Mércores. 21.08.2019
El tiempo

A PREVIA COAS DESIGNACIÓNS ARBITRAIS

A Terceira baixa o telón

Imaxe do pasado derbi entre Montelouro e Muros-Foto Edu Olveira
Imaxe do pasado derbi entre Montelouro e Muros-Foto Edu Olveira
A Terceira baixa o telón

Última fin de semana do mes de marzo, e dous equipos (As Baleas e Corcubión) dan carpetazo xa á temporada. A liga regular na Terceira da Costa toca á súa fin cunha fin de semana sen nada en xogo. Os seis primeiros postos (dos cales dous supoñen ascenso directo e catro dan acceso ao play off para pelexar a última praza) xa non se moverán. 

Así as cousas, os dous equipos que xa son, por dereito propio, pertencentes á Liga da Costa poderán disfrutar da última xornada, e ademais despedir a Terceira cunha xornada festiva diante do seu público. O campión, Coristanco, optou por adiantar o seu partido ao sábado para gozalo con máis horas por diante, e recibirá (17.30 horas, Pablo Rama) ao Seaia. O Cabana vivirá nas Redondas un relaxado derbi (domingo, 17.00 horas, Rai Reborido) fronte ao Laxe. Estes catro equipos tomaranse unha paréntese agora á espera da primeira ronda da Copa da Costa. A paréntese non existirá, non obstante, para Castriz, Porteño, Outes e Camariñas, que en nada comezarán a pelexa, en eliminatorias directas, pola terceira praza de ascenso. 

Na Liga da Costa, despois do traspés sufrido a semana pasada no Sampaio de Refoxos, o líder Mazaricos volve sentir o alento na caluga do Corme, novamente a só tres puntos. A defensa do liderado non será sinxela, pois visita Pino do Val (domingo, 16.30 horas, Pablo Rama) todo un Baíñas. O Corme, pola súa banda, cambiará as reducidas dimensións do Cairo pola amplitude do Sampaio de Refoxos, onde se enfrontará ao colista, Ameixenda (domingo, 17.00 horas, José Ageitos), xa matematicamente descendido. 

Na pelexa por evitar a outra posición de descenso (á espera de máis arrastres) o Monte Louro terá unha curta pero complicadísima saída á casa do Volantes de Baño (domingo, 17.00 horas, Jesús Piñeiro). O derbi do Eleuterio Balayo tamén é clave para os locais, que agora mesmo están na terceira posición, con opcións de pelexar o ascenso ou a promoción. O terceiro pola cola, o Cee, despois de sorprender ao líder, visita agora Pedra Queimada (domingo, 17.00 horas, Alberto Baña) onde o espera un Malpica situado nunha cómoda zona intermedia da táboa e que, de gañar, certificaría case de forma matemática a súa permanencia. 

Fin de semana de viaxes curtas

Algúns colexiados costeiros terán, como é habitual, viaxe fóra do territorio da Subdelegación da Costa, aínda que esta semana os desprazamentos non irán máis aló da Coruña e a zona das Mariñas.

David Vázquez dirixirá o domingo (17.00 horas, García Hermanos), auxiliado por Óscar Rey e Manuel Espasandín, o encontro de Primeira Galicia entre Betanzos e Cultural Maniños. Partido de transición para os locais, cuartos pero xa se opción de ascenso, e a vida ou morte para os visitantes, terceiros pola cola, a catro puntos da salvación. 

Na xornada de sábado, dous colexiados costeiros dirixirán encontros da Liga Nacional Xuvenil. Marcos Ordóñez ás 12.00 horas na Cidade Deportiva de Abegondo (Deportivo B – Rápido de Bouzas) e Bruno Méndez ás 16.00 horas en San Pedro de Visma (Calasanz-Valladares). 

Xornada decisiva no fútbol veterano

Penúltima xornada da liga regular para as dúas categorías do fútbol veterano costeiro, e todo ou case todo podería quedar decidido xa nesta matinal de domingo... ou non. 

O Sporting Zas podería proclamarse matematicamente campión da División de Honra. Despois de gañar a semana pasada no duelo clave ao San Román, a vitoria esta semana permitiríalle cantar o alirón. Pero a empresa non será fácil, porque toca visitar ao Castriz (San Pedro, 11.00 horas, David Castreje), equipo que está ao borde dos postos de descenso e que, polo tanto, non fará ningunha concesión. 

O San Román disputará o seu partido fronte ao Porteño sabendo xa o que fixeron os líderes, pois xogarán ás 12.00 horas (Municipal da Laracha, Diego Echevarría). O terceiro equipo que mantén opcións, o Soneira, recibe no Municipal de Vimianzo (10.00 horas, Rubén Reborido) a un Bértoa que descenderá matematicamente se non é quen de gañar. O San Lorenzo mantén opcións numéricas aínda, pero moi remotas, e para mantelas en pé debería gañar no campo das Bouzas (10.30 horas, David Cancela) a un Corcoesto que vive un final de temporada tranquilo.

Na Primeira División, a pelexa polo ascenso pasa por dous escenarios que determinarán o final da competición, tanto na pelexa polo ascenso (primeiro e segundo) como na definición dos postos do play off (terceiro ao sexto). O líder, Mazaricos, visita o Ara Solis (10.00 horas, Óscar Santos), onde o Fisterra precisa gañar para manterse con opcións de play off, mínimas ao ter partido de descanso na última xornada. A vitoria do Mazaricos supoñería o seu ascenso a falta de unha xornada. 

A pelexa pola segunda praza apretouse, sobre todo despois da derrota do Deportivo Razo en Pedra Queimada hai quince días. Agora, os do Areal precisan sumar seis de seis para ascender, comezando polo partido que esta semana os enfrontará ao sétimo clasificado, o Xornes (Xaviña, 10.00 horas, Iván Vilanova), equipo que precisa a vitoria si ou si, pois en caso contrario posiblemente se despediría das opcións de play off. O Corme, que recibe no Cairo (11.00 horas, Óscar Rey) ao Sofán é o equipo que permanece á espera dun tropezo dos de Razo, co Malpica (que enfronta como local un derbi fronte ao Buño, 10.30 horas, Iván Ferreiro) aínda con opcións matemáticas.

No fútbol base aínda queda competición, pero as cousas vanse clarificando

Os Miúdos, Cabana e Corme dispútanse (nun pano, tres equipos en un só punto) a competición xuvenil costeira, e as dúas prazas da fase de ascenso. 

O líder, Os Miúdos, recibe (Eleuterio Balayo, sábado, 17.00 horas) a un Sofán que entrou en barrena (acumula cinco derrotas consecutivas), en tanto o Cabana recibe (As Redondas, sábado, 17.00 horas, David Castreje) a un Sporting Zas que vén acusando moitos problemas de efectivos nas últimas xornadas. Á mesma hora, o Corme visita (Óscar Santos) no Hermanas Patiño ao Camariñas. Xornada propicia para a vitoria dos tres colíderes, pero no fútbol nunca se sabe.

A liga cadete achégase á penúltima xornada con dous equipos separados por apenas dous puntos: Outes e Concello de Zas. Súas serán as prazas da fase de ascenso, pero queda por dirimir o título. Esta semana, o Outes visita ao Cerqueda (Xaviña, domingo, 10.00 horas, Iván Vilanova), en tanto o Concello de Zas disputará o seu partido á mesma hora e con apenas uns quilómetros de diferencia, fronte ao Ponteceso (O Pinguel, Rai Reborido). Na última xornada, ambos equipos actuarán como locais, o Outes recibirá á Esteirana e o Concello de Zas ao Cerqueda. 

E en categoría infantil quedan aínda moitas xornadas por disputarse, e son catro os equipos que se manteñen con opcións a todo. Cee e Dumbría continúan na súa igualdade máxima á fronte da táboa, co Corme a só dous puntos e o Xallas a catro. 

O Cee visita ao Laxe (Municipal de Laxe, sábado, 10.00 horas, Alberto Baña), mentres que o Dumbría recibe (O Conco, sábado, 11.30 horas, Pablo Rama) ao Corme, nun encontro que terá, polo tanto, dobre repercusión na clasificación. O Xallas visita ao Ponteceso (O Pinguel, sábado, 11.00 horas, David Castreje). 

E O Conco vivirá tamén o propio sábado un partido atractivo e para disfrutar por parte da parroquia local. O equipo da Liga Galega Cadete, que está a desenvolver unha magnífica temporada (sexto clasificado, cos deberes feitos dende hai xa moitas semanas), e podería certificar matematicamente a súa permanencia (que xa é máis que virtual) no partido que o enfrontará (16.30 horas, Adrián Pérez, Carlos Señarís e Esteban Domínguez) a todo un Deportivo da Coruña. 

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en www.futgal.es

Ademais, sabedes que en www.futboldacosta.com tendes todos os horarios actualizados e teremos un novo carrusel en directo na tarde dominical.

Comentarios