Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Coristanco–Cabana, un enfrontamento na cumbre da Terceira da Costa

Coristanco–Cabana, un enfrontamento na cumbre da Terceira da Costa
Samuel da SD Coristanco e Duda do Cabana SD. Fotos: David Castro. Esta vindeira fin de semana, hai un partido que centra toda a atención da xornada na Terceira da Costa e ese non é outro que o que enfronta ao Coristanco e ao Cabana, primeiro contra segundo clasificado. O resultado deste encontro pode deixar o título da categoría visto para sentenza ou darlle emoción a parte final da tempada deste Grupo 4 da Terceira Galicia. Para analizar este emocionantísimo partido na cumbre entre coristanqueses e cabaneses quixemos falar con Samuel Romero da SD Coristanco e con Iván Castro “Duda” do Cabana SD

Os protagonistas

Samuel Romero, xogador da SD Coristanco

Samuel, xogador do Coristanco SD. Foto: David Castro
  • QPC: Como ves o nivel da actual Terceira Galicia da Costa da Morte?
S.R.: A verdade é que me sorprendiu, pensei que sería bastante mais baixo do que realmente hai, cada fin de semana vense resultados mais axustados ou mesmo outros inesperados. É unha liga bastante disputada.
  • QPC: Como valoras a tempada que estades a realizar ata o momento?
S.R.: Tendo en conta que mantivemos a plantilla coa que descendemos o ano pasado, tiñamos o cometido de facer unha boa campaña este ano, e que a día de hoxe, podemos dicir que así o estamos facendo. Gran mérito disto, teno Eloy, quen lle deu un cambio ao equipo, tanto na maneira de xogar como na forma de mentalizarnos á hora dos partidos xa que el é un adestrador que traballa moito a parte psicolóxica que o ano pasado nos faltou.
  • QPC: A vindeira fin de semana, védesvos as caras co voso perseguidor máis próximo ata o momento, o Cabana SD. Que opinión tes sobre o equipo cabanés?
S.R.: No partido da primeira volta non xoguei por lesión, pero é un equipo que sabiamos que ía a estar aí pelexando nos postos de arriba. Un equipo con moito gol, na que os xogadores de ataque se asocian ben e tamén poden crear perigo con individualidades, sobre todo, Iván e Pablo. Teñen bo toque de balón no centro do campo con xogadores moi hábiles e rápidos.
  • QPC: Que agardades deste partido que no caso de gañar tocaredes o ascenso e o título coas xemas dos dedos e que no caso de perder axustará e moito as cousas na clasificación?
S.R.: O noso obxectivo principal é ascender. Sabemos da importancia deste partido, xa que nos poñeriamos a oito ou a dous puntos. Aínda así queda moita liga e sabemos que as cousas se irán complicando cada vez máis. Como cada fin de semana, trataremos de sacar os tres puntos e seguir invictos.
  • QPC: Un resultado?
S.R.: 3-0. Un partido moi disputado dende o minuto 1 ao 90, en todas as partes do campo, xa que son moi intensos á hora de defender, e no momento de atacar son moi rápidos. Debemos de aproveitar todas as nosas ocasións e ser os dominadores do partido.

Iván Castro “Duda”, xogador do Cabana SD

Duda, xogador do Cabana SD. Foto: David Castro
  • QPC: Como ves o nivel da actual Terceira Galicia da Costa da Morte?
Duda: Pois o nivel véxoo bastante igualado. É unha liga moi igualada e con só ver a clasificacion esta máis que claro. Se gañas un partido estás na parte alta da clasificación pero se o perdes, baixas varios postos, e de aí que sexa todo moi apretado.
  • QPC: Como valoras a tempada que estades a realizar ata o momento?
Duda: Pois a tempada véxoa bastante ben aínda que queda moito. Somos un dos equipos mais novos da competición pero moi unido e que quere demostrar que podemos loitar contra calquera equipo e quitarnos esa espiña do ano pasado, no que non puidemos ascender por un partido que nos saíu mal. Este ano estamos pelexando de novo para estar en Segunda a próxima tempada e darlle unha alegria ao pobo e á afección do Cabana que o merecen moito máis ca nós diria eu (risas).
  • QPC: O vindeiro domingo, enfrontádesvos a un Coristanco que se está a mostrar intratable no que vai de tempada e que é o líder destacado da categoría. Que opinión tes sobre o conxunto que dirixe Eloy Calvo?
Duda: Pois como dixen antes de empezar esta tempada, para min o Coristanco, e téñoo falado con algún xogador deles; son un dos claros favoritos ao ascenso e a vista está que o están a demostrar con creces. Son un equipo completo moi completo, coñécense entre eles de xogar varios anos xuntos e son un equipo de moita envergadura e moita forza.
  • QPC: Que agardades deste partido que no caso de gañar vos poñerá moi cerca do liderato, tendo en conta que tedes un partido menos que o Coristanco, e que no caso de perder, practicamente diriades adeus a loita polo título desta Terceira Galicia?
Duda: Agardamos un partido de moito físico e de moita disputa. Gañando sería un impulso para toda a plantilla, xa que nos meteríamos na loita con eles e nos distanciariamos dos nosos perseguidores. Mentres que no caso de perder, pois sería unha pena porque a ninguén lle gusta perder. Aínda que o de decirlle adeus ao título, diría que non. Quedan moitos partidos e descansos doutros equipos, pero sempre sen ter marxe de erro porque como dixen anteriormente, a liga é moi igualada.
  • QPC: Un resultado?
Duda: 1-2. Aínda que en moitas fases do encontro estará todo moi igualado.

Comentarios