Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Gustavo e Sieira analizan a finalísima da Copa da Costa cadete

Os planteles da SD Esteirana e do Outes FC da categoría cadete
Os planteles da SD Esteirana e do Outes FC da categoría cadete
Gustavo e Sieira analizan a finalísima da Copa da Costa cadete

Nunha fin de semana de moita actividade futbolística, un dos grandes atractivos será a final da Copa da Costa cadete que se xa de por si é emocionante, este ano aínda o será un pouco máis xa que nela haberá un derbi entre a Esteirana e o Outes, encontro do que quixemos falar cos adestradores, Gustavo Figueiras e Manuel Sieira, para que analicen o partido en primeira persoa.

Os protagonistas

Gustavo Figueiras, adestrador da SD Esteirana

Gus Esteirana

QPC: Como describirías o camiño que tivéstedes que percorrer para chegar ata esta gran final?

G.F.: En cuartos, tocounos o Coristanco, un equipo ao que sempre nos custou gañarlle e na casa, gañámoslle 1-0 facendo un gran partido pero fallando moitas ocasions e no de volta, solventámolo sen problemas gañando 0-5 xa que marcamos moi rápido.

En semis, tocounos o Ponteceso, equipo moi forte físicamente, o cal na ida gañamos 0-2 sen problemas facendo un partido moi serio en defensa e en ataque circulando rápido o balón. Na volta, xa sufrimos moito máis nun encontro no que tivemos moitos problemas para ter o balón xa que eles fixeron unha presión alta pero ao final conseguimos gañar por 1-0.

Non foi fácil chegar a esta final tan desexada por todos.

QPC: Como está o teu equipo tanto a nivel futbolístico como anímico para afrontar esta final?

G.F.: O equipo atópase nun bo momento de ánimo, estamos máis unidos ca nunca, e futbolisticamente asimilaron moi ben os novos conceptos tácticos que lles ensinei.

Os chavales están convencidos de que se lle pode disputar e gañarlle a final a un gran equipo como é o Outes.

QPC: Que esperas do Outes neste derbi tan importante?

G.F.: Tanto o Outes coma nós sairemos a gañar o partido, respectando o rival sen reservarnos nada.

O Outes é un gran equipo que quedou segundo na liga, con grandes xogadores técnica e tácticamente, son moi fortes en defensa e con xogadores rápidos polas bandas cun medio campo moi ben organizado e un dianteiro moi oportunista, pero nós intentaremos facelo o mellor posible para poder contrarrestar as súas armas.

QPC: Quen cres que é o favorito para facerse co título copeiro?

G.F.: Mirando a clasificación da liga, o favorito sería o Outes pero nunha final non hai favoritos e gañará o que aproveite mellor as súas ocasións e o que menos erros cometa.

Espérome unha final moi igualada xa que os dous partidos de liga así o foron pero nunha final nunca se sabe...

QPC: Que supoñería para a Esteirana gañar esta Copa da Costa cadete?

G.F.: Conseguir a Copa da Costa sería un premio moi grande para os chavales polo seu traballo durante todo o ano que foi espectacular. Non fallaron a un adestramento e o seu comportamento foi exemplar tanto pola semana coma nos partidos.

Que vou a decir eu duns nenos que levo entrenando 6 anos? Agardo que gocen da final e o pasen ben xogando o fútbol.

QPC: Atreveríaste a dar un resultado para esta final?

G.F.: Non me atreveria a dicir un resultado pero espero que a copa quede en Esteiro. Espero que o domingo sexa unha boa xornada de Copa tanto pola mañá como pola tarde.

Manuel Sieira, adestrador do Outes FC

Sieira Adestrador Outes

QPC: Como describirías o camiño que tivéstedes que percorrer para chegar ata esta gran final?

M.S.: Foron eliminatorias igualadas, sobre todo, a de Sofán e Cabana.

QPC: Como está o teu equipo tanto a nivel futbolístico como anímico para afrontar esta final?

M.S.: Penso que chegamos ben. O equipo leva competindo ben toda a tempada e está con ganas pero tranquilo.

QPC: Que esperas da Esteirana neste derbi tan importante?

M.S.: Espero un equipo difícil de gañarlle xa que teñen un bo equipo e xogan un derbi na casa.

QPC: Quen cres que é o favorito para facerse co título copeiro?

M.S.: Penso que está ao 50%, non vexo un claro favorito.

QPC: Que supoñería para o Outes gañar esta Copa da Costa cadete?

M.S.: Pois unha satisfacción enorme poder repetir título. Sería a culminación dunha moi boa tempada,

QPC: Atreveríaste a dar un resultado para esta final?

M.S.: Creo que a final está ao 50% xa que é o partido máis bonito do ano e é un día para desfrutar. O resultado calquera que nos sexa favorable.

Comentarios