Xoves. 22.08.2019
El tiempo

Corme - San Lorenzo, final xuvenil da Copa da Costa

Corme - San Lorenzo, final xuvenil da Copa da Costa
Vai a ser unha gran final, entre dous dos mellores equipos da competición. Son os dous últimos campións da Liga da Costa xuvenil, o actual Corme e o do ano anterior, o San Lorenzo. Ambos equipos fixeron unha gran tempada. O Corme conquistou o título con solvencia, perdendo só 3 partidos en todo o ano e anotando a frioleira de 147 goles. O San Lorenzo, pola súa parte, quedou ás portas da promoción, a só dous puntos do Fisterra, e foi o segundo equipo máis goleador, con 136 goles. San Lorenzo Xuvenil Nos partidos que enfrontaron a ambos conxuntos venceu o Corme por 2-1 nos dous encontros, o que da fe de partidos de moita igualdade decididos por pequenos detalles. Os cormeláns teñen un gran equipo, con rapaces habituais do conxunto de 2ª Galega, como o dianteiro Samu Costa, autor de 34 tantos en liga, o medio Manu Bermúdez, que anotou 27 goles, e o defensa - medio Eloy, un dos xogadores de máis talento na liga xuvenil. O San Lorenzo pola súa parte basa moito do seu xogo en dous grandes porteiros, Benxamín e Darío, aínda que o primeiro non poderá xogar a final por sanción. O dianteiro Aarón, que anotou 37 goles no torneo ligueiro, é o seu home máis perigoso en ataque. Ten gran potencial no centro do campo, co elegante Jose e Pablo Garrido, xogador habitual nas convocatorias de Pablo Mallón en 1ª Galicia. Ten pinta de que se vai a ver un tremendo partido. Os adestradores dos dous equipos respondennos unhas preguntiñas sobre a final: QPC - Como chegades á finalísima? LELO Corme: Creo que chegamos ben,non como na primeira parte da liga pero mellor do que acabamos, gracias á fase de ascenso e ós partidos de copa recuperamos un pouco. JUNI San Lorenzo: A verdade é que a maioría dos xogadores chegan nun bo momento. Pasamos cara ó final da liga unha racha mala, en parte xerada pola non opción a disputar a promoción pero durante a copa volvemos a subir o nivel, grazas en parte á esixencia dos rivais ós que nos enfrontamos. Teremos o handicap das baixas, por viaxes de varios xogadores pero non será excusa. QPC - Como cres que será o partido final? LELO: Creo que non vai a ser moi diferente dos dous partidos xogados na liga, moi disputados e decidirase en quen teña o día de cara portería. JUNI: Imaxínome un partido con moito ritmo, xa que ós dous equipos nos gusta o fútbol de ataque, con alternancias no dominio do balón e ocasións para ambos. Só espero que a posible tensión por tratarse dunha final non leve a devaluar o espectáculo e que cada rapaz sexa capaz de dar o mellor de si mesmo. QPC - Que opinión che merece o rival? LELO: Do San lorenzo non vou decir nada novo, equipazo en todas as liñas, trata moi ben a pelota e para min foi o equipo que mellor xogou o fútbol na liga. JUNI: Creo que teñen un equipo moi traballado e competitivo. Un grupo no que sobresaen xogadores, pero ante todo un equipo rocoso que demostrou manter un nivel de concentración altísimo durante toda a tempada. O que máis me chamou a atención foi que non se relaxaron nunca, grazas o cal conseguiron unha victoria tan destacada na liga. A parte de nós, sen dúbida, vexoos como o mellor equipo da costa, polo que, creo, será un gran partido. E esperamos que a afección se anime a facelo aínda máis bonito.

Comentarios