coruña).

Tamén estará na Terceira División, á mesma hora, Pablo Rama, quen actuará como asistente principal no encontro a disputar no Municipal de Barraña entre Boiro e Somozas que dirixirá o coruñés Alejandro Del Río. O Boiro, outro clásico que coñeceu cotas superiores, tamén comeza a xornada en postos de descenso, en tanto o Somozas vive nunha situación clasificatoria tranquila, pero xa case sen opcións de pelexar o ascenso. 

Haberá trío costeiro na Primeira Galicia para o derbi das Mariñas entre Sada e Betanzos (Andrés Pena, domingo, 17.00 horas). Adrián Pérez, Juan Marcos Ríos e Manuel Espasandín dirixirán un derbi desigual, no que os locais buscan poñer distancia cos postos de descenso (que agora están a catro puntos) en tanto os visitantes buscan apurar as opcións de chegar á cabeza (agora a sete puntos).

Na mellor liga do mundo, o encontro da xornada será no Municipal de Arliña, o domingo ás 16.30 horas. Rubén Reborido dirixirá o duelo pola terceira praza entre Muxía e Ponteceso. Actualmente, ambos equipos (e o Volantes de Baño) empatan nesa posición, con 39 puntos. O líder, Mazaricos, visita Pedra Queimada á mesma hora para enfrontarse ao Malpica (Carlos Señarís).

Na Terceira da Costa, volve á competición o líder, despois dunha xornada de descanso que non o perxudicou en exceso polos resultados dos seus inmediatos perseguidores. Non terá un partido fácil, pois visitará un dos campos máis complexos da categoría, O Rodeiro (Camelle-Coristanco, domingo, 17.00 horas, Iván Ferreiro), se desta volta as circunstancias o permiten (van dous partidos como locais nos que non puideron xogar alí os seus encontros os de Camelle). 

Hai empate na segunda praza entre Cabana e Castriz. O Cabana desprázase ao Hermanas Patiño para medirse ao Camariñas (domingo, 17.15 horas, Óscar Rey), en tanto o Castriz recibe en San Pedro ao Nantón (domingo, 17.00 horas, Lucas Vicente).

E moito máis

E, como queda dito, moito moito máis fútbol. Por exemplo, ademais da competición local habitual, os campos da Costa vivirán dobre encontro da Liga Galega Xuvenil.

Nas Eiroas (sábado, 16.30 horas, David Vázquez, auxiliado por Pablo Rama e Esteban Domínguez) o Bergantiños recibe ao Ural B co ánimo de aferrarse ao soño do ascenso, un pouco máis preto despois da vitoria “in extremis” da semana pasada en Ponte dos Brozos. Á mesma hora, o Dumbría recibe no Conco ao Residencia A (Adrián Pérez, Juan Marcos Ríos e Manuel Espasandín).

----

Como cada semana, todas as designacións arbitrais da RFGF, categoría a categoría, en www.futgal.es. 

Comentarios