Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Makaay e Rubio analizan o derbi costeiro do Ara Solis no cumio da clasificación

Imaxe do derbi da primeira volta entre o Baio e o Fisterra no Platas Reinoso. Foto: CD Baio.
Imaxe do derbi da primeira volta entre o Baio e o Fisterra no Platas Reinoso. Foto: CD Baio.
Makaay e Rubio analizan o derbi costeiro do Ara Solis no cumio da clasificación

Esta fin de semana, o Grupo 2 da Primeira Galicia depáranos dous derbis costeiros, un, o que enfrontará a un necesitado Soneira e a un Dumbría co traballo feito e o outro na parte nobre da liga, entre un Fisterra que loita polo título de liga e un Baio que segue pelexando por acabar a competición ligueira o máis arriba posible.

O Ara Solis acolle un derbi no cumio entre dous equipos que lle están dando moitas alegrías ás súas afeccións, as cales levan moitas tempadas enchendo as bancadas dos campos nos que xogan os seus equipos.

Tanto Fisterra e Baio, chegan a esta xornada nun moi bo momento de forma e logo do que pasou no partido de ida, os fisterráns afrontan este encontro con sede de vinganza e tratará de vencer a uns baieses que mentres as matemáticas non digan o contrario loitarán polas cotas máis altas posibles.

Para analizar este derbi costeiro, o equipo de Que Pasa Na Costa quixo falar co killer fisterrán, Adrián Makaay, e co polivalente futbolista baiés, Rubio.

Os protagonistas

Adrián López “Makaay”, xogador da SD Fisterra

Makaay SD Fisterra

QPC: Que opinión che merece este Baio que está a realizar unha gran tempada nesta Primeira Galicia?

M: O Baio ten un equipazo como xa demostrou na primeira volta contra nós. Non sorprende a súa tempada posto que a maioría dos xogadores somos coñecidos e sabiamos do seu potencial.

QPC: Cres que nas xornadas que quedan o conxunto branquiazul será quen de chegar ao trío de cabeza no que estades vós para loitar polo ascenso?

M: A verdade é que non creo que lles dé para chegar, máis que nada porque estase vendo que os tres primeiros apenas erran.

QPC: Como estades a ver aos outros dous equipos implicados na loita polo título de liga como son Sigüeiro e Flavia?

M: Son dous grandes planteles. Persoalmente, creo que o Sigüeiro ten a mellor da liga, xuntan veteranía con xuventude e teñen moita calidade. O Flavia é un equipo máis veterano e rochoso pero igual de efectivo e que pode gañar onde sexa.

QPC: No encontro da primeira volta, sufristedes unha dura derrota ante o Baio. Como afrontades este derbi costeiro ante o conxunto baiés no Ara Solis e ao cal chegades nunha situación máis dispar na táboa clasificatoria que naquel momento?

M: Afrontámolo como o partido máis difícil que nos queda. Despois imos a Sigüeiro e que pase o que teña que pasar, pero si queremos optar a algo, non podemos fallar o domingo. O Ara Solis ten que ser o que desequilibre a balanza ao noso favor.

QPC: Cales son os obxectivos que vos marcades de aquí ao final de tempada, tanto na competición ligueira como na Copa da Costa?

M: O obxectivo é ganar todos os días. Co plantel e a afección que temos, debemos saír a gañar sempre. Partido a partido, pero queremos loitar todo ata o final.

Seguramente, non sexamos os mellores nin na liga nin na copa, pero a nosa vantaxe e que non xogamos 11, xoga un pobo enteiro, e iso no verde nótase.

Iván García “Rubio”, xogador do CD Baio

Rubio CD Baio

QPC: Que opinión tes sobre un ilusionante Fisterra que é un dos grandes favoritos ao ascenso á Preferente?

R: Penso que o Fisterra é un equipo moi forte, sobre todo, na casa co empuxe da coñecida afección, e que está a facer unha gran tempada tanto como local como visitante e que ademáis se reforzou moi ben nas últimas semanas.

QPC: Cres que será o campión deste Grupo 2 da Primeira Galicia e que acadará o ascenso directo á Preferente?

R: Creo que vai depender todo dos próximos encontros, a tempada está no tramo final que é onde se deciden as cousas e que non hai nada feito. Neste momento, hai equipos que se xogan o descenso e que sacan puntos contra calquera rival, como xa fixemos nós anteriormente.

QPC: Como estades a ver aos outros dous equipos implicados na loita polo título de liga como son Sigüeiro e Flavia?

R: Bueno, vemos a un Sigüeiro intratable como en case toda a liga. E un Flavia que ao igual que os outros dous equipos está a facer unha gran tempada e que aínda ten posibilidades debido a que ten enfrontamentos directos.

É un título moi competitivo debido aos poucos tropezos dos equipos de arriba e veremos como acaba.

QPC: Na primeira volta, lograstedes unha contundente vitoria ante o Fisterra. Como afrontades este derbi costeiro ante o conxunto fisterrán e ao cal chegades nunha situación máis dispar na táboa clasificatoria que naquel momento?

R: Afrontámolo con toda a ilusión do mundo, sabemos que é moi complicado achegarse aos equipos de arriba pero sabemos do que somos capaces e que hai moitos puntos importantes aínda por xogarse. Ademáis, creo que partidos como este é imposible non estar motivado, tanto por ser derbi como polo número de afeccionados que asistirá ao encontro.

QPC: Cales son os obxectivos que vos marcades de aquí ao final de tempada, tanto na competición ligueira como na Copa da Costa?

R: O obxectivo está clarísimo, gañar todos os partidos de aquí ao final da tempada. Estamos a facer unha tempada moi bonita e queremos que siga así. Senón intentaramos competir cada partido como fixemos ata agora, sería imposible facerlle fronte a rivais coma o Sofán na Copa.

Comentarios