Xoves. 18.04.2019
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

San Andrés ditará sentenza

David Castreje nun partido xuvenil-Foto-Fin Lema
David Castreje nun partido xuvenil-Foto-Fin Lema
San Andrés ditará sentenza

A competición encara a recta final nas súas categorías, e comezan a ser decisivas as fins de semana. Se na pasada xornada a Terceira da Costa quedou resolta, con Coristanco e Cabana ascendidos, e co cuarteto de clasificados para o play off case perfilado, incluso na súa ordenación, e este domingo será a quenda para a máxima competición de Veteranos, que vivirá unha xornada decisiva.

No campo de fútbol de San Andrés, na matinal do domingo (11.00 horas, Pablo Rama), enfróntanse Zas e San Ramón. Ambos equipos presentan un currículum calcado: 18 vitorias, 1 empate e 4 derrotas, para un total de 55 puntos. Os de San Andrés revelan unha mellor diferenza de goles, son con diferenza o conxunto máis realizador da competición aínda que tamén encaixaron algúns goles máis (75-23 para o Zas, 64-19 para o San Román). Pero o factor clave, desigualador, nesta contenda, pode estar no gol average particular, toda vez que na ida o San Román venceu por 2 a 0, co que un empate podería considerarse positivo pola súa parte.

O duelo ten carácter definitivo xa que só quedan dúas xornadas por disputarse a partir do domingo. O San Román, vixente campión, tería que recibir a próxima semana ao Porteño e visitar na última ao Cabana, conxuntos ambos da zona media (o Cabana, algo máis preto do descenso, pero semella que non terá problemas para salvarse), sen urxencias clasificatorias. O Zas ten un calendario a priori algo máis complicado, pois xoga os dous partidos restantes a domicilio, o primeiro deles a próxima semana na casa dun Castriz que se xoga a temporada, pois atalora está a só dous puntos do descenso.

O empate, a priori, beneficia aos visitantes, gañadores por gol average particular e cun calendario “cómodo”, aínda que permitiría entrar na pugna ao terceiro en discordia. O Soneira atópase a dous puntos dos colíderes, polo que, de gañar e rematar en empate o Zas - San Román, provocaría un triple empate que permitiría ao cadro soneirán alzarse co título  por ter o maior número de puntos colleitados entre os 6 partidos xogados entre os tres equipos. Xogarán no Pinguel contra o Ponteceso (Iván Vilanova) á mesma hora, xa que logo, cun ollo posto en San Andrés. 

Na zona baixa da táboa, consumado o descenso do Nantón, esta xornada vivirase un duelo desesperado entre os dous equipos que atalora ocupan posicións de descenso: Bértoa-A Piña (domingo, 12.00 horas, Municipal da Laracha, Manuel Rodríguez). A derrota dos locais implicaría o seu descenso matemático, a dos visitantes deixaríaos colgando dun fío. 

Na Primeira, o Mazaricos podería conseguir sen xogar (tócalle descanso) o ascenso de forma matemática, aínda que seguramente teña que agardar pois debería producirse unha concatenación de resultados favorables. O Razo, despois do pinchazo diante do Malpica, tentará amarrar o seu segundo posto, que tamén conleva ascenso directo, vencendo ao Río Grande Os Arcos (domingo, 11.00 horas, O Areal, Lucas Vicente).

Árbitros costeiros no fútbol de elite

Esta fin de semana novamente haberá representación costeira no fútbol do máximo nivel galego, e será por partida dobre.

Na xornada sabatina, Marcos Ordóñez dirixirá o duelo lucense da Preferente que enfronta a Ribadeo e Sarriana (17.30 horas, Pepe Barrera). 

Na dominical, Bruno Méndez dirixirá o encontro de Terceira División que enfronta a Alondras e Choco (17.00 horas, Morrazo). Neste encontro tamén actuará como asistente 2 Adrián Pérez, en tanto David Castreje estará como asistente 1 no encontro de Preferente entre Negreira e Foz.

Haberá trío costeiro para o fermoso duelo da Primeira que se disputará no Conco entre Dumbría e Flavia. Será na tarde do domingo, a partir das 17.00 horas, coa dirección de Alberto Baña, auxiliado nas bandas por Pablo Rama e Sebastián Pérez.

Fin de semana de duelos de proximidade

A fin de semana na Liga da Costa, tanto na Segunda como na Terceira, vivirá os seus momentos máis atractivos en tres duelos de vecindade.

No Agra da Filgueira (domingo, 16.30 horas) será un duelo dramático entre Monte Louro e Muros, dous equipos metidos de cheo na loita por evitar o descenso, con moitas urxencias sobre todo por parte local. 

En Xaviña (domingo, 17.00 horas, Óscar Santos) vivirase o derbi malpicán máis “relaxado” dos últimos tempos, xa que ambos equipos chegan a esta fase da temporada coa necesidade de seguir sumando pero, en principio, sen perigo de descenso, a pesar de que aínda faltan moitas xornadas. Xóganse, iso si, un posto na táboa, pois atalora están separados por só dous puntos.

E no Hermanas Patiño (domingo, 17.00 horas, Luis Insua) vivirase un derbi camariñán menos tenso do habitual, toda vez que os visitantes están xa sen opcións de cara a estas dúas últimas xornadas, en tanto os locais preparan o play off, coa sexta praza amarrada e coa quinta xa quizais inalcanzable.

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en http://futgal.es/pnfg/ e tamén tendes as táboas en www.futboldacosta.com

Comentarios