Xoves. 28.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

A hora das finais

Imaxe do minuto de silencio no pasado Porteno-Outes-Foto-CF Porteno
Imaxe do minuto de silencio no pasado Porteno-Outes-Foto-CF Porteno
A hora das finais

Tivemos unha semana para coller folgos, pero agora si, acaba o campionato, e é a hora das finais, tanto das que teñen este nome como das que non o teñen pero realmente o son.

As finais oficiais

Oficialmente, esta fin de semana, concretamente o domingo, temos dúas finais. 

Na matinal, ás 10.00 horas (O Cairo, Manuel Espasandín), Corme e Sofán mídense, a partido único, na disputa da última praza de ascenso á División de Honra do fútbol veterano. 

E na xornada de tarde (17.00 horas, Óscar Santos, auxiliado por José Ageitos e Lucas Vicente), partido de ida da final da fase de ascenso á Liga da Costa entre Porteño e Castriz. O primeiro duelo será na Grixa, campo talismán para os locais, que xa lles serviu para remontar a eliminatoria fronte ao Outes. Cara a cara, os dous favoritos do play off, cuarto e terceiro na liga regular, nunha eliminatoria na que non hai signo claro de cara á quiniela. Nos seus enfrontamentos ligueiros ambos venceron no seu campo, aínda que o Castriz tería sido vencedor, se nos remitísemos a eses resultados (maior diferencia de goles), pero agora a historia é outra e escribirase dende cero.

As finais non oficiais

A Liga da Costa vive este domingo tarde dúas auténticas finais polo descenso. Se descontamos ao Ameixenda, xa equipo de 3ª Galicia, os catro equipos que o anteceden enfróntanse entre si, en dous duelos directos que poden decidir a posición vacante de descenso directo, e incluso a terceira praza pola cola (que sería de descenso por arrastre, en caso de que a Esteirana non consiga manter a praza en Primeira).

O equipo que máis complicado o ten agora mesmo é o Monte Louro, que podería descender matematicamente incluso gañando. As súas contas pasan por vencer ao Lira (Lombáns, 17.00 horas, Pablo Rama), pero precisa ademais a derrota (ou cando menos o empate) do Buño fronte ao Cee (Sampaio de Refoxos, 17.00 horas, Adrián Pérez). 

A vitoria do Cee colocaría aos da Vila da Xunqueira a só un punto dos oleiros á espera da última xornada (e descendería matematicamente ao Monte Louro, con quen se medirían nese último partido), en tanto que a derrota deixaría ao Cee sen opcións matemáticas de escapar desa terceira praza de descenso e, polo tanto, a expensas da Esteirana. 

Con todo, a última xornada reservará, posiblemente, a última dose de emoción. Se o Cee cae e o Monte Louro gaña, ambos se disputarán nun agónico último partido (toca enfrontamento directo) esa praza de descenso. Con outra combinación de resultados, o Monte Louro descendería, e o Cee podería chegar á última xornada con opcións de escapar a esa terceira praza pola cola, á que para a súa desgraza aínda aspiran atalora Lira e Buño. Só hai unha combinación de resultados que deixaría unha última xornada inane, e sería o non triunfo de Monte Louro e Cee, que deixaría a ambos na penúltima e antepenúltima posicións de forma definitiva.

A competición xuvenil, á que despois desta lle restarán dúas xornadas máis, tamén vive a súa final. Será no Eleuterio Balayo (sábado, 17.00 horas) e enfrontará a Os Miúdos e Corme. Os do Cairo, despois de derrotar ao terceiro implicado na loita (o Cabana) a pasada semana, miden agora as forzas do líder nun duelo decisivo: atópanse igualados a puntos, pero os locais teñen un partido menos, polo que ao Corme só lle serve a vitoria, en tanto os locais poderían especular con un empate. Na ida, os muradáns xa foron quen de derrubar a fortaleza do Cairo e vencer por 0-2.

E tamén hai finalísima, e con practicamente idéntico perfil, en categoría infantil, co duelo que se vivirá no Conco (sábado, 11.30 horas, Daniel Martínez) entre Dumbría e Cee. Este partido estaba predestinado, a dúas xornadas do final, a decidir o título entre dous equipos que se mostraron intratables durante o campionato. Pero a sorpresa saltou a pasada semana, xa que o Cee caeu na súa casa fronte aos Miúdos, polo que agora afronta o partido clave a seis puntos de distancia (aínda que con un partido menos) polo que necesita vencer si ou si ao seu rival. Na ida, en Sampaio de Refoxos, a vitoria foi por 3-1 para os locais.

Árbitros costeiros na Preferente Galicia

Esta fin de semana, o domingo, tamén haberá cinco colexiados costeiros na xornada 34 da Preferente Sur, con longas viaxes por diante.

Haberá trío costeiro na Lomba (17.30 horas, Cultural Areas-Barbadás), xa que o encontro estará dirixido por Marcos Ordóñez, a quen auxiliarán nas bandas Alberto Baña e Esteban Domínguez. 

Pola súa parte, Rubén Reborido dirixirá (17.00 horas, A Moreira) o encontro entre Antela e Amanecer. Nas bandas estará tamén David Cancela, e completará o trío Eric Vázquez (Delegación da Coruña). 

---

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en www.futgal.es. 

Ademais, sabedes que en www.futboldacosta.com tendes todos os horarios e os resultados actualizados das competicións ligueiras, mentres que as Copas e a Fases de Ascenso recollémolas en www.copadacosta.com.

Comentarios