Martes. 16.04.2024
El tiempo

Petiscos de entroido

Imaxe do Malpica-Montelouro-Foto-Edu Olveira
Imaxe do Malpica-Montelouro-Foto-Edu Olveira
Petiscos de entroido

O fútbol non para, nin sequera polo entroido, aínda que certamente o fútbol senior colle unhas merecidas vacacións, e só nos deixará uns pequenos petiscos para abrir boca de cara ao apaixonante tramo final da competición, que promete altas tensións en cada partido.

Os petiscos de fútbol máis sabedores estarán, sen dúbida, no Hermanas Patiño, Pino do Val e o Novo Cubaleiro, onde dará comezo a apaixonante LVI Copa da Costa, cun formato renovado (eliminatorias a partido único até oitavos de final, sempre no campo do equipo de menor categoría ou no primeiro en saír no sorteo, en caso de coincidencia), o que deparará en cada caso eliminatorias intensas e fermosas.

A Copa arrinca en Pino do Val, onde ás 16.30 horas (do domingo, igual que nos outros dous encontros) comeza o duelo a priori máis igualado entre o actual líder da Liga da Costa, o Mazaricos, e un Lira á alza (fóra dos postos de descenso, despois de moitas xornadas no pozo). Dirixirá o encontro Pablo Rama, auxiliado por Óscar Rey e Rai Reborido.

Media hora máis tarde comezarán a dirimirse as outras dúas eliminatorias, nas que compiten (como locatarios) dous conxuntos da 3ª da Costa fronte a dous equipos que disputan (e navegan en augas tranquilas) na Primeira Galicia. No Novo Cubaleiro mídense Corcubión e Baio (David Vázquez, Luis Insua e Breogán Rey) e no Hermanas Patiño As Baleas e Dumbría (Adrián Pérez, Lucas Vicente e Sebastián Pérez).

Homenaxe ao fútbol costeiro e á paixón de eliminatorias intensas, a partido único, e con penaltis previstos en caso de igualdade despois dos 90 minutos, nunha previa que pospón o cuarto encontro, o que deberán disputar en Berdillo San Lorenzo e Soneira.

Haberá tres partidos máis na categoría da 3ª Galicia, nunha estrana minixornada (con partidos que proveñen de tres xornadas distintas) na que xogarán os tres favoritos ao ascenso en dous dos partidos. Da xornada 17 vén o Camelle-Laxe (domingo, 17.00 horas, O Rodeiro, David Castreje) e da xornada 23 (a próxima) adiántase o Seaia-Cabana (domingo, 17.00 horas, Pedra Queimada, Bruno Méndez). En horario Champions (martes, 21.15 horas, Alberto Baña) A Rocheira acollerá un partido decisivo: Coristanco-Castriz; os pataqueiros poden poñer pé e medio na Liga da Costa, en tanto os visitantes aspiran a manter até o final a pugna co Cabana.

Si haberá xornada íntegra (a número 24) na competición xuvenil, que terá o seu encontro máis destacado nas Pedreiras (sábado, 17.00 horas, Iván Ferreiro) co duelo entre San Lorenzo e Corme.

Tamén en categoría cadete (xornada número 21), onde o líder, Concello de Zas, ten unha complicada visita ás Redondas para medirse ao Cabana (domingo, 12.00 horas, Lucas Vicente), co Outes pendente dun tropezo para arrebatarlle un liderado que xa dura bastantes semanas e que agora está en perigo. 

Na xornada 23 da categoría infantil, o Cee ten descanso, polo que o Dumbría pode abrir oco á fronte da táboa en caso de vencer aos Miúdos (sábado, 11.00 horas, O Conco, Juan Marcos Ríos). 

O Conco vivirá tamén, nun horario pouco habitual, un novo partido da Liga Galega Cadete, na que o Dumbría está a desenvolverse tan ben este ano. O partido xogarase o venres, ás 18.30 horas, e en fronte estará o Viveiro. Dirixirá David Vázquez, auxiliado por Iván Ferreiro e Sebastián Pérez.

E pouquiño máis, competición normal na categoría prebenxamín, así como no grupo 5 de alevíns e benxamíns, e un encontro adiantado da Primeira Galicia de veteranos (Xornes-Río Grande, domingo, 10.00 horas, Xaviña, Luis Insua). Pero abonda, que non todo vai ser fútbol, e viva o entroido!

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, en www.futgal.es. 

Ademais, en www.futboldacosta.com tendes todas as táboas ligueiras e en www.copadacosta.com tendes o cadro da Copa da Costa. Todo actualizado en tempo real.

Comentarios