Domingo. 15.12.2019
El tiempo

... E case un cento!

David Cancela, con Jonathan Pardiñas e Alfonso Caamaño formaron o trío arbitral do encontro xuvenil entre o Camariñas e o Malpica da pasada fin de semana-Foto-Fede
David Cancela, con Jonathan Pardiñas e Alfonso Caamaño formaron o trío arbitral do encontro xuvenil entre o Camariñas e o Malpica da pasada fin de semana-Foto-Fede
... E case un cento!

Explosión de fútbol nesta fin de semana de cambio de mes, que nos trae o comezo, agora si que si, de todas as ligas de fútbol base, o que fará que na Costa da Morte se disputen, só nesta fin de semana, dende Carballo a Muros, a nada desdeñable cifra de 95 partidos de fútbol (1 de Terceira División, 2 de Primeira Galicia, 8 de Segunda, 5 de Terceira Galicia, 9 de xuvenís, 9 de cadetes, 13 de infantís, 12 de alevíns, 10 de benxamíns, 10 de prebenxamíns, 13 de fútbol veterano e 3 das distintas categorías do fútbol feminino). Unha explosión que converte a Costa da Morte, este noso pequeno recuncho do mundo, nun planeta de fútbol.

A Subdelegación do Comité de Árbitros na Costa da Morte, pola súa vez, estará presente en até 84 encontros, a maioría deles neste noso territorio costeiro, mais non só.

Así, o noso árbitro de maior categoría, Bruno Méndez, viaxará ao Carballiño para dirixir o duelo da Terceira División entre Arenteiro e Choco (domingo, 16.30 horas, Municipal Espiñedo, auxiliado polos compañeiros da Delegación da Coruña Iván Morlán e Óscar Regos).

Outro dos que sae fóra é Pablo Rama, quen arbitrará o derbi da Preferente, grupo 1, que enfrontará a Monforte e Sarriana (domingo, 16.00 horas, A Pinguela, auxiliado por Eric Vázquez e Carlos Señarís).

No preto dun cento de partidos que vivirá a Costa da Morte, coma sempre, moito para ver e escoller. Na Liga da Costa, por exemplo, un dos partidos de máxima expectación pode ser o duelo que se disputará en San Andrés (domingo, 16.30 horas, Luis Insua) entre Zas e Buño, os únicos dous equipos da categoría que aínda non saben o que é gañar esta temporada e que pechan a clasificación e ocupan os dous postos de descenso directo.

Por arriba, o novo líder, o Corme, ten un desprazamento curto para un duelo de vecindade co Cabana (As Redondas, domingo, 16.30 horas, David Vázquez), en tanto o Ponteceso intentará repoñerse do tropezo nunha difícil visita ao Cee en Sampaio de Refoxos (sábado, 17.00 horas, Adrián Pérez).

Duelo tamén entre dous dos grandes aspirantes a todo no Municipal de Arliña (domingo, 16.00 horas, Marcos Ordóñez). O Muxía, cun comezo irregular, ven de derrotar ao intratable Ponteceso, está xa na quinta posición, e recibe ao terceiro clasificado, unha Esteirana que viaxa a velocidade de cruceiro, con cinco vitorias consecutivas.

Na competición xuvenil, o Outes mantense imbatido, pero despois de sumar tres empates consecutivos cedeu o liderado de novo ao Soneira, quen venceu no partido da xornada a pasada semana ao Cabana nas Redondas. O Sofán iguala co Outes, a só un punto do Soneira, tras sumar catro vitorias consecutivas. Este sábado, os tres implicados xogan o sábado ás catro da tarde: Malpica-Sofán (Pedra Queimada, Christian Sendón); Soneira-Esteirana (Municipal de Vimianzo, Esteban Domínguez); e Outes-Seaia (Municipal de Cunchido).

A competición cadete ten un dominador claro, o Xallas, que acumula oito vitorias e un empate en nove xornadas, e dispón xa dunha renda de catro puntos cos seus perseguidores. Con todo, o duelo desta semana seralles complicado, pois visitan nas Redondas ao Cabana, quinto clasificado (domingo, 12.30 horas, Juan Marcos Ríos).

E se claro é o dominio do Xallas na categoría cadete, máis o é o do Dumbría na de infantís, con dez vitorias en dez partidos, 88 goles a favor e só 4 en contra. Este sábado visita o Conco o Ponteceso (11.30 horas, Christian Sendón).

Onde a “orde establecida” está en perigo é no fútbol veterano. O até entón invencible Zas (campión vixente e líder indiscutible no que vai de campionato) cedeu pola mínima na visita ao Conco, e agora mesmo Dumbría e Zas igualan as súas forzas na táboa con currículos moi semellantes, só alterados pola diferencia de goles a favor do Zas (aínda que o gol average particular, pensando no final de temporada, polo de agora beneficia ao Dumbría).

Para esta semana, o Zas recibe ao Coristanco (San Andrés, domingo, 10.00 horas, David Vázquez), en tanto o Dumbría ten un duelo de máxima esixencia na súa visita ao San Lorenzo (As Eiroas, domingo, 12.00 horas, José Cal).

E na Primeira División do fútbol veterano haberá un duelo especial por enriba dos demais, o primeiro derbi entre os conxuntos fisterrás, un enfrontamento de máxima rivalidade no que se van cruzar moitos excompañeiros: Fisterra-Arasolis (Arasolis, domingo, 10.00 horas, Iván Vilanova).

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios