Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Os árbitros costeiros, de exame polo entroido

Capis do Coristanco e o Ponteceso co colexiado Insua Lago
Capis do Coristanco e o Ponteceso co colexiado Insua Lago. Foto: Dacid Antelo e Brais Pose (SD Ponteceso)
Os árbitros costeiros, de exame polo entroido

A elite da arbitraxe galega, entre a que se contan unha presa de colexiados costeiros, segue nesta fin de semana de entroido o seu segundo período de exames do ano, tras os de comezo de temporada.

Hai quince días foron Pablo Rama e Adrián Pérez (Preferente Galicia) e Rubén Reborido (asistente especíico) quen se enfrontaron ás probas físicas e técnicas do CTGAF, e este sábado, 29 de febreiro, Bruno Méndez (Terceira División) e Marcos Ordóñez (Preferente Galicia) pasarán por Compostela para demostrar o seu magnífico estado de forma. 

A avaliación no colectivo arbitral é unha constante, e así, o día 18 de marzo serán os colexiados de Primeira, Segunda e Terceira quen enfronten na Coruña os seus segundos controis físicos. Ao tempo, este próximo venres, 6 de marzo, comezan as aulas para os/as candidatos/as a incorporarse ao colectivo arbitral costeiro.

E o fútbol non para, nin polos árbitros, nin pola Mikaela

Fin de semana tola, marcada polo peche das festas do entroido, que provocará non poucos trastornos no calendario de partidos desta fin de semana.

Unha das alteracións máis salientables será que a competición xuvenil se volcará na matinal do sábado. O partido destacado da xornada será a visita do líder, Soneira, ao cuarto clasificado, o Sofán (O Carral, sábado, 12.00 horas, David Castreje).

A Liga da Costa volve comezar

A Liga da Costa volveuse resetear a semana pasada, e agora quedan xa só sete datas para decidir unha competición igualadísima. Os empates de Corme e Esteirana, que  cederon cadanseus dous puntos na mesma xornada, converteron en “inesperado” líder ao Ponteceso, que volve ao máis alto.

Os da Vila de Pondal reciben este domingo (O Pinguel, 17.00 horas, Óscar Santos) a un Sporting Zas que mira máis cara a temporada próxima que cara a presente. Para os novos líderes, a marxe de manobra é nula, pois só teñen un punto de renda sobre Corme e Esteirana. O calendario é esixente e remata con pico en alto, pois os de Pablo Mallón pecharán a competición (19 de abril) visitando á Esteirana. Polo medio, porto de montaña no Municipal de Arliña para enfrontarse ao Muxía (22 de marzo) e catro rivais da zona máis morna da táboa e con un único desprazamento de curta distancia (Cerqueda), en tanto Castriz, Cee e Cabana serán recibidos polo novo céspede pontecesán.

Na Terceira, cos dous ascensos pechados (Outes e Camariñas) haberá duelo “en diferido” polo título da competición. Esta semana os camariñáns descansan (e os da Serra farano na próxima), polo que o Outes precisa gañar na súa visita deste domingo ao Camelle (O Rodeiro, 17.15 horas, Jorge Calvete) para aspirar a ser campión.

Presenza costeira na Preferente Galicia

Esta semana tamén haberá presenza arbitral en categorías galegas. Pablo Rama dirixirá o duelo de Preferente Galicia entre Sigüeiro e Lemos (Lino Balado, domingo, 12.00 horas), e estará asistido nas bandas por David Vázquez e Carlos Señarís.

Outro árbitro da Preferente costeira vivirá, este domingo, unha xornada especial. Marcos Ordóñez, que por motivos de idade está a disfrutar a súa última temporada na categoría, participará o domingo, como asistente principal, no duelo de Terceira División que se xogará no Estadio Municipal de Riazor (18.30 horas) entre Fabril e Bergantiños, e que dirixirá outro histórico da arbitraxe, Xabier Rodríguez Campos, que tamén perderá a categoría a final de curso por cuestións de idade. 

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, e toda a axenda de partidos, categoría a categoría, en www.futgal.es.

Ademais, as táboas actualizadas e carrusel dominical en www.futboldacosta.com.

Comentarios