Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Preferente: Algo de todo

O Fisterra celebrando a súa vitoria en Monforte de Lemos
O Fisterra celebrando a súa vitoria en Monforte de Lemos
Preferente: Algo de todo

O Fisterra logrou unha nova vitoria nun partido no que o recén chegado Santi Taboada foi protagonista que acabou cunha goleada dos costeiros sobre o Lemos, sumando así o seu segundo triunfo consecutivo.

Pola súa banda, o Xallas freou a un Puebla que se mostrara intratable ata o momento e sumou un punto no que puido sacar algo máis positivo.

Mentres que o Sofán caeu contundentemente ante o Noia nun encontro no que os de Alberto Rodríguez non mereceron un castigo tan amplo coma o que recibiron.

Club Lemos 0 – 3 SD Fisterra

SD Fisterra: Iván Bouzón, Pablo Vigo, Colombia, Aarón López, Makaay (Rubia m.86), Herbert (Dani Martínez m.74), Santi Taboada (Piti m.66), Julián López, Aarón Fernández, Andrés e Capelo.

Goles: 0-1 m.20: Capelo; 0-2 m.52: Santi Taboada; 0-3 m.72: Makaay.

Expulsión: O monfortino Adri Díaz no minuto 77.

Partido entretido no que o Lemos se puido adiantar nos primeiros minutos pero Iván Bouzón sostivo ao Fisterra.

Tras este aviso dos monfortinos, Capelo adiantaría aos da fin da Terra logo dun bo pase do recén chegado Santi Taboada, para chegar ao tempo de lecer co 0-1 no lumisnoso.

Na reanudación, máis do mesmo, un Lemos moi intenso que se toparía de novo cun gran Iván Bouzón que fixo a parada da tarde sacando da mesma escadra a man cambiada.

E do posible empate a un pasaríase ao 0-2, obra dun Santi Taboada que redondeaba o seu debut logo dunha falta executada por Capelo e peiteada por Aarón López, antes de que a nova fichaxe do Fisterra a mandase ao fondo da rede.

A raíz diso, os fisterráns foron moi superiores onde Makaay puido aumentar a vantaxe dos seus en varias ocasións pero non sería ata o minuto 72 cando o killer visitante aproveitaría un pase de Capelo para poñer o definitivo 0-3 a prol dun Fisterra que fixo un gran partido, no que se demostrou que o equipo comeza a asentarse e amosar todo o seu potencial.

Xallas FC 0 – 0 Puebla CF

Xallas FC: Koke, Santi Hernández (Peke m.84), Alberto, Marcos Mouro, Carlos (Grille m.55), Borja, Marcos, Asier, Juan de Celia, Pablo Mato e Lagoa.

Primeira parte moi igualada na que ningún dos dous equipos arriscaba en exceso e de aí que as ocasións brillasen pola súa ausencia, polo que se chegaría ao tempo de lecer co resultado inicial.

Na segunda parte, o Xallas saíu máis enchufado e tivo varias ocasións para levarse a vitoria, a máis clara foi no min 85, pero a mala fortuna impediu que os tres puntos se quedasen en Fontenla. Polo que habería reparto de puntos en Santa Comba logo dun encontro no que os de Adrián Lema fixeron merecementos para sacar un resultado máis positivo pero o balón non quixo entrar.

CF Noia 3 – 0 SD Sofán

Noia-Sofan

SD Sofán: Álex López, Canedo, Alexandre, Luis, Martín (Juanjo m.65), Rubén (David Castro m.73), Raúl Añón, Quintela, Eibe (Parafita m.57)(Raúl m.77), Carro (Matías m.73) e Fabián.

Goles: 1-0 m.25: Hugo, 2-0 m.76: Anxo; 3-0 m.89: David Castro en propia puerta.

Resultado enganoso e abultado o que se puido ver no Julio Mato “Matito” de Noia despois dun partido no que a SD deu a cara ante un todopoderoso Noia que non fixo merecementos para lograr unha vitoria tan ampla.

Tanto foi así que os primeiros avisos daríaos o Sofán por mediación dun Quintela que non acertaría de cara a gol. Pola súa banda, os de Iván Carril intentábano por banda con Anxo e Nando, pero sería Hugo no minuto 25 cun centrochute o que adiantaría aos seus no marcador. E co 1-0 chegaríase ao descanso.

O paso por vestiarios deulle folgos a un Sofán que logrou mostrarse superior ao rival durante a primeira media hora deste segundo tempo, incluso tendo ocasións para empatar pero non era o seu día de cara a portería, todo o contrario que un Noia que cando máis estaba a sufrir lograría aproveitar un erro na saída de balón dos sofanistas para facer o 2-0 por medio de Anxo.

Tras isto, Fabián tería unha boa oportunidade para meter aos seus no encontro á saída dun córner pero finalmente chegaría o 3-0 nunha desafortunada xogada dos sofanistas, na que David Castro introduciría o balón na súa propia portería.

Comentarios