Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Os árbitros da Costa comezaron a súa fin de semana de formación dende o fútbol profesional

Os árbitros da Costa comezaron a súa fin de semana de formación dende o fútbol profesional
A Subdelegación da Costa da Morte comezou este mes de febreiro, ademais de coa sesión de captación sabatina, cambiando a súa clase ordinaria de venres sobre regras de xogo por unha visita especial, a de Fabián Blanco, compañeiro da Delegación da Coruña que actualmente é árbitro asistente de Segunda División A, recén ascendido este ano despois de seis anos como árbitro asistente na Segunda B (e un percorrido arbitral que o levou por todas as categorías do fútbol modesto, onde chegou a árbitro principal na categoría de Preferente Galicia, para despois decidirse a dar un xiro e apostar por facerse árbitro asistente específico). Fabián Blanco abordou cos colexiados costeiros, que acudiron de forma notable á cita, o traballo en equipo dentro dun trío arbitral e as especificidades e dificultades do traballo dun árbitro asistente. Ademais, na súa presentación mostrou aos colexiados costeiros as ferramentas informáticas coas que contan no fútbol profesional para o desenvolvemento da súa labor así como explicou as esixencias e requirimentos que teñen que superar en canto a adestramentos, probas físicas e técnicas, informes e avaliacións... Unha xornada distinta e moi atractiva que motivou numerosas preguntas dos colexiados costeiros, moitos dos cales están aínda comezando a súa carreira e poden aínda soñar con, quizais, algún día, alcanzar tamén tan altas cotas. Oxalá así sexa. Até Baio desprazouse tamén o delegado do CTGAF na Coruña, Javier Mella, ademais do profesor de regras de xogo da Delegación da Coruña, Xabi Rodríguez, e o secretario do CTGAF, Noel Blanco. Todos eles, xunto cos árbitros da subdelegación, compartiron despois da charla uns pinchos de confraternidade e departiron sobre a actualidade do fútbol costeiro neste ecuador da temporada

Comentarios