Venres. 19.04.2024
El tiempo

Semana Santa con procesión pero sen penitencia

 

Imaxe do Fisterra-Corme-Xuvenil-Foto-Fin
Imaxe do Fisterra-Corme xuvenil da semana pasada-Foto-Fin Lema
Semana Santa con procesión pero sen penitencia

Toca parón para coller forzas, e o colectivo arbitral costeiro afronta unha fin de semana relaxada. Non haberá nin fútbol senior nin veterano na Costa da Morte, apenas unha ducia de encontros nas categorías de xuvenís e infantís, e un fermoso torneo de fútbol base no campo de Xaviña (Buño) o xoves e o venres, baixo a organización da Asociación Deportiva Vidú.

Con todo, un grupo de colexiados costeiros terá viaxe nesta ponte festiva, haberá procesión pero non penitencia, xa que disfrutarán este xoves (a xornada adiántase case na súa totalidade) de algúns dos mellores partidos da Terceira División, unha das poucas categorías que non para polas festas. 

Bruno Méndez, colexiado costeiro da Terceira División, dirixirá (A Cheda, 12.00 horas) o enfrontamento entre o Polvorín (filial do Lugo) e o Ourense CF. Partido a priori para disfrutar, undécimo contra noveno, dous bos equipos e que chegan a esta fase do campionato cos deberes feitos, sen urxencias clasificatorias. Bruno Méndez estará auxiliado nunha das bandas por Juan Marcos Ríos, en tanto na outra estará Gonzalo Belmonte (Delegación da Coruña).

Pablo Rama estará como asistente na Illa de Arousa (Salvador Otero, 17.30 horas) no enfrontamento entre Céltiga e Somozas. O encontro, que dirixirá o coruñés Rodrigo García, é de urxencias para os locais, situados en postos de descenso, mentres que para os visitantes (que a comezo de temporada “debían” aspirar ao ascenso) terá que servir para pechar a permanencia e evitar os riscos de descenso por arrastres. 

E Adrián Pérez collerá rumbo parecido, camiño de Vilagarcía de Arousa. Estará xunto a José Manuel Cives (Delegación da Coruña) no Arousa-Choco (A Lomba, 18.00 horas), partido entre dous aspirantes claros ao ascenso. Actualmente son, respectivamente, sexto e sétimo, separados por só un punto, e están a menos de unha vitoria da cuarta praza que dá acceso ao play off de ascenso. 

A Liga da Costa terá un enfrontamento vital na zona baixa entre Muros e Lira, aprazado hai 15 días pola chuvia, que anegaba absolutamente o Eleuterio Balayo. 

Na fin de semana costeira o partido máis atractivo semella ser o que se vivirá no Cairo o sábado pola tarde (16.30 horas, Carlos Señarís). Corme e Cabana, segundo e terceiro da competición xuvenil, despois dos respectivos pinchazos da pasada semana (empate dos cormeláns en Fisterra e derrota dos cabaneses fronte ao Ponteceso nas Redondas), xogan un duelo definitivo na pelexa polas prazas da fase de ascenso á Liga Galega, e tamén na intención de continuar a disputa do título até a última xornada cos Miúdos, que disputarán o seu encontro desta xornada moi moi preto (16.00 horas, O Pinguel, Adrián Pérez) fronte ao Ponteceso.

Ademais, hai xornada completa na Liga Infantil, e media xornada na Liga de F8 en Prebenxamíns (a outra media xa se xogou estes días).

Todas as designacións arbitrais, como cada semana, categoría a categoría, dende os senior a todo o fútbol base, en www.futgal.es. 

Ademais, tendes o carrusel e as táboas ligueiras sempre actualizadas en www.futboldacosta.com, e as competicións copeiras en www.copadacosta.com.

Comentarios