Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Unha final de moita fe

Bruno Mendez David Cancela e Dani Martinez Ferreiro pitaron a final da Copa da Costa Cadete Foto-Liga da Costa
Bruno Mendez, auxiliado por David Cancela e Dani Martinez Ferreiro, pitaron a final da Copa da Costa Cadete entre Esteirana e Outes-Foto-Liga da Costa
Unha final de moita fe

O fútbol veterano da Costa da Morte pon fin á súa primeira temporada baixo o paraugas da Federación Galega. A Copa da Costa vivirá unha final na que a fe terá moito que dicir, xa que o partido se xoga en horario de misa (domingo, 11.00 horas) e con medio santoral presente: o escenario será o remozado campo de San Andrés, que se abre ao fútbol co seu novo tapete, e ambos equipos teñen a quen invocar, uns a San Román e outros a San Lorenzo. A liturxia estará dirixida por Alberto Baña, auxiliado nas bandas por Óscar Santos e Óscar Rey. Dous dos mellores equipos da competición, que pelexaron o título ligueiro até a última xornada, xóganse agora nesta final poñer o broche de ouro á temporada. 

E pola tarde, emoción, emoción e emoción

E na tarde dominical dirimiranse os partidos de volta das semifinais da Copa da Costa. Máis de mil persoas se congregaron a pasada semana nas Redondas e no Eleuterio Balayo para vivir dous emocionantes partidos que remataron, en ambos casos, en táboas, polo que os partidos de volta serán a todo ou nada. Catro equipos en busca de dúas prazas para a final e un título que para case ningún parecía alcanzable hai só dous meses.

As semifinais arrincan no Hermanas Patiño ás 18.00 horas. O Camariñas, coa leve vantaxe do empate a 1 da ida, recibe ao Cabana nun duelo que xa se viviu esta temporada. No duelo ligueiro venceu o Camariñas por 4-2, pero a bo seguro que este enfrontamento será distinto a calquera precedente que se poida invocar. O partido estará dirixido por Bruno Méndez, auxiliado por Manuel Espasandín e Lucas Vicente.

Media hora máis tarde botará a rodar o balón no Cairo. Corme e Esteirana empataron sen goles no encontro de ida, polo que todo o traballo quedou por facer para esta semana. O partido estará dirixido por Pablo Rama, auxiliado por Juan Marcos Ríos e Carlos Señarís.

Xuvenís e infantís, tamén a un paso das súas finais

Tamén se disputan nesta fin de semana os partidos de volta das semifinais copeiras en categoría xuvenil e infantil, toda vez que a cadete xa rematou o pasado domingo coa final xogada en Esteiro.

No fútbol xuvenil, tanto Corme como Outes obtiveron un resultado favorable nos partidos de ida, que disputaron como locais, e afrontan coa etiqueta de favoritos os encontros de volta, que se disputarán en ambos casos o sábado ás cinco da tarde. No Carral (Sofán) enfróntanse Sofán e Corme, baixo a dirección de Daniel Martínez, con un resultado moi favorable aos da vila do Roncudo: 5-1 no Cairo. Algo máis igualada queda a outra eliminatoria, que se decidirá no Municipal de Vimianzo (dirixe Juan Marcos Ríos), onde o Soneira tentará aproveitar o factor campo e remontar o 3-1 que lle endosou o Outes a pasada semana.

En categoría infantil, o Xallas deixou moi encarrilada a súa eliminatoria e o seu pase á final, despois de vencer 2-4 ao Fisterra no Ara Solis. O partido de volta adiántase á tarde do venres (San Pedro de Castriz, 18.00 horas, David Vázquez). Quen gañe poderá achegarse o sábado pola mañá a vixiar os posibles rivais, que se enfrontan nunha eliminatoria totalmente aberta. No encontro de ida, Os Miúdos e Cee igualaron a un gol, polo que para o sábado (Sampaio de Refoxos, 11.00 horas, Manuel Espasandín) queda todo por decidirse.

E seguen os torneos alegrando a fin de semana

As categorías de base seguen disfrutando de torneos de exhibición na Costa da Morte, e esta fin de semana será haberá fútbol 8, ambos días, tanto na Rocheira (Coristanco) como en Corme (aínda que o torneo organizado pola Asociación Vidú se traslada o domingo á tarde ao Pinguel, con motivo da disputa das semifinais de Copa da Costa).

---

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Ademais teñen os horarios e os resultados en directo en www.copadacosta.com

Comentarios