Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Fin de semana espectacular

O capitan dumbriés Diego Cespón, co capi do Praíña e o trío arbitral no Conco
Fin de semana espectacular

Semana trepidante a que vivirá esta xornada a Subdelegación da Costa da Morte do Comité de Árbitros. 80 partidos con representación do colectivo arbitral costeiro con moito, moitísimo en xogo, auténticas finais e partidos do máis fermoso para vivir e disfrutar. 

O partido máis emotivo, no Pinguel

Quizais un dos partidos máis fermosos da fin de semana será aquel no que o resultado, alomenos o futbolístico, será precisamente máis irrelevante. Este sábado, ás 12 do mediodía, reabre as súas portas o renovado campo de fútbol do Pinguel. Antes de dar cabida á competición oficial (esa mesma tarde, en categorías alevín, xuvenil e infantil) vivirase un partido benéfico (a prol da asociación contra o cancro) entre exxogadores da SD Ponteceso e exxogadores do Deportivo da Coruña. Unha festa do fútbol cun trío arbitral de luxo, tres árbitros da Preferente Galicia que suman, entre os tres, máis de vinte e cinco temporadas na categoría: no centro do campo, como árbitro principal, Edgar Soto Eiroa, colexiado adscrito á Delegación da Coruña pero con raíces nas terras de Pondal; como asistentes, os costeiros Marcos Ordóñez e Pablo Rama. Que sexa unha festa do fútbol e da convivencia, e que a recadación sexa cuantiosa para esta boa causa.

Encontros ao máximo nivel

O cormelán Bruno Méndez, o representante costeiro na Terceira División, non poderá estar na estrea do Pinguel posto que o propio sábado terá que poñer rumbo a un dos estadios máis representativos do país: O Couto. Alí, ás cinco da tarde, dirixirá o duelo entre Ourense e Polvorín correspondente á vixésimoterceira xornada da competición. Nas bandas, o coruñés Gonzalo Belmonte e o costeiro Óscar Santos.

Xa na dominical, Pablo Rama dirixirá o Residencia-Foz do grupo 1 da Preferente Galicia, e nesta mesma categoría haberá representación costeira, como asistentes, noutros dous campos: Rubén Reborido estará no Sanxenxo-Arnoia e David Cancela no Valladares-Beluso.

Un chanzo máis abaixo, un trío arbitral costeiro dirixirá o duelo coruñés da Primeira Galicia entre Sp Ciudad e Sada (A Grela 1, 16.00 horas): Alberto Baña, Óscar Rey e Jorge Calvete.

Ollo ao carrusel dominical

Pero, quizais, quizais, o máis fermoso da xornada está para a tarde do domingo, onde quen queira que escolla un campo terá que prestar atención ao transistor para seguir os importantes partidos que se xogan nesta franxa horaria.

Haberá duelo por todo o alto, que ademais ten o carácter de derbi, na Liga da Costa: Corme-Ponteceso (O Cairo, 17.00 horas, Adrián Pérez, auxiliado por Christian Sendón e Manuel Rodríguez). Os dous primeiros clasificados enfróntanse na busca dunha vitoria que pode ser decisiva na pelexa polo título, nunha temporada tremendamente igualada entre ambos. 

E na Terceira Galicia, xornada para a sentenza. O Camariñas non o logrou á primeira (empatou na Ponte do Porto) nin á segunda (caeu na casa fronte ao Nantón) oportunidade. Esta semana, en cambio, poden ser dous, e non un, os ascensos que se consumen matematicamente á Liga da Costa. Tanto o Camariñas, que terá a súa terceira oportunidade, como o Outes, á primeira, poden certificar a domicilio o seu salto de categoría, e unha vitoria nos seus encontros sería xa definitiva. O Outes visita ao Nantón (As Fontiñas, 16.30 horas, Bruno Méndez), en tanto o Camariñas visita á mesma hora ao Corcubión (Novo Cubaleiro, Marcos Ordóñez).

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

E o carrusel, con todas as táboas en www.futboldacosta.com.

Comentarios