Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Pereiro e Adrián Doldán analizan un Mazaricos-Corme que pode decidir a Liga da Costa

Yago Dosil trata de controlar un balón ante Brais Andrade no Corme-Mazaricos. Foto: www.diariodeportivo.gal
Yago Dosil trata de controlar un balón ante Brais Andrade no Corme-Mazaricos. Foto: www.diariodeportivo.gal
Pereiro e Adrián Doldán analizan un Mazaricos-Corme que pode decidir a Liga da Costa

Esta fin de semana, hai un partido que centra toda a atención non só da Liga da Costa, senón de todo o fútbol da Costa e é que o Peña do Ouro acollerá un encontro que enfrenta ao primeiro e ao segundo clasificado do Grupo 3, un Mazaricos que afronta este envite coa posibilidade de proclamarse campión e un Corme que ten que gañar si ou si para evitar que isto aconteza e manterse con opcións de pelexar polo campionato.

Para analizar este duelo na cumbre da Liga da Costa quixemos falar con dous homes da casa e dous dos importantes para os seus equipos como son o mazaricán Esteban Pereiro e o cormelán Adrián Doldán.

Os protagonistas

Esteban Pereiro, xogador do Mazaricos CF

Pereiro (Mazaricos CF)

  • QPC: Logo dunha longa tempada, chega este Mazaricos-Corme no que se pode decidir todo. Como están os ánimos por terras mazaricanas na previa deste partido?

E.P.: Pois estamos con moita ilusión e con ganas de que chegue o domingo. Levamos moitos meses traballando coa esperanza de chegar ata o final con posibilidades e esperamos que o domingo sexamos capaces de que os tres puntos queden na nosa casa.

  • QPC: No encontro da primeira volta, o Corme levouse a vitoria nun partido que tivo a súa dose de polémica. Como afrontades o envite do próximo domingo no Peña do Ouro no que teredes a vosa primeira oportunidade da tempada para proclamarvos campións da Liga da Costa?

E.P.: Pois como che dicía antes, levamos moitos meses traballando para ter unha oportunidade como a do domingo. Temos diante un gran rival pero sabemos que se facemos as cousas ben somos capaces de gañarlle.

  • QPC: Dende dentro do vestiario, como canalizades as ansias que pode producir o ter tan preto a posibilidade de acadar o título de campión?

E.P.: A ansia de ser campión é xusto o que temos que evitar, temos que saír a desfrutar do partido, xogar como sabemos e se somos quenes de facer isto o demáis virá só.

  • QPC: Cales cres que serán as claves para gañar este Mazaricos-Corme?

E.P.: Penso que a clave está en ser capaces de quitarlle o balón ao Corme e non deixar que xoguen cómodos, e como sempre no fútbol o que máis acertado estea nas áreas levarase o partido.

  • QPC: As mostras de apoio tanto da vosa afección como da do Corme polas redes sociais son continuas. Que imaxe cres que presentará o Peña do Ouro para presenciar este partidazo?

E.P.: Somos moi afortunados de xogar na Liga da Costa. O ambiente nas bancadas de seguro que vai ser espectacular, espero dúas afeccións entregadas e respectuosas desfrutando dun gran partido de fútbol.

Estou seguro que a nosa afección non vai fallar, se o equipo está a súa altura levarémonos os 3 puntos.

  • QPC: Atreveríaste a dar un resultado?

E.P.: O meu número favorito é o 21, asique un 2-1 estaría perfecto (risas).

Adrián Doldán, xogador do Corme CF

Adrián Doldán (Corme CF)

  • QPC: Logo dunha longa tempada, chega este Mazaricos-Corme no que se pode decidir todo. Como están os ánimos por terras cormelanas na previa deste partido?

A.D.: Non che vou a mentir, os ánimos non están como fai un par de semanas cando dependiamos de nós mesmos. Temos a impresión de que deixamos escapar demasiadas oportunidades durante a tempada e somos conscientes de que necesitamos gañar para manter viva a esperanza, e iso é o que imos a intentar facer.

  • QPC: No encontro da primeira volta, lograstedes a vitoria nun partido que tivo a súa dose de polémica. Como afrontades o envite do próximo domingo no Peña do Ouro no que tedes a necesidade de gañar para mater as opcións de proclamarvos campións da Liga da Costa?

A.D.: Nesta clase de partidos tan igualados, é raro que non haxa algunha xogada concreta que poida ocasionar certa polémica. É algo normal ao que un xa se acostuma e acaba aceptando, favoreza a uns ou a outros.

En canto a como afrontamos o partido, facémolo coma sempre, como cada fin de semana, saír ao campo a pasalo ben intentando practicar o noso mellor fútbol e divertir á afección que sempre nos vén a ver.

É certo que é un partido diferente onde se pode decidir o campión da liga, e é por iso que imos con un extra de motivación para evitalo.

  • QPC: Dende dentro do vestiario, como controlades as ansias que pode producir o ter que gañar si ou si para manter as vosas posibilidades por loitar polo título de campión?

A.D.: Realmente, temos esa sensación dende fai tempo. Ter que gañar cada domingo para manternos aí arriba, non só por intentar ser campións senón sendo conscientes de que tamén hai equipos por debaixo nosa moi bos e a moi poucos puntos como Volantes ou Ponteceso.

Sen embargo non é unha sensación negativa nin moito menos, dá gusto xogar nun equipo no que tempada tras tempada pelexa por ser campión. E este ano, imos a seguir intentándoo ata o final.

  • QPC: Cales cres que serán as claves para gañar este Mazaricos-Corme?

A.D.: O Mazaricos ten un grandísimo equipo e vai ser moi complicado gañarlle na súa casa, nestas circunstancias de extramotivación xa que poden proclamarse campións e xogando nunha superficie na que están máis acostumados ca nós. Sen embargo, todos os anos llo poñemos difícil.

Sendo máis solidarios ca nunca, vaciándonos no campo, dando o mellor de nós, confiando no grupo e sobre todo, co apoio incondicional da nosa afección, podemos gañar.

  • QPC: As mostras de apoio tanto da vosa afección como da do Mazaricos polas redes sociais son continuas. Que imaxe cres que presentará o Peña do Ouro para presenciar este partidazo?

A.D.: Despois de tantos anos xa nos coñeces e saberás que non me engano cando che digo que temos a mellor afeccion da Costa, e do mundo (risas).

Apóiannos sempre, gañemos ou perdamos. E isto non pasa só co equipo sénior. A calquera partido que vaias onde xogue o Corme alí estan eles cubrindo as bancadas de cor azul. E é así como me gustaria ver a bancada, azul.

  • QPC: Atreveríaste a dar un resultado?

A.D.: Si, 1-2 para o Corme.

Comentarios