Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A Liga da Costa, o “acontecemento deportivo amateur de toda Galicia", para un médico pontevedrés

  • O Dr. Reboredo, engaiolado por “unha marabillosa historia futbolística” digna de ser levada ó cine
Esteirana dos 70-Foto-Quin Muros
Unha formación da Esteirana dos anos 70-Foto-Quin Muros
A Liga da Costa, o “acontecemento deportivo amateur de toda Galicia", para un médico pontevedrés

O Dr. Carlos Reboredo Iglesias, natural de Touro e, na actualidade, médico nun hospital de Pontevedra, foi compañeiro meu de bacharelato nun colexio de Santiago. O ano pasado celebramos en Compostela xunto con outros compañeiros o 50 aniversario da promoción de 1969. Compartimos mesa e falamos da nosa común afección ó fútbol afeccionado. El era o dianteiro centro indiscutible da selección do colexio.

De esquerda a dereita, F. Fernández Rei; J. Asorey, C. Reboredo e X.Mª Lema
De esquerda a dereita, F. Fernández Rei; J. Asorey, C. Reboredo e X.Mª Lema

Na Liga do Sar, dianteiro centro goleador (anos 70)

Na década dos anos 70, como outros fixemos na Liga da Costa, Reboredo alternaba os seus estudos universitarios con partidos dominicais na Liga do Sar, onde xogaba co CSD Arzúa, equipo no que militou varias temporadas (entre 1970 e 1975), con el sempre de máximo goleador. Con anterioridade xogara no Compostela xuvenil. Centrado nos seus estudos de Medicina na USC fixo oídos xordos a ofertas de clubs de categoría superior, coma unha que lle chegou do Spórting de Xixón, daquela adestrado polo galego Cid Carriega, que mesmo chegara a falar co seu pai. Despois do Arzúa xogaría no Ulla e no Vedra, pero xa con pouca paixón, recoñece. Poñería máis interese cando anos despois pasou ó fútbol sala en Santiago, cando esta nova modalidade se puxera de moda; xogou na liga compostelá e tamén na galega.

Para nada se arrepentiu de ter rexeitado ofertas dalgún equipo de categoría superior, pois os estudos de Medicina eran para el (e mais para o seu pai!) prioritarios. O único pesar que lle quedou da súa época futbolística foi non ter participado nunha liga de modestos que xa no tempo en que estivo en activo empezaba a ter moita sona: a Liga da Costa. Recibira algunha que outra oferta, pero non se animara. Agora pesoulle e sente certa morriña.

Historia digna de ser levada ó cine ou a unha serie televisiva

A raíz da nosa xuntanza en Santiago levou para Vigo, onde ten o seu domicilio, un exemplar de 50 anos da historia do fútbol da Costa (1964-2014). Foino lendo ós poucos, e despois, con máis tempo debido ó obrigado confinamento pola pandemia, malia que pola súa condición de médico seguiu acudindo ó traballo, tivo máis lecer para afondar nas súas 608 páxinas. Escribiume verdadeiramente entusiasmado pola lectura do libro, que nunca pensei que lera ó completo capítulo a capítulo, dado que el non participara nesta Liga, xa mítica, da Costa. 

Este é un resumo das palabras que lle dedica ó libro, que reproduzo ó pé da letra:

“Amigo Cheíño: Teño que felicitarvos a ti e ó teu sobriño pola maravillosa historia xamais escrita, xa non solo dun deporte si non tamén das características de comportamento, de pensar, de sentir, de actuar e de caracteres propios da xente dunha parte de Galicia tan querida e apreciada non solo por todos os galegos sinón tamén polo resto de España, como é a Costa da Morte. Quedei totalmente enamorado do libro e facía moitos anos que non me ría tanto lendo estas extraordinarias anécdotas. Nunca se che ten pasado pola cabeza levalo ó cine?  (...) Eu considero que podería despertar o mismo interés que ‘Fariña’, ‘Mareas vivas’ etc., etc. , pero ó mismo tempo moitísimo máis divertida. (...) Esta historia grabada por capítulos ten un éxito asegurado; esto é máis da TV que para unha película convencional. 
 Cando saiamos deste encerro quero quedar contigo para falar, pois ¡son tantas as persoas que reconocín [nas fotos do libro]! e ademais fun mui amigo de moitos deles, incluso un do teu equipo co que compartes alineación e foto, Daniel García Blanco [da Piroga-Bamiro], con quen manteño contacto na actualidade. Sabes que [eu] conocía a Eduardo Toba? Era médico e amigo do meu pai. Mato Pet, José López que foi entrenador do Compos e compañeiro no meu equipo de fútbol sala.  (...) Polo que lin o teu sobriño [Chema Rei Lema] traballa nunha produtora de TV e ademais fixo cousas importantes. Transmítelle tamén os meus parabéns. Aperta forte. Espero que entendas o meu galego”.  

A Liga da Costa, o acontecemento deportivo ‘amateur’ de toda Galicia

Noutro what’s App anterior, o Dr. Reboredo tamén se desculpaba pola calidade do seu galego escrito (“o falado é igual, pero nótase menos”). Ó meu parecer, é moi correcto, e para nada tiña que desculparse.
“A Liga da Costa na que non quixen participar foi na miña opinión o acontecemento deportivo amateur de toda Galicia durante moitos anos; moitas veces cando volvo ó pasado teño certa nostalxia de non ter participado porque estou seguro de que esa experiencia [tivera] enriquecido moito a miña vida. (...) Iso si, os pobos da comarca si que os conozo todos, incluído Baio”.

Leu con interese a reportaxe que sobre “El fútbol del fin del mundo” se publicara no xornal madrileño El País o 22 do mesmo mes. Tamén escoitou o “Convivir Deportivo” que Alfonso Pardo (Radio Galega) lle dedicou ó fútbol da Costa (14-12-2019). Gustoulle que o seu amigo de toda a vida, Fernando Vázquez (son case veciños), estivera presente na gravación en Baio do 20-11-2019 cando xa estaba case esquecido. A pesar de vivir en Vigo desde hai moitos anos, Carlos segue sendo deportivista da cabeza ós pés, e alegrouse moito de que o adestrador de Castrofeito volvese coller as rendas do equipo coruñés, e confía en que o vai salvar.

Como non podía ser menos, cando se fixo viral en toda Galicia, a principios de marzo de 2020, o audio que o adestrador da S.D. Ameixenda fixo público para reprender a varios dos seus xogadores, envioume esta breve nota: “Cando fagades a 2ª edición do libro do fútbol da Costa tendes que meter esta anécdota”. Este audio, famoso en toda Galicia, viña a confirmar para el que a Liga da Costa era unha fonte inesgotable de anécdotas. Estaba encantado con ela, pois acrecentaba aínda máis o que se repetía unha e outra vez no libro dos 50 anos que estaba lendo: a mítica “lenda futbolística da Costa”, quizais xa máis valorada fóra do seu ámbito que dentro del.


Contraportada do Libro 40 anos da Historia do Fútbol da Costa

Namorado da Costa da Morte

Cómpre engadir que Reboredo é un verdadeiro namorado da Costa da Morte. Considera que a súa brava paisaxe é especial, tan distinta da das Rías Baixas onde vive, e ten unha particular admiración polas súas xentes, tan sufridas por tanta marxinación histórica, tan castigadas polos naufraxios e outras desgrazas (“e que tan pouco se queixan!”, engade). Considera exemplar iso que tanto destacamos no noso libro: que malia as rivalidades entre clubs e afeccións, ás veces con episodios violentos, cando algún membro desta ampla irmandade deportiva que vai de Malpica e Carballo á ría de Muros e Noia ten unha desgraza (un naufraxio, unha morte imprevista, un grave accidente...), non fai falla insistir para que se forme unha rede de solidariedade en toda a comunidade. Para este doutor pontevedrés orixinario das terras da Ulla, todo isto é verdadeiramente exemplar.

Novas relacionadas

Artigos relacionados sobre a historia do Fútbol da Costa

Artigos de Héctor Pose do libro “Mar de Paixón”

Comentarios