Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Pouco, e en modo tele de pago

Carlos Senaris cos capis do Coristanco e do Cabana xuvenil
Carlos Señarís cos capis do Coristanco e do Cabana xuvenil
Pouco, e en modo tele de pago
Esta fin de semana de ponte festiva será estraña no fútbol costeiro. Por un lado, e por diferentes motivos, hai paróns nalgunhas competicións (Terceira División, Preferente Galicia, así como nas dúas divisións do fútbol veterano costeiro). E por outro, o feito de termos unha fin de semana de tres días fará que o formato carrusel de radio das competicións (domingo tarde para os senior, sábado tarde para os xuvenís, mañá de domingo para os veteranos...) se substitúa por un modelo “máis actualizado” aos tempos, no que, quen guste, poderá presenciar varios encontros de cada categoría sen problemas cos horarios.
Así, a Liga da Costa arrinca a golpe de venres con un apuradísimo derbi malpicán. En Xaviña (17.00 horas, Daniel Martínez) mídense o Buño e o Cerqueda cos postos de descenso en xogo. Os locais suman 13 xornadas de liga sen conseguir a vitoria e ven a salvación xa cada vez máis lonxe. Os visitantes estaban tamén comezando a sufrir, pero un arreón de dúas vitorias consecutivas permitiulles abrir unha brecha de sete puntos co terceiro pola cola, polo que poden respirar un pouquiño. Sexa como sexa, un derbi sempre é un derbi.
O domingo haberá, en todo caso, carrusel de partidos na Liga da Costa, arrincando ás catro da tarde no Cairo con un dos partidos da xornada, o que enfrontará ao vixente líder da competición, o Corme, e a unha das sorpresas positivas da temporada, o San Lorenzo, que despois de ser líder, pasou un pequeno bache pero agora volve acumular tres vitorias consecutivas e está na cuarta posición. Dirixirá o encontro Marcos Ordóñez.
A Terceira estará aínda máis repartida. Abrirase o venres (17.00 horas, Pedra Queimada, Jorge Calvete) co Seaia-Ameixenda, e deixará dous duelos para o sábado e dous para o domingo. Na tarde dominical, foco de interese no derbi camariñán que se disputará no Rodeiro: Camelle-Porteño (16.15 horas, David Cancela).
Duodécima xornada tamén na categoría xuvenil, dispersa en tres franxas horarias distintas. Dous duelos centran o interese da xornada, co liderado en xogo entre rivais da zona alta: en Pedra Queimada, Seaia-Soneira (sábado, 16.00 horas, Adrián Pérez); e en San Andrés, Zas-Outes (sábado, 16.30 horas, Óscar Santos).
Na categoría cadete, o duelo polo liderado (só un punto de marxe) é entre Xallas e Fisterra, e ambos afrontan duelos complicados. O Xallas recibe (San Pedro de Castriz, domingo, 10.00 horas, Lucas Vicente) a un Sofán enrachado, tres vitorias nos tres últimos encontros, e situado xa a só catro puntos dos xalleiros e con un partido menos disputado. O Fisterra afronta unha saída perigosa ao Eleuterio Balayo para medirse (doimngo, 12.00 horas) aos Miúdos, situados na sétima posición pero con catro vitorias e un empate nos seus últimos cinco encontros.
E, en fin, moito máis fútbol, con partidos na categoría infantil e nas distintas etapas do fútbol 8, tanto da competición costeira como da liga comarcal, ligas galegas, fútbol feminino... Fútbol e máis fútbol para ver e escoller. Arrincamos con prebenxamíns o xoves en Xaviña (17.30 horas, Cerqueda-Sofán, Manuel Rodríguez) e pechamos o domingo con varios encontros ás 17.00 horas (entre eles, o Baíñas-Coristanco da Liga da Costa, dirixido por Bruno Méndez). Menú variado, escollan e disfruten.
Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.
 

Comentarios