Martes. 19.03.2024
El tiempo

A PREVIA ARBITRAL

Volta ao cole

Imaxe do partido do Volantes deste Nadal-Foto-Adriana
Imaxe do partido do Volantes deste Nadal-Foto-Adriana
Volta ao cole

Volve a competición futbolística en todo o seu esplendor, e toca retomar o seu traballo para o colectivo arbitral da Costa. Se ben, os quince días, que deberían ter sido de desconexión, non o foron completos, pois nas categorías superiores Bruno Méndez foi encomendado para dirixir un Vilalbés-Ourense de Terceira División, Adrián Pérez un Cambados-Beluso na Preferente, así como Alberto Baña (Cambre-Meicende) e Luis Insua (Ciudad-Cedeira) tiveron encontros de Primeira Galicia, por non falar do medio cento de encontros que, por teren sido suspendidos en xornadas precedentes, se acabaron disputando nestas datas, especialmente o pasado 4 de xaneiro.

Nesta fin de semana de reencontro co silbato e o balón, dous tríos arbitrais costeiros farán as maletas fóra da terriña. O sábado, Luis Insua dirixirá (18.30 horas, Dani Mallo) o Cambre-Victoria da Primeira Galicia, auxiliado por David Cancela e Rai Reborido; en tanto o domingo Marcos Ordóñez arbitrará en Arnoia (A Queixeira, 16.30 horas) o Arnoia-Cambados da Preferente Galicia, auxiliado polos compañeiros da Subdelegación da Costa Alberto Baña e Óscar Santos.

Volve tamén o fútbol á Costa

A competición de fútbol costeiro aproveitou este parón para poñerse ao día na competición, disputándose o Cee-Muros (de Segunda) e o Camelle-Corcubión (de Terceira) que foran atrasados no seu momento, ademais de numerosos encontros nas categorías de base. 

Nesta xornada, sen duelos directos nin por arriba nin por abaixo no fútbol senior, haberá moitas contas pendentes no Malpica-Muxía (Pedra Queimada, domingo, 16.00 horas, Adrián Pérez) ou un sempre intenso Corme-Cerqueda (O Cairo, domingo, 16.30 horas, Luis Insua). 

Xa na categoría xuvenil, o parón polas festas deparou un duelo por todo o alto no que o Outes superou con claridade ao Soneira e apretou o alto da táboa, onde agora os de Vimianzo lle sacan só tres puntos aos da Serra. Nesta xornada, o Outes visita o colista, Coristanco (A Rocheira, sábado, 16.30 horas, Daniel Martínez), en tanto o Soneira recibe no Municipal de Vimianzo a un irregular Xallas, que ven alternando case a partes iguais resultados positivos e negativos (sábado, 18.30 horas, Jorge Calvete). 

A competición cadete, que parecía encarreirada para o Xallas, sufriu nas últimas xornadas unha reviravolta xeitosa que lle devolveu toda a emoción. Despois de oito vitorias e un só empate nas nove primeiras xornadas, o Xallas parecía enfilado ao título, pero nas últimas catro contendas alternou dúas vitorias e dúas derrotas, o que permitiu que o Cabana, que vén cunha magnífica racha de cinco vitorias consecutivas, o alcanzase e igualase no alto da táboa. Para esta xornada ambos equipos afrontan duelos nos que parten como favoritos: Muxía-Xallas (Municipal de Arliña, domingo, 10.00 horas, Christian Sendón) e Cabana-Coristanco (As Redondas, domingo, 12.30 horas, Sebastián Pérez). 

Na competición infantil o Dumbría segue a mandar con man de ferro, e a pesar de visitar un dos rivais máis difíciles na súa última xornada (o Cee), a súa vitoria contundente, por 0-5, dá pé a poucas esperanzas para os rivais, que xa vixían a cinco (Os Miúdos) e seis (Outes) puntos a un equipo que non cedeu nin un só empate en catorce xornadas. O último equipo que medirá as forzas do líder, que pode pechar unha volta perfecta, será o Xallas (quinto clasificado), que visitará O Conco na matinal do sábado (10.00 horas, Iván Ferreiro).

Partido tamén, ao máximo nivel, no Conco, o sábado pola tarde, onde o Dumbría de Liga Galega Xuvenil recibe ao San Tirso (16.30 horas, Alberto Baña, Óscar Santos e Iván Ferreiro). O Dumbría está a facer unha temporada notable pero os postos de descenso están a apenas catro puntos, polo que sumar é de vital importancia, sobre todo despois de tres derrotas consecutivas. En fronte, o cuarto clasificado, que suma cinco xornadas sen perder, alternando vitorias e empates e que pelexará por non deixarse máis puntos que o alonxen da segunda praza de ascenso directo (agora, a cinco puntos).

Partido moi valioso para o Cee de categoría feminina, que xogará o domingo pola tarde no Sampaio de Refoxos fronte ao Noia (18.00 horas, Manuel Rodríguez) en busca de tres puntos que as igualen co Arzúa na segunda praza da táboa (estas reciben, pola súa banda, ao Santiso, cuarto clasificado). 
No fútbol veterano, que tivo menos parón (pois houbo xornada regular o 29 de decembro), o partido da xornada será no Municipal de Vimianzo (domingo, 10.00 horas, Bruno Méndez) entre Soneira e San Román.

Todas as designacións, categoría a categoría, competición a competición, como cada semana, en www.futgal.es.

Comentarios