Venres. 29.03.2024
El tiempo

Balón en xogo

Capis e colexiados no Xallas Sofan da semana pasada-Foto-SD SOfan
Capis e colexiados no Xallas-Sofán da semana pasada-Foto-SD SOfan
Balón en xogo

Chega o mes de setembro e o fútbol volve en toda a súa plenitude. Boa parte das competicións arrincan este domingo, como é o caso da Liga da Costa, a Primeira ou as ligas galegas de fútbol base. 

A nosa competición por excelencia comeza o sábado. Será o Muros-Cee, que se disputará no Eleuterio Balayo ás 19.30 horas coa dirección do colexiado costeiro (afincado en Santiago) Óscar Martínez Santos. Xa o domingo, nun horario pouco habitual no campo dun dos grandes favoritos ao título: o Corme recibe no Cairo ao renovado Sporting Zas baixo a dirección de Juan Marcos Ríos o domingo ás 12.00 horas. 

Será (como todas) unha temporada de incertezas, e con moitos teóricos candidatos ao título. A Esteirana, despois de despedir por todo o alto un ano agridoce (descenso e título de Copa) buscará iniciar a remontada a Primeira, e arrincará a competición no campo das Redondas fronte a un recén ascendido Cabana (domingo, 18.00 horas, Carlos Señarís). O Baíñas recibe no municipal de Vimianzo (domingo, 17.00 horas, Manuel Espasandín) a un sempre complicado Cerqueda. O Ponteceso, outro dos que pelexou o ascenso a temporada pasada até o final, arrinca no Municipal de Lombáns fronte ao Lira (domingo, 17.00 horas, Iván Vilanova). 

O Pino do Val ponse de gala

É xornada de estreas, e no Pino do Val poñeranse as mellores galas para festexar o retorno do Mazaricos á Primeira Galicia, despois de levarse o título da Liga da Costa a temporada pasada. O debut será fronte a un veterano da categoría, o Unión de Asados de Rianxo, e haberá trío costeiro (David Vázquez, Lucas Vicente e Iván Ferreiro) para este duelo que será o domingo a partir das 17.00 horas.

Adrián Pérez Rellán estrea categoría

Ademais dos equipos, tamén hai árbitros que estrean categoría. É o caso de Adrián Pérez Rellán, colexiado costeiro, que debuta como árbitro principal na Preferente Galicia despois do ascenso acadado a temporada pasada. O debut será nun escenario magnífico, A Senra (até hai semanas, campo de Terceira División). O partido (Ribadumia-Atios, domingo, 19.00 horas) terá trío costeiro, pois Adrián estará auxiliado nas bandas por Alberto Baña e Sebastián Pérez.

Matinal de domingo para a elite do fútbol base

Esta fin de semana comezan tamén as competicións de ligas galegas tanto en xuvenís como en cadetes e infantís. Na Costa da Morte viviranse tres encontros, todos na mañá do domingo.

Nas Eiroas, o Bergantiños de Liga Galega Xuvenil, que o ano pasado se quedou a un pasiño do ascenso, comeza o reto recibindo ao Montañeros (12.30 horas, Bruno Méndez, Rubén Reborido e Jorge Calvete), en tanto o equipo de División de Honra Cadete (que, pola contra, o ano pasado sufriu para conseguir a salvación despois dunha temporada tortuosa) comeza recibindo ao Conxo (10.30 horas, David Castreje, Sebastián Pérez e Manuel Rodríguez).

E un ano máis tamén haberá partidos do máximo nivel de base no Conco. Esta xornada comezan como locais os cadetes de Liga Galega, que reciben (12.00 horas, Luis Insua, Esteban Domínguez e Christian Sendón) aos coruñeses do Montañeros.

A temporada das mulleres

A temporada 2019-2020 será a da explosión do fútbol feminino na comarca. Esta semana comeza cun pequeno aperitivo: o “derbi” entre o Bergantiños, xa un “veterano” da competición feminina, e o recén chegado Paiosaco (que terá ao carballés David Castro á fronte). O partido correspóndese á primeira xornada do grupo 1 desta Segunda de fútbol feminino, xogarase nas Eiroas e estará dirixido por David Cancela.

As outras dúas formacións de fútbol 11 costeiro aínda esperarán quince días para arrincar a competición, pois Cee e As Miúdas competirán no grupo 3, e a primeira xornada está prevista aínda para a fin de semana do 21 de setembro. O Cee debutará fronte ao Bamio no Sampaio de Refoxos, en tanto As Miúdas, que xa acumulan unha pequena experiencia, comezarán o ano cruzando apenas uns metros para enfrontarse ao Noia.

E na categoría de fútbol 7 feminino, o Mazaricos, que tamén se estrea nestas lides, iniciará a súa andaina a próxima semana recibindo ao Trazo. 

Cambios nas regras

A temporada 2019/2020 vivirá unha pequena revolución nas regras de xogo. Aínda que xa é habitual que todos os anos se produzan pequenos cambios, quizais a evolución no regulamento deste ano é máis significativa. Cuestións moi visuais como non permitir aos atacantes incrustarse na barreira defensiva nos tiros libres, o feito de que o balón non teña que saír da área de penalti para estar en xogo ou as novas especificacións do balón a terra, van facer que o público, alomenos ao comezo, se vexa estrañado polas cousas que acontecen no campo.

Para evitar “sorpresas”, a Federación Galega de Fútbol ten programadas charlas os días 16 (fútbol 11), 23 (fútbol sala) e 30 (fútbol 8) de setembro, dirixidas aos clubs costeiros, e que se desenvolverán na sede de Baio, nas que se explicarán polo miúdo as principais modificacións do regulamento. A asistencia é máis que recomendada.

--- 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais, como todos os anos, o carrusel en directo estará vivo en www.futboldacosta.com.

Comentarios