Sábado. 20.04.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Un ollo ao fútbol xuvenil

Oscar Santos pitou o Ponteceso-Cerqueda da pasada semana-Foto-Brais Pose e David Antelo
Óscar Santos pitou o Ponteceso-Cerqueda da pasada semana-Foto-Brais Pose e David Antelo
Un ollo ao fútbol xuvenil

A Liga de Primeira División vive un escenario de incerteza pouco acostumado nos últimos anos: seis líderes distintos no que vai de competición, e cinco equipos en só tres puntos. 

Algo semellante parece estar acontecendo na categoría do fútbol xuvenil costeiro. Acostumado a un período de dominio do Corme, con rivais que oscilaron nos últimos anos, a competición 2019/2020, despois de sete xornadas, está máis bonita que nunca e até cinco equipos está no alto da táboa separados por un máximo de un punto: 16 puntos suman Soneira, Outes (único invicto da competición, e pendente da resolución do partido ante o Malpica da xornada 3 que parece que lle outorgará 3 puntos máis) e Cabana; 15 teñen Seaia e Sofán; e incluso asoma polo alto o Ponteceso, con 13. 

A xornada deste sábado decidirá, polo tanto, o liderado entre estes seis equipos, con dous duelos directos no Cunchido e nas Redondas. 

Defende a posición o Soneira, que despois de caer fronte ao Sofán e descansar a pasada semana, viu desaparecer a súa vantaxe. Esta xornada recibe (12.00 horas, Municipal de Vimianzo, Alberto Baña) a un Corme en reconstrucción xeneracional (dúas vitorias, dous empates e tres derrotas neste curso). 

O Outes, que vén de empatar precisamente no Cairo, desperdiciando a oportunidade de colocarse líder en solitario, tamén xoga na casa, fronte ao terceiro en liza, o Cabana (Municipal de Cunchido, 16.00 horas).

O Seaia visita ao Xallas no campo natural da Fontenla (16.00 horas, Carlos Señarís) en tanto quinto e sexto se miden en duelo directo nas Redondas (Ponteceso-Sofán, 16.30 horas, Iván Ferreiro).

Partidos nos extremos para os colexiados costeiros

Dous tríos arbitrais costeiros sairán esta semana con destino á Coruña para duelos da Primeira Galicia con sensacións opostas.

David Castreje, auxiliado por Óscar Rey e Christian Sendón, dirixirá o duelo do líder intratable da competición, o Victoria (oito vitorias e dous empates, 25 goles a favor e 5 en contra), que recibe (domingo, 16.15 horas, Elviña Grande) a un irregular Eume (sexto clasificado, catro vitorias, tres empates e tres derrotas).

Luis Insua, pola súa banda, dirixirá un duelo agónico para un histórico da categoría, o Carral. O partido disputarase no campo de herba natural do Castro, e contará con Carlos Señarís e Jorge Calvete nas bandas. Visita Carral o Sporting Meicende, quen non acude en moito mellor situación clasificatoria (doce puntos, duodécima posición), pero para os locais o partido é de urxencias: nove puntos en dez partidos, decimocuarta posición, e cinco semanas xa sen vencer.

Tamén será agónico o duelo que se vivirá nas Eiroas o domingo pola tarde (17.00 horas) na 3ª División. Os locatarios, equipo feito para pelexar o ascenso, acaban de despedir o adestrador tras caer por primeira vez a posicións de descenso. Enfronte estará o Silva, cos mesmos puntos na clasificación. Derbi coruñés con trío arbitral dirixido por Alejandro Castro e completado por Pablo Rama e Marco García.

Marcos Ordóñez, pola súa banda, terá unha longa viaxe para desprazarse á Illa de Arousa, onde dirixirá (xunto a Rubén Reborido e Álex Vázquez) o encontro da Preferente Galicia, grupo 2, entre Céltiga e Cultural Areas (domingo, 16.30 horas).

Outros duelos de referencia no fútbol costeiro

No Pino do Val (domingo, 16.15 horas, Eric Vázquez, auxiliado por Edgar Soto e Gabriel Placín) vivirase un novo duelo costeiro na 1ª Galicia: Mazaricos-Dumbría. Moitas urxencias para os locais (antepenúltimos, só oito puntos), vital tamén para o Dumbría se non quere perder comba coa cabeza da táboa (atalora, sexto clasificado).

Na Liga da Costa, como sempre pasa, haberá moito que ver. Poden destacarse o clásico derbi Corme – Malpica (domingo, 16.15 horas, O Cairo, Óscar Santos) ou o Muxía – Cee (domingo, 16.15 horas, Municipal da Arliña, Iván Vilanova). Na Terceira, tamén haberá derbi, no Rodeiro (se as condicións non o impiden): Camelle-Camariñas (sábado, 16.15 horas, Pedro Oreiro).

E no fútbol veterano, sobre todo, dous duelos de moitos quilates para esta mañá de domingo que implican a catro aspirantes a todo: Sporting Zas-Soneira (San Andrés, 10.00 horas, Adrián Pérez), actualmente primeiro e sexto clasificados; e San Lorenzo – San Román (O Carral, 10.30 horas, Alberto Baña), segundo e cuarto. E na Primeira mídense os dous colíderes, igualados con 18 puntos: Corme e Arasolis (O Cairo, 10.00 horas, Daniel Martínez).

Tamén no fútbol infantil haberá duelo por todo o alto: Dumbría – Os Miúdos (O Conco, sábado, 10.30 horas, Rai Reborido). Ambos equipos suman a práctica totalidade dos puntos posibles, os locais gañaron os seus oito partidos (81 goles a favor e só 3 en contra), en tanto os visitantes cederon un só empate até o de agora (na súa casa, no derbi fronte á Esteirana).

--- 

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

E coma sempre, en www.futboldacosta.com tedes as táboas sempre actualizadas e o carrusel dominical cos goles directo.

Comentarios