Martes. 19.03.2024
El tiempo

Orjullo fisterrán

Orjullo fisterrán
A final da Copa da Costa do que vai de século XXI debe ser lida en gran parte en forma metadeportiva ou socio-reveladora, e non só por ter recuperado o efecto romaría popular de décadas atrás, senón por ter amosado en plena sociedade 2.0 ese concepto romántico de mimetismo entre un clube de fútbol e a comunidade á que representa, algo que en profesionais hai tempo que deixou de ser algo práctico e practicado, pero que tamén ten contaxiado ata ao máis recóndito grupo de amigos de parroquia. Sería pasar por enriba dun modo superficial e nada revelador ler o triunfo do Fisterra como o fin a unha sequía de vinte anos ou unha mera sorpresa nunha final ou nun derbi. Imaxe da SD Fisterra que saltou á final do domingo - Foto: SD FIsterra Case todo o que sucede na Vila do Cristo ten un punto de extremo, de amor e odio, de festa e drama, ou de visceralidade na aceptación ou no rexeite. E precisamente ningunha pancarta resumía mellor que o se aveciñaba nos minutos finais como ese 'orjullo fisterrán' que comezou pender do graderío de San Paio de Refoxos. Pero ese orjullo ten que ver cos momentos de ledicia, pero tamén coa forma de afrontar as decisións, de organizar os proxectos xa sexan para arranxar rúas ou programar equipos de fútbol. E desa forma de traballar, evidentemente, ten dado versións da SD con picos de éxito sen par na bisbarra, e tamén con cotas de autodestrucción difícilmente soportables en calquera outro contexto. Cando hai pouco máis dunha década o aquí asinante comezou a súa relación co fútbol da Costa, e o fixo desde un nivel 'guiri', unha das primeiras leccións que aprendeu foi a da concepción de xigante, de histórico e de institución da Sociedade Deportiva Fisterra. Pero aqueles relatos de grandes tardes. de xogadores nunca igualados e de xestas imposibles contra xigantes de capitais de provinciais sonaban todas en tempo pretérito, e incluso moitos dos meus coetáneos nunca tiñan asistido a unha demostración en directo. Miraban aos bardos do pasado como se fosen 'Quijotes' lembrando pelexas con muíños de vento, mentres cada domingo Ara Solis vivía unha tarde de indiferencia nun clima de inestabilidade. De evitar o desastre total encargábase algo polo que moitos veciños pasaban por caixa ano tras ano, e tiña desmantelado calquera ambición de proxecto con pilares: o talento. Pasaban nomes, adestradores, directivas e promesas que chocaban frontalmente contra a lóxica e a coherencia aos poucos meses de comezar, e mentres nas tabernas entre semana voltaban os contos de antaño, e nos papeis das servilletas se fantaseaba cunha suposta selección de fisterráns se algún día voltaran todos a casa. desde as categorías nacionais. Afortunadamente, os castelos no aire non tiveron que ser construidos, e si pouco a pouco o fútbol foi deborando os males seguramente imposibles de percibir desde dentro para un oriundo. A roda da bipolaridade (sempre desde un punto de alabanza á raza e á paixón) ten chegado de novo ao punto de partida, ao da grandeza, ao que nin eu nin os millenials e premillenials vivíramos nunca in situ (nin tampouco ningún dos integrantes do actual plantel). O pasado ano a SD reconquistou a Liga da Costa, e o pasado domingo a súa masa social experimentou unha sorte de catarsis que converteu o monte de Xallas onde se atopa San Paio de Refoxos nunha especie de Monte Sinaí da fisterranía. Hai comunión, sentemento, capital humano e as bases perfectas para que a dinámica se manteña na dirección correcta. Polo de pronto, o home encargado de dirixir un timón volátil anunciou a súa marcha, mentres que algúns dos novos ídolos tamén teñen comunicado que non seguirán. Pero de momento a realidade é que os rapaces fisterrán xa non terán que pensar nos Miculita ou Manín como eses señores dos que tan ban fala o 'abuelo', senón que poderán berrar e dicir ben alto polos séculos dos séculos: "eu vin o gol de Cote". PD: nos tempos de xornalismo de bufanda con carácter excluínte parece que a imparcialidade ten que ver coa privacidade. O discuto. Sería engañarme a min mesmo e tamén a moitos que me coñecen e aprecian ben negar que o triunfo do Fisterra o pasado domingo me chegou, e que tamén despertou en min unha sensibilidade especial hacia un pobo no que tantas veces teño recibido e disfrutado do mellor da condición humana. Pode que un se estea a voltar un dalgún xeito un pouco bipolar, pero no post partido, cando acabou o tempo de anotar na libreta, un non veía futbolistas festexando ou seareiros eufóricos, senón historias de persoas que detrás delas teñen historias que grazas ao destino teño a fortuna de ter formado parte. Joselu, co seu fillo Joel, erguiría a Copa

Comentarios